Moitos dos que visitan a Farmacia Sampayo de Chantada, perciben o valor estético da arte que ofrece a moblaría e os utensilios nos que se gardaban os herbarios medicinais.
Entendo que a prioridade da clientela é atender ao que ditamina a receita médica e a información pertinente que aporta o farmacéutico, por ser os sabios máis autorizados no que respecta ás incumbencias que precisa cada doenza. Esta farmacia ten para a

clientela de Chantada unha grata ofrenda estética na moblaría que sustenta os seus produtos de oferta medicinal, con verticais fustes de madeira de caoba, nogueira e de outras madeiras nobres que privilexian e enriquecen eses labrados capiteis fitomórficos, evocando diversas especies botánicas, tan emparelladas coa bioloxía médica. Todo un contexto personalizado no rigor e na austeridade dun estilo en clave neoclásica, no que se concentran diversos arquetipos que guarnecen eses compostos de botica naturalista e outras particularidades de perfumaría.
Esta moblaría de mediados do século XIX, perfila unha personalidade estilística de alta consideración neses andeis e caixeiros, onde se expoñían artísticos frascos con fármacos terapéuticos. Este local era coñecido co nome de Farmacia Banante, máis tarde pasou a ser propiedade do farmacéutico D. Manuel Domínguez, sendo transferida, na segunda mitade do século XX, á farmacéutica Eva Aurora Sampayo e actualmente a sustenta o seu fillo José Ramón Fente Sampayo, que no futuro pasará a seu fillo, Ramón José Fente, tamén farmacéutico. Tres xeracións que fornecen ese espírito vital, apto para conservar tradición donoso.
Para José Luís Aulet, autor do libro: "Boticas (Las antiguas farmacias de Galicia)", Fundación Caixa de Galicia, Santiago de Compostela (2003), dedícalle un espléndido texto á Farmacia Sampayo, localizada na rúa do Comercio 23, situada na parte antiga e comercial de Chantada. Este autor manifesta a relevancia dos numerosos modelos de
albarelos (botes de conservación) da clásica cerámica de Talavera, con diversos formatos e texturas de florilexio, onde se preservaban aqueles produtos farmacéuticos.
Toda unha colección expositiva das antigas boticas que conforman estabilidade a este conxunto artístico, que podemos traducilo nun esclarecido pequeno museo farmacéutico, considerado un dos mellor conservados de Galiza, tal como apunta o investigador José Luis Aulet. Todo este abastecemento, tan funcional como artesán, merece un pouso visual para apreciar e dixerir toda esa continencia proclamada en nosas retinas que, intimamente, convídanos a meditar en todos os compoñentes desa oferta didáctica e pedagóxica que posúe a Farmacia Sampayo, predestinada a potenciar e dar fe daquelas boticas clásicas que continúan dando consistencia a esa ornamentación rigorosa da moblaría e da súa variedade de modelos cerámicos, como os albarelos que ostentan excelente policromía, algún deles lembran a arte mesopotámica e, sobre todo, a arte funeraria exipcia, con eses estereotipos cúbicos onde se gardaban especies naturais da flora e, tamén, ungüentos que colocaban nas tumbas faraónicas, para curar o corpo momificado, no seu longo camiño nos súbitos misterios da eternidade.
Os albarelos cerámicos, primordio da Farmacia Sampayo, teñen esa altiva distinción de pertencer á famosa e tradicional decoración de Al-Andalus, tal como as describe José Luis Aulet.

Estes valiosos e artísticos recipientes fornecen esa nomenclatura utilitaria de gardar herbas medicinais. Os custodios albarelos tiveron suma importancia na arte sanitaria, e non só, proba delo o manifesta o pintor e iluminador, Jean Bourdichon (Tours, 1457-1520), autor do Libro de Horas de Ana de Bretaña, en algúns de seus miniados renacentistas do século XV, aparecen os santos e irmaos xémeos, S. Cosme e S. Damián, médicos e especieiros de alta fama na Europa e en toda Arabia. Bourdichon, nos seus miniados, coloca nunha mao de Cosme un recipiente de vidro de botica, que o ergue como oferta dese transparente líquido cosmético; tal nome, para moitos, procede do de Cosme: cosmetico. E as maos de Damián, sustentan un albarelo cerámico con fina decoración renacentista, de finos requintes xeométricos da época, que fixeron escola nos recipientes aromáticos da cerámica europea e, aínda, localizamos nalgúns albarelos en museos monacais e farmacias con imitacións aos antigos vestixios decorativos de Jean Boudichon, concretamente na Farmacia Sampayo de Chantada. Outro dos iluminados, do pintor de Tours que coloca no "Libro de Horas de Ana de Bretaña", está dedicado a María Magdalena que leva entre as maos un albarelo ou cofre, con "aromas e
bálsamos", á tumba de Xesús (Evanxeo de Marcos 16, 1). Tal utensilio aromático, posúe pintura dourada e un formato xeométrico de múltiples rombos entrelazados.
Tradicionalmente, estes aparellos nutríanse de herbas medicinais e outros compostos procedentes de hortos botánicos naturalizados nos grandes mosteiros. Sinalemos dúas referencias femininas, que encheron de plenitude sanitaria a eses albarelos, Herrade de Landsberg, monxa de Alsacia do monacato de Sainte-Odile, autora do libro naturalista: "Hortus Deliciarun" (Xardín de delicias), publicado en 1167, constituíu unha especie de enciclopedia ilustrada do naturalismo do século XII. Neste mesmo século florece a inmensa Santa Hildegarda de Bingen (1098-1179), mística e abadesa bieita do mosteiro alemán de Rupertsberg. Sendo unha das mulleres que mais influíron na investigación botánica e no rexurdir decisivo dunha terapéutica que esclareceu excelentes adiantos na medicación natural do medievo. As súas descubertas nutriron a todo Europa dunha cultura sanitaria manifestada nos mosteiros bieitos e cistercienses.
Na Galiza contamos cun nutrido número de mosteiros bieitos e cistercienses, involucrados nas descubertas medicinais de Hildegarda de Bingen; espazos naturais que sustentan esa singular flora medicinal nos grandes mosteiros, onde localizamos históricas boticas nos mosteiros de Sobrado dos Monxes, Samos, San Estevo de Ribas
de Sil, Melón, Meira e a cisterciense de Oseira, a máis importante de Galiza, tamén no contexto e na dimensión de bens territoriais baixo o dominio do Cister de Oseira.
Podemos supor da avultada botica e da súa ciencia sanitaria que os monxes cultivaban. Todo un complexo de investigación sanitaria aniquilada pola impasíbel desamortización de Mendizabal, con seu enorme espazo natural dedicado ao cultivo e conservación de especies medicinais que nutriron a esa famosa botica. As propiedades baixo o dominio monacal da abadía de Oseira, na produción vinícola e de numerosos froitos e plantacións naturalistas, nese enorme feudo que este mosteiro tiña na parroquia chantadesa de Pedrafita e outras limítrofes que aportaron a Oseira a súa produción vinícola e especies botánicas que os monxes transformaban en infusións, plasmas e cataplasmas para calmantes, po e píldoras, todo un arsenal terapéutico de enorme notabilidade e mobilidade, que tiñan os mosteiros, entre eles, en menor medida, o mosteiro de O Salvador de Asma e o priorado feminino de Pesqueiras que cultivaron ese "Hortus Deliciarun" que propagou Herrade de Landsberg e Santa Hildegarda de Bingen. Destes cultivos de herbas sanitarias, a nosa labregancia dispuxo nas súas hortas dun pequeno espazo para cultivo e uso de plantas botánicas, chamada as "plantas contra a doenza", que eu lembro na miña parroquia de Merlán.
Mencionemos a dous botánicos bieitos, de importante estatura, na ilustración do século XVIII en Galiza. Falamos do Padre Martín Sarmiento (O Bierzo, 1695-Madrid, 1772), Foi un enorme revolucionario no estudo naturalista da flora galega e de extraordinarios estudos sobre plantas medicinais, sobresaíndo nese análise terapéutico, titulado:
"Disertación sobre las virtudes maravillosas y uso de la planta llamada carqueixa". Foi un dos precursores na restitución do idioma galego, que aportou no seu libro: "Glosario y esplendor de la Lengua Gallega". A instancias e encomendas do Padre Sarmiento, creouse o "Real Xardín Botánico" de Madrid, no reinado de Fernando VI, 1755. Como aportación histórica, diremos que Sarmiento, na súa viaxe a Chouzán, a visitar un sobriño monxe, en maio de 1754, pasou a ponte de Belesar e acomodouse unha noite, na casa grande do Bañal, dixo misa na capela e continuou viaxe cara o antigo mosteiro ribeirao.
O segundo deles foi Xoán Sobreira Salgado (Beade, O Ribeiro, 1746-Madrid, 1805), coñecido como o Padre Sobreira, foi un altivo botánico cultivado no mosteiro bieito de San Estevo de Ribas de Sil, onde tiña un depósito de recollida de herbas e plantas, que lle levaban os campesiños ribeiraos da entorna, coas que fixo relevantes investigacións sanitarias. Nesta dirección, colaborou co Padre Sarmiento (vinte e seis anos máis vello que Xoán Sobreira). Igual que Sarmiento, estivo comprometido coa habilitación doidioma galego, recollendo voces antigas, coas que conformou unha edición, titulada: "Papeletas para un Diccionario Gallego".
Todos estes utensilios da Farmacia Sampayo recollen as distintas fases da longa entrega histórica e tradicional, sustentadas no estudo e cultivo da nosa flora, empeño e investigación de tantos naturalistas e botánicos que fixeron posíbel esa cuantiosa aportación, da que dan testemuña todos eses albarelos, frascos de vidraxa e caixas de protección de medicamentos. Todo un prodixio de utilidade boticaria que conforma un rol fundamental para Chantada, que ben tiña que estar recoñecida de interese histórico-artístico medicinal.