Mateo e Uxía (11)
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 10 de julio de 2025
Capítulo once
(Historia de ficción. Os relatos históricos son reais)
De novo colle o coche Uxía e baixan da Frouxeira para vir comer con seus pais. Cádralles de pasar por San Martiño e Uxía indícalle a Mateo que alí queda a Basílica, ese monumento que tanto lle gustou ao licenciado en historia.
Mateo comentoulle a Uxía, "terás inconveniente en volver a San Martiño mañá?. Non, por que?, que se che esqueceu?, comentou Uxía. Nada, só é que me gustou tanto, que me apetecería darlle un repaso. Pois nada, comentou Uxía, volvemos mañá. Precisamente de iso che quería falar Uxía, teño que marchar, xa logo fai quince días que estou en Foz e vivindo á conta do que me dan meus pais e non pode ser así. Teño que polo menos buscar un traballo, polo tanto, dentro dun par de días voume para Ribadavia.
Uxía nada responde e Mateo mira para ela, pero a rapaza vai conducindo e atenta á estrada e garda silencio. Non dis nada Uxía?, pregunta Mateo, pero Uxía segue en silencio. Muller, di algo por favor, é mais doloroso ese silencio que unha boa hostia. Mateo, responde Uxía, que queres que che diga?, tes razón. Eu tamén teño que buscar traballo que así non podo estar, pero mira, ti en Ribadavia e eu en Foz, son moitos quilómetros Mateo, é moita a distancia. Pero volverei tan pronto poda, xúrocho, responde Mateo. Eu quérote e quérote moito e vaime dar que facer marchar, pero irás sempre na miña alma e no meu corazón. Vale Mateo, deixa a cousa así e falámolo pola tarde, agora vou conducindo e póñome nerviosa e non é o momento de falar deste asunto.
Chegados a Foz, baixan do coche e vanse á casa de Uxía. Entran e xa nada máis entrar hai un arrecendo a comida que multiplica a fame. Mamá, papá, xa estamos aquí. Moi boa hora filla, unha hora perfecta, dixo Sabela a nai de Uxía. Mira mamá, preséntoche a Mateo. Sabela e Mateo danse un par de bicos e acto seguido Uxía preséntalle a seu pai, Mateo, este é meu pai Antón. Danse a man ambos homes e Antón amósalle a Mateo o lugar onde se ten que sentar, na cabeza da mesa como invitado de honor. Acto seguido Uxía diríxese a Mateo e dille, Mateo, eu sempre o primeiro que lle ensino aos meus invitados nesta casa, é o baño, así que, aí o tes para que fagas o que precises e te laves as mans antes de comer. Grazas Uxía, pois tes razón que teño gaña de usalo, vou aló.
Volto Mateo do baño, todos se sentan á mesa e Uxía axúdalle a súa nai a servir. Sabela dille a Mateo, mira Mateo, estás como na túa casa, polo tanto, se algo do que che imos poñer non che gusta, dio con tranquilidade, que non hai peor cousa que comer algo que a un non lle gusta. Vale, respondeu, Mateo. Gústanche os lagostinos?, preguntou Sabela. Si, moito, respondeu Mateo. E gústanche as volandeiras, alegou Sabela. As volandeiras?, nunca as probei, dixo Mateo. Estou segura de que si Mateo, que as comiches, lle di Sabela, é que por aí chámanlles zamburiñas, pero non son zamburiñas que son volandeiras. Ai, pois si que as comín, pero non sabía que eran volandeiras, dixo Mateo. É que nós os de porto de mar, sómosche moi presumidos, dixo Uxía ríndose. Mateo, comenta Uxía, son volandeiras porque nas rías galegas as zamburiñas desapareceron e nin os biólogos saben porque. Son moi fáciles de diferenciar, a volandeira é totalmente circular e coas dúas orellas iguales e a zamburiña e máis ovalada e cunha orella grande e a outra sen ela ou moi pequena. Son da mesma familia o os nomes científicos son Chlamys varia- pola zamburiña e Chlamys opercularis pola volandeira. Pensaches que só sabías cousas bonitas ti, ou?, dixo Uxía ríndose.
Mateo, despois de poñerse morado cos lagostinos e as volandeiras, Sabela pregúntalle se lle gusta o bacallau, ao que Mateo lle responde, o bacallau é o meu peixe favorito. E comíchelo algunha vez á vinagreta?, pois non, dixo Mateo. Pois hoxe vai á vinagreta", lle di Sabela. Aquí na casa gústanos moito o bacallau e á vinagreta é moi sinxelo de facer, comentou Uxía. É como é, preguntou Mateo. Pois nada, fas unha vinagreta con cebola ben picadiña e pementos verdes e vermellos, todo ben picado e logo bótalo nunha cunca, bótaslle unha area de sal ao gusto e logo aceite e vinagre proporcional e tamén ao gusto. Nós facémola dun día para outro para que se concentren os sabores. Logo cunha culler bótalo sobre do bacallau que o podes facer cocido ou á prancha. Observarás que o bacallau quente e a vinagreta fría axudan a enriquecer un prato que é exquisito.
Acto seguido, Sabela puxo un entrecosto de tenreira que estaba para chuparse os dedos e unha vez rematado o xantar e comido a sobremesa e un cafeíño, ante os ollos interrogantes de Mateo, Antón o pai de Uxía, levantouse, recolleu a mesa e díxolle a Mateo, co teu permiso vou fregar, porque despois amontóaseme o traballo. Uxía quédase mirando para Mateo e comeza a rir que non paraba. Sabela pregúntalle á filla, pero de que te ris. De ver a cara de apampado que puxo Mateo ao ver a meu pai recollendo a mesa e dicirlle que ten que fregar. Mateo estaba certamente apampado e Uxía dille, sorprendeute?, pois vaite preparando que o que cociña non frega e o que frega non cociña, ou pensaches que ías ter unha criada?. Os catro botan a rir.
Rematado o xantar, Uxía dille a Mateo, vente ao cuarto de baño que temos pasta de dentes e cepillos de un só uso, pois sei que estarás máis a gusto coa boca lavada como me pasa a min tamén.
Despois dunhas horas na casa de Uxía e de conversa, a parella deciden marchar e nesta vez, tamén Uxía colle o coche e conduce ela, pero a sorpresa de Mateo é que non colle de cara ao hotel, se non que sal do pobo e sube por unha estraña estrada. Unha vez chegados ao alto, Uxía métese nunha área recreativa onde hai unha capela. Detén o coche, mete freo de man e dirixíndose a Mateo sen miralo á cara díxolle, esta é a capela do Bispo Santo, ese que ti te empeñaches en dicir que non existía e que se existía foi templario, bla, bla, bla, que xa nin me lembro do que dixeches. Pois vaia con quen perdo eu o tempo!!!, dixo Mateo. Ou sexa, que de canto che levo contado, de nada te lembras?. Mateo, é que foi tanto en tan pouco tempo, que xa non me acordo de nada. Xa, xa
dixo Mateo. Pero a que te lembras de cando che dixen que teño que marchar?. E por que cres que te traio aquí?, pois para falar de iso, porque se nos imos ao hotel, vas querer xogar aos médicos e non falamos nada do necesario.
Mira Uxía, comenta Mateo. Teño que marchar porque ben ves os gastos que teño, durmindo de hotel, comendo de restaurante e á parte os gastos do coche. Teño que ir a Ribadavia ver a meus pais, que por vir aquí nin os vin nin lles dei as grazas por pagarme as carreiras, e ao tempo, meu amor, teño que buscar un traballo. Ben, dixo Uxía, ata o de agora vas ben. Todo o que dis o entendo, pero unha pregunta: para ti entre nós hai algo?. Pois mira Uxía, non hai algo
, hai moito. Ti es o mellor premio que puiden ter de fin das carreiras. E vouche dicir máis, meus pais non son ricos, pero economicamente están ben, así que, encontre ou non traballo, dentro duns días vou volver a Foz e quero que veñas a Ribadavia a pasar uns días na miña casa comigo e con meus pais. Aceptas?. Si Mateo, acepto de mil amores. Quero que saibas que te quero e moito, pero antes imos amañar a nosa situación. Buscar un traballo e logo decidimos que facer, comentou Mateo.
Cando vas marchar, preguntou Uxía. Pois mira, mañá pola mañá visitamos a basílica de novo como quedamos. Despois comemos xuntos por aí, e pola trade marcho. Que che parece?. Viraste despedir de meus pais, non?, dixo Uxía. Por Deus Uxía, como non?.
Pois daquela, que che parece se imos ata o hotel xogar aos médicos?, lle arremete Uxía. Pois xa estás tardando meu amor!!!, comentou Mateo. Ai, unha cousa Mateo, ao chegar á Glorieta de Vilalba vou deixar a Xesús, que non quero que ande comentado no facebook que imos xogar aos médicos. Tes razón, que vaia de cotilla por outros lares, respondeu Mateo.
CONTINUARÁ o día 17 de xullo de 2025

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)