Máquina do fango, Industria da Mentira
Pinto Antón, J.A. - viernes, 04 de julio de 2025
Os nomes cambian. Industria da Mentira. Difama, que algo queda. Máquina do Fango chamaba Umberto Eco ao que deshumanizaba e deslixitimaba ao adversario político. Con denuncias e bulos escandalosos e falsos. No seu libro "Número cero", o xornal ficticio Domani chantaxeaba a políticos e personalidades. Se a política é un foxo de crocodilos, ¿quen vestirá pel paquiderma para aventurarse na lameira? Vén de atrás. Recórdese aos sicofantes gregos. No teatro de Aristófanes aparecen estes precursores do fango, falsos delatores profesionais que cobraban polas denuncias. O bulo de sempre ten agora carácter viral pola difusión global, masiva, instantánea.
Cando no libro IV da Eneida o heroe e Dido se refuxian nunha cova a treboada non detén a Rumor. Voa a pobos veciños con cen bocas, cen ollos abertos desvelando a noite quente entre a raíña e Eneas. Agora non fai falta literatura clásica para que rumores e bulos corran lixeiros. Ocorríu nos graves disturbios racistas no norte do Reino Unido, terra estercolada polo Brexit. Tres nenas asasinadas e o fervor da xenofobia provoca un estoupido de violencia. Bulos online inventan a un musulmán solicitante de asilo. O Gran Idiota de X, que despedíu aos que velaban pola fiabilidade, bota gasolina "¡A guerra civil é inevitable!". A retórica tóxica dita sentencia. O bulo esvara polas cloacas das redes. Influencers do odio e da nada poñen na diana a inmigrantes. No amplificador do ruído a linguaxe deshumanizadora recorda tempos pardos do nazismo. É a colleita dunha década de xenofobia.
A Máquina de Fango parasita a corporación industrial da mentira. A autoría falsa do asasinato dos nenos de Southport e as incitacións á violencia contra mezquitas e centros de acollida alcanzan 27.000.000 visionados cun patrón pirómano similar. Nome árabe para o asasino. Fake news nas redes. Influencers. Incendio sen control. E desinformadores máis rápidos que os gobernos. Non importa que o xuíz desvele o nome do asasino. Ou que a metade das fake news veñan do leste ou doutra beira do Atlántico con extremistas expertos en copia e pega. Nos campos estercados de odio os bulos bolen.
Suponse que o Reino Unido, EEUU, a UE tomarán medidas implacables contra os matóns, contra a violencia fascista para que non acabemos no fango. A nivel individual a batalla está perdida: 'Non loites na lama contra un porco: el goza e ti acabas enmerdado'. Os gobernos teñen que atopar a vacina contra o tsunami de informacións falsas que destrúen sociedades. Perseguir implacablemente aos arquitectos do caos agachados tras as pantallas. Frear a impunidade de X, de Telegram. Implicar aos xigantes tecnolóxicos na loita contra o odio e a desinformación. Apagando a Máquina de fango. Desmantelando a Industria da Mentira.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora