Con moitas ideas para responder a esta pregunta, persoalmente, como grupo e como sociedade, marchabámonos o vinte de xuño os que participamos na segunda Xornada-Convivencia de Pastoral Penitenciaria da Diocese de Mondoñedo-Ferrol. Coa presenza do noso Bispo Fernando e como sempre ben acollidos pola parroquia de San Paulo de Catabois, parroquia que desde 1959 tén unha acción pastoral con sensibilidade especial cara aos presos ás familias e aos labores de prevención coa mocidade, visita aos cárceres e acollida nas saídas, con compromiso na reinserción e para evitar as reincidencias.
Coa SAÚDE MENTAL como centro, tivemos o agasallo de poder escoitar a Carmen Suárez Mujico que foi directora dos servizos médicos do Centro Penitenciario de Teixeiro e posteriormente directora do mesmo centro. E digo agasallo porque o que alí

puidemos escoitar, reforzado polo diálogo posterior con ela, procedía da experiencia persoal e profesional, como médica e como funcionaria de prisións, dunha persoa involucrada, comprometida, en resolver problemas a outras persoas: internos e ás súas familias e funcionarios. E fíxoo achegándonos datos e a súa valoración, feitos e valores. Relato a continuación o que puiden recoller e levar á casa, crónica e valoración subxectiva, por se vos
pode axudar a vós.
Como dato de partida a enorme porcentaxe de persoas con problemas de saúde mental, en maior ou menor grao, dentro das prisións. Sobre o 40% da poboación penitenciaria, máis do dobre que na poboación xeral.
Manter a saúde require unha ESTABILIDADE BIOPSICOSOCIAL e a saúde mental especialmente un equilibrio entre o individuo e a súa contorna. E así Carmen foi describindo os distintos factores implicados na enfermidade mental. Sen negar casos con un compoñente biolóxico-xenético, falounos dos factores que están na orixe destes problemas e QUE NON ESTÁN NO CÁRCERE SENÓN NA NOSA SOCIEDADE (ver esquema adxunto da Dra Carmen Suárez):
- Abuso de substancias
- Maltrato na infancia
- Desigualdade de xénero: muller coidadora, sobrecarga, violencia de xénero
- Factores económicos e ambientais: nivel de vida, condicións laborais, pobreza
- Factores políticos relacionados con recursos de protección social e apoios na comunidade
E falou especialmente da hiperDIGITALIZACIÓN da sociedade como xeradora de ansiedade e sufrimento, especialmente por mostrar ás persoas modelos, metas e desexos que xeran frustración ao non poderen ser alcanzados. O mundo dixital conduce ademais a relacións humanas nulas ou superficiais.
E falou da SOIDADE, detectada máis en mozos e anciáns, como factor de risco de enfermidade claramente documentado.
Pero Carmen tamén nos trasladou algunhas posibles respostas:
- Promoción da saúde mental a través da educación, da información e evitando estigmatización.
- Potenciar o acceso á atención psicolóxica mediante fortalecemento de servizos públicos
- Educación emocional desde idade temperá: na familia, escola...
- Fomento de comunidades saudables: espazos de encontro participación e apoio social: o valor do ASOCIACIONISMO
- Regulación do uso tecnolóxico.
Describiunos a súa implicación directa no apoio ás persoas con problemas de saúde mental que queda ben representada na creación do PAIEM (Programa de Atención Integral ao Enfermo Mental) durante a súa etapa na dirección de Teixeiro. Este proxecto feito realidade pon de manifesto que se trata dunha persoa que non se detivo ante respostas como "isto nunca se fixo así". O programa inclúe tres fases: recoñecemento, intervención e rehabilitación. Incorporou internos de apoio ao programa dando valor así á formación e apoio entre iguais. O programa inclúe tamén un sistema de avaliación para a mellora.
Lembrou a importancia do voluntariado e da colaboración da Pastoral Penitenciaria, destacando o papel da inclusión dunha abordaxe pastoral e espiritual no acompañamento a estas realidades.
E así ao longo da tarde foron xurdindo campos e factores, accesibles para a nosa acción cotiá, sobre os que actuar de forma preventiva, traballo esencial en saúde mental, ou sobre os que intervir unha vez instaurados: soidade, excesos dixitais, educación emocional...
Agradecemos a presenza na Xornada do seu marido, Víctor, tamén médico penitenciario, que a acompañou non só esa tarde senón en gran parte do traballo que Carmen nos relatou. A delegada de Pastoral Penitenciaria, Nieves Espiñeira, agradeceulle a dispoñibilidade de Carmen e o seu traballo en Teixeiro e transmitiulle o afecto en representación da Pastoral.
Os símbolos son importantes. E por iso compartimos café e repostería caseira ademais de conversa, antes de que Carmen deixase acendido de novo o Cirio Pascual.
Termino con este fragmento de "A misión das mans", meditación de Mamerto Menapace, benedictino de Arxentina: "Non temos nas nosas mans as solucións para os problemas do mundo. Pero fronte aos problemas do mundo, temos as nosas mans. Cando o Deus da historia veña miraranos as mans".
Grazas ao traballo de Carmen quizá algúns poidamos responder mellor agora a esa pregunta inicial: E nós, que podemos facer? que temos que facer?