Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (23)

Otero Canto, Xosé - viernes, 27 de junio de 2025
Canzón de Lúa e Sol (1)

Son 14 estrofas de catro versos cada unha, que fan un montante de 56 versos heptasílabos con rima oxítona e asonante en todos os versos pares e de aí que haxa que contar unha sílaba máis segundo as licenzas métricas e poéticas, por iso os versos pares son todos versos hexasílabos aos que se lles ten que engadir unha sílaba debido ao seu carácter oxítono, quedando todos eles en versos heptasílabos, aínda que os versos impares carezan de rima.
A medida é perfecta, como sempre ocorre en Avelino, é moi raro que o noso autor se equivoque nunha sílaba ou nunha rima, o que nos leva a pensar que Avelino cando traballa fai as cousas sempre ben, de aí que o quixeran como oficinista en traballos de cuestións de detalle e económicas porque el mesmo dá fe a través da composición e métrica das súas poesías que nos indica que se podía confiar en todo o que este home fixese.
Continúa Avelino empregando CUARTETAS ASONANTADAS, concretamente 14, en todas elas o autor vai acumulando lembranzas ou recordos da súa vida en Galiza, son polo tanto cuartetas autobiográficas nas que vai deixando constancia da súa vida e das moitas acordanzas que o corroen e das que non pode desprenderse; a única maneira que ten é expresalas poeticamente para que así quede liberado desas teimas que na súa vida persisten con obstinación, chegando a ser unha obsesión como recordos de infancia e de xuventude.

Primeira cuarteta:
Dá comezo a súa autobiografía dicíndonos que xa sabemos que son lembranzas nas que expresa o título de "Canzón de lúa e sol", pero esta canción está interpretada por un xílgaro, que é unha metáfora de Avelino que como xílgaro vaille cantar á lúa e ao sol desde a gaiola de Buenos Aires, na que se atopa agora. Obsérvese como Avelino está en terras de ultramar, non contento, senón como xílgaro na prisión da gaiola cantando para a súa Galiza que tanto ama e amou e que, aínda hoxe, nada lle deu. Esperemos que algún día destes se salde a débeda con este autor.
Lembranza do pasado,
canzón de lúa e sol.
Do peito na gaiola
un xílgaro cantou.

E Avelino canta desde o "peito", é dicir, desde o seu corazón para todos nós.

Segunda cuarteta:
A me aledar viñeche
Lembranza do que foi
i-estrelecido orvallo
a ialma me mollou.

O autor alédase lembrando a Galiza, lembrando os seus recordos como "estrelecido orvallo". Que figura tan bonita! Os cristais representados en gotas que son estrelas de orballo que nas mañanciñas tantas veces tripou polos prados, cómbaros e camiños da súa existencia e que avivan a súa alma, que se sente mollada por esas gotas da alborada que nos definen a todos os labregos e á xente pobre de Galiza, que nos levantamos ao albor para traballar e setímos o orballo como un regalo dos deuses da noite ou dos trasnos facendo estreliñas coas gotas da alborada nun xogo de esencias e de beleza que queda no recordo.

Terceira cuarteta:
Despois de presentarse o autor como xílgaro cantor e de que a súa alma está mollada co orballo da nosa terra, nesta terceira cuarteta tócalle á lembranza de súa mai amorosa, dándolle bicos ao meniño e arrolando a Avelino no barrelo arrandeado para conciliar o sono e tamén cos contos do avó, entendemos que o avó materno porque o avó paterno non cremos que fose por ser Avelino fillo de moza.

Da nai amorosiña
os bicos i-arrou-rou,
arrandear do bercio,
i-ôs contos do abó.

Destaca a onomatopea, "os bicos i-arrou-rou", que se di aos nenos para durmilos e que está formada por unha serie de consoantes vibrantes que fan o efecto da música e que tal música está tamén na mesma palabra "arrolar", que xa ela soamente coa súa pronuncia fai o efecto de Morfeo nos bebés e picariños de poucos anos.

Cuarta cuarteta:
Escola: Silabrio,
Astete i-ó Catón,
historias de xudeos
i-â xostra do mentor.

O autor, logo de ir percorrendo o seu nacemento, agora xa está na escola. Débese lembrar que Avelino de pequeno ía á escola como os outros nenos da nosa terra, soamente cando chovía, porque os outros días había que traballar e a escola era sempre secundaria ao traballo. Tamén nos di o autor que na escola ensinábase moita doutrina e poucos coñecementos segundo el mesmo nos informa na revista "Alborada nº125":

Cando tiña qu-ir a escola
non puiden, pois, houben ter
que traballar, sendo neno,
dend-aurora ó noitecer
e, somentes se chovía,
d-escola puiden saber.

O propio Avelino exerceu de mestre do ferrado cando volve a Meira en 1916, o que nos quere dicir que era un home que mantiña estes recordos e así fai nesta cuarteta na que nos di en que consisten estes estudos que veñen sendo: o silabario para principiar a ler, o catecismo do padre Astete, do que tamén fai lembranza no poema inédito "Que me deches", recollido por Marivel Freire:

N-aquela escola, doutrinas.
Cristos van e Cristos vein,
oracións e letanías,
mais oracións e, tamén
calvarios, cal se n-houbese
d-abondos calvarios eu.
¿Ler i-escrebir? Cuase nada;
( . . . )
e s-algo soupen despois,
foi pol-os esforzos meus.

Logo fai referencia ao libro escolar de daquela "O Catón" e tamén recorda as historias de xudeus que estarían inmersas na vida de Xesús de Nazaret. A pedagoxía naqueles intres non existe seguindo a máxima de "a letra co sangue entra", facendo alusión á xostra como único contido procedemental, despois do Catón, que empregaba a miúdo o seu mestre Antón de Meira, que o mesmo Avelino explica no poema "Así foi" no que nos conta como lle zurraba a el e a outros rapaces (porque non sabían sumar ben), castigo que nunca lle aplicaba aos fillos dos ricos.

Quinta cuarteta:
Os prados verdescentes,
o milleiral en frol,
as vacas no lindeiro
i-o neno de pastor.

Nesta estrofa volven os recordos da súa benquerida Galiza toda verde e o millo florido, como se fose unha estampa impresa nas súas lembranzas onde os pequenos alindaban as vacas polos cómbaros, que eran eses espazos que quedaban entre as fincas cuxa herba había que aproveitar, mais cando iso sucedía nas cortiñas había que ter moita precaución porque aínda que levases as vacas pola corda, nun pequeno descoido, collíanche as verzas ou os nabos do veciño, o que sempre levaba consigo unha reprimenda do pai e do dono do outro lindeiro, por iso aos pequenos levábaos o demo cando lles mandaban alindar as vacas. Eu penso que os pais xa o facían adrede porque os nenos tiñan menos responsabilidade por ser iso, nenos.

Sexta cuarteta:
Amoras das silveiras,
meleiras d-abellón,
os niños dos paxaros
e troitas en gambós.

Ese poema pode estar inspirado no poema de Rosalía de Castro "Adiós ríos, adiós fontes", tamén escrito en cuartetas asonantadas, concretamente a cuarteta quinta do poema de Rosalía cando di:

Amoriñas das silveiras
que eu lle daba ô meu amor,
camiñiños entre o millo
¡adiós para sempr'adiós!

Quen, de pequeno, non se enlarafuzou collendo as amoras das silveiras por conseguir ese sabor tan característico e rico destes froitos silvestres, tamén moi apreciados polos paxaros que o van sementando polas terras e inzando de silveiras os sitios onde pousan. Avelino tamén se lembra dos pequenos panais de abellóns ou abesouros que os facían nas herbas altas e nos matogueiras baixas e que eu recordo, de pequeno, o meu pai dérame un día daquela mel silvestre e eu, como pequeno que era e nada sabía, quedara abraiado con aquel sabor que aínda hoxe perdura nos recordos das miñas papilas gustativas.
O autor tamén ten acordanza dos niños dos paxaros que cando eramos pícaros abesullabamos entre as silveiras e sitios de abondosa follaxe á procura dos niños de paxaros mentres polo verán durmían os nosos pais a sesta necesaria e reparadora.
Outrosí os gambitos feitos xeralmente de pólas de salgueiro gallado polo que se ían poñendo as troitas meténdoas polas galaxas e sacándoos pola boca das troitas. Estes gambitos usábanse cando non había cesto das troitas que era ao mediodía cando se ía ás troitas á man fregándolles as mans por debaixo da barriga nas paleiras ou ben apertándoas nas oucas e pasándoas ao gambito ou gancho que se levaba prendido no cinto.
Continuará...
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES