O planeta das migracións
Pinto Antón, J.A. - viernes, 11 de julio de 2025
"A metade dos colombianos quere irse do país", no titular. Na veciña Venezuela superan esa porcentaxe: dous millóns de venezolanos malvive en Colombia. Na Nicaragua da estraña parella, o 50% escaparía se poidera. Aos mellores xornalistas, escritores, bispos e opositores non só os expulsan, róubanlles a nacionalidade. En Costa Rica xa non collen máis migrantes e exilados. Do resto de Centroamérica parte da poboación foxe espavorecida da violencia e pobreza para se estrelar contra a pobreza e violencia nos camiños a ningures, trens da morte, coiotes humanos e o insalvable muro USA.
Aquí, o Mediterráneo éche transitada e perigosa autopista de migrantes, axitada por ondadas de desesperación e medo. A auga salgada traga insaciable a miles de seres humanos sen importar sexo, cor da pel, idade.
As guerras da fin do mundo, e hai moitas, como a eterna de Afganistán, país non-país do apartheid contra as mulleres. A invisible guerra de Iemen. ¿Segue a guerra en Irak?. Agora a de Sudán, desestabilizando a veciños igual de pobres con migrantes que escapan da pólvora. A de Libia cos señores da guerra que tan bos negocios fan con armas, petróleo, gas e migrantes negros.
Migracións climáticas. Co deterioro do clima aumentan as zonas invivibles expulsando aos desesperados cara a países ricos, refuxios climáticos.
Son problemas graves. Mal resoltos provocan malestar social e corrimentos políticos cara á extrema dereita e posicións xenófobas. En EE.UU, na UE rexorde o peor nacionalismo. Érguense fronteiras e valados tan inútiles como aquela Gran Muralla Chinesa. Malia ás promesas do Brexit a chegada de migrantes ao Reino Unido triplicouse. Cantidades inxentes de euros tentan protexer os nosos medos: nunca será abondo se non concibimos o planeta como casa de todos.
Para 2050, un xigante africano Nixeria superará en poboación á UE. ¿Cantos barquiños de benintecionadas ONG serán necesarios para rescatar no Mediterráneo aos que non afoguen? Son problemas que afectan ao planeta casa da familia humana. Polo de agora, de Colombia, Venezuela, Centroamérica, países do Magreb e subsaharianos, Irak, Afganistán, Nicaragua, Sudán escapan os que poden, os máis fortes. E os seus países quedan máis desvalidos. Mentres o valor engadido da pobreza, migrantes con títulos, fainos máis ricos.
Só faltaba outra guerra no corazón de Europa, Ucrania, para asolagar de migrantes os camiños da desesperación. De nada serve crear habitacións do pánico nos países ricos se non somos quen de facer vivibles as outras habitacións do planeta. Os migrantes viaxan con pasaportes de desesperación e esperanza, e cos seus pes de camiñantes.
Queda a labazada final de El Roto: "Cuando todos migremos de todas partes, ¿a dónde iremos".

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora