O mundo é seu
Trump atacou Irán. Non digo Estados Unidos, digo Trump. Que nin lle pediu permiso ó Congreso. Israel ataca a uns e outros. O caso é bombardear para seguir fabricando máis armas. Ser humanitarios non compensa, non dá cartos. A fabricación de armas, moitos. Ti dispara que outros rezarán polos mortos.
O sol ataca sen conciencia ás cinco da tarde. Perdón, non se ve un maldito raio de sol, pero o bochorno é tal que... pingas de suor caen sobre a mesa e sobre o caderno.

A diferenza desta calor con Trump é que aquela non mata a esgalla como mata este. A calor, o sol, por veces, si mata, pero non na forma nin na cantidade en que o fan as bombas ou mísiles de Trump e dos seus fillos putativos os israelís.
Trump está pasando de político -se é que algún día o foi- a un esperpento ridículo e, iso si, perigoso, moi perigoso. Calquera día tamén nos bombardea a nós. Ultimamente os españois seica lle somos un gran no cu e empezamos a entrarlle polo ollo dereito. Ou o esquerdo. Como os dous lle brillan de ansiedade e de mala conciencia... Quere que paguemos máis por estar na OTAN. Eu quero que nos saiamos da Organización do Tratado do Atlántico Norte.
Ás cinco e cinco da tarde non debería existir ningunha guerra. A estas horas tiñamos que estar todos estomballados, envorcallados ó sol, aínda con risco de pasalo mal. Mentres non se morra... as balas e as bombas matan. Tampouco debería haber fronteiras. Quen somos nós para dicir que este terreo nos pertence. Trump prohíbelle a entrada a cidadáns de doce países. O territorio é seu. O país é seu. O mundo é seu. A ditadura é súa. Israel é seu fillo.