O 11: Puír, reparar e restituir (2)
Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 11 de julio de 2025
Acción de gracias. Xesús dálle as gracias ao Pai; ¿e nós?
Mateo 14, 19: "...ergueu a mirada ó Ceo, dixo a bendición, partiu os bolos e déullelos ós discípulos, que á súa vez pasáronllos á xente. Coa mirada alzada, dixo a bendición..."
¿Que significa isto? ¡Que seu Pai, séxase, o noso Creador, é o dador dos froitos, así que compre agradecerlle canto nos vaia subministrando, comezando "polo noso pan de cada día"!
Mateo 15, 36: "Segunda multiplicación do pan: ... e rezou a acción de gracias..."
¡Iso, sempre!
Lucas 24, 36: "Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles Xesús no medio e díxolles: -¡A paz sexa convosco! Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito. Pero El díxolles: ¿Por que estades asustados, e a que veñen esas dúbidas? Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu!".
¡Resucitara; resucitárase a si mesmo; logo era Deus, segunda persoa da Santísima Trindade; daquela é certo, indiscutible, que non nos enganou, así que, a seguirlle as leccións; seguilas, acatalas, pois non temos outro camiño para ir ó Ceo! E de agradecidos, poñámonos de xeonllos ante o noso Redentor!
Xoán 11, 40. Cando lle devolveu a vida a Lázaro: "Xesús contestoulle: ¿Non che dixen que se cres, vera-la gloria de Deus?".
Tamén nos a veremos, no seu día, cando se nos arrede a pedra material, cando a nosa alma se despida do corpo cun "¡Deica logo, que me vou examinar..., e se aprobo será porque me preocupei de puírme, de reparar, de restituír...; en definitiva, de acatar os Evanxeos!
-.-
Acepción de persoas. Aprendamos a distinguir o relixioso do profano; e con relación ao próximo non nos deamos a altura que non temos. "Se Deus se achegou a nós e se igualou connosco, non podemos nós pola nosa parte pretender ser superiores ou máis dignos cós que viven a carón noso". (Manuel Cabada Castro, no seu "Darse sen contrapartida").
Mateo 22, 15; Marcos 12, 13; e Lucas 20, 24: "-Mostrádeme un denario. ¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición? Contestáronlle: É do César. Xesús replicoulles: -Pois logo ó César o do César; e a Deus o de Deus".
Non sempre é doado distinguir entre obrigas civís e obrigas relixiosas, pero, en caso de dúbida, teólogos hai! Acudir aos avogados nunca nos deu vergoña aos galegos; e consultar con teólogos, si?
-.-
Adopción divina. Vestímonos de gala cando cambiamos de estado; e para ingresar na DOC, na Divina Orde Celestial, que?
Mateo 5, 9: "Ditosos os que traballan pola paz". 12, 48/50: "...E, sinalando coa man os seus discípulos, dixo: Velaí a miña nai e mailos meus irmáns. O que cumpre a vontade do meu Pai Celestial ese é o meu irmán, a miña irmá e maila miña nai".
¡A paz familiar! Nesta adopción divina, nesta paz familiar, sen ser nada somos moito, sómolo todo, somos membros da familia celestial. Señor, eu estaba orgulloso de ser un Gómez, un descendente daqueles Gomá da Suevia, pero desde que participo do cristianismo pasei á familia celestial, á de Cristo! ¡Gracias, Señor! Agora este é o meu escudo familiar:
Xoán 1, 17-18: "Pois a Lei deuse por medio de Moisés; a gracia e a verdade realizáronse por Xesús Cristo. A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seu do Pai, foi quen nolo revelou".
A Deus verémolo de cerca cando, co seu perdón, coa adopción cumprida e perfeccionada, nos mande pasar pola Porta de San Pedro; pola de Lugo xa pasei, mais agora pido o pasaporte para entrar pola outra, pola celestial ¿Requisitos? ¡Ir lavadiño, coa ánima purgada, así que daquela nunca é cedo para comezar o noso puído!
-.-
Adoración. ¡Que xa está ben de ídolos e de vicios!
Mateo 4, 10: "Entón replicoulle Xesús: Arreda, Satanás, porque está escrito: Só ó Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto".
¡Vade, retro, que agora eu tamén sei a quen adorar: tantos vicios, tantas desviacións coas que o mundo e maila carne me foron tentando, e resulta que aqueles non eran os camiños: eran os carreiros do erro, e por tanto, da perdición! Na noite da vida non quero volver ao monte sen o farol da fe, ese farol que tanto interese pon Satán por apagalo, mais agora sei que a luz do inferno non aluma, queima!
Xoán 4, 19: "A muller respondeu: Señor, vexo que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós decides que é en Xerusalén onde hai que adorar. Xesús díxolle: -Faime caso, muller; chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes ó Pai. Vós adoráde-lo que non coñecedes; nós adorámo-lo que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora -é xa agora- en que os verdadeiros adoradores adorarán ó Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e compre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade".
¡Hai mundo, mundo, que errado estás, que errado nos tés: os vicios da carne, as tentacións do luxo e das riquezas..., todo iso é veleno para a alma; danlle gusto ao corpo, e para iso, non sempre, pero trátase dunha miopía atroz pois o corpo, os corpos, son tan só unha materia putrefacta que sostén a alma no seu proceso de preparación, de execución e..., de perfección! Daquela os corpos veñen a ser unhas ferramentas coas que puímos a alma, e xa se sabe que non hai ferramenta que non sexa perigosa se dela facemos un uso torpe, torpe e/ou temerario!
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.