¿Por que non participamos nas Catequese de Adultos?

Cando Xesús chama á nosa porta, ¿por que non lle abrimos?
Con respecto ás Catequeses dos adultos, Roma tennos dito que, ao dalas, as informacións deben ser sempre exactas e actualizadas; que os argumentos teñan unha concatenación lóxica, e que o discurso faga referencia, tamén, aos datos da experiencia, da cultura e da ciencia, que son moi significativos nos tempos actuais. Que a Catequese dos adultos terá un éxito meirande se se presenta aberta ao encontro entre fe, cultura e ciencia, para unha mutua integración, respectuosa das competencias recíprocas. ¡En definitiva, sabendo o que se fai, e facendo o que se di!
A nosa vida en Cristo. (Carta de Paulo aos Romanos, 12, 1-2). "Rógovos, irmáns, pola misericordia de Deus, que ofrezáde-los vosos corpos como sacrificio vivo, santo, grato a Deus: como o voso culto espiritual. E non vos instaledes no mundo presente. Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto".
A renovación da mente, xa que logo, ten que ser, debe ser, unha disciplina continua e progresiva. Tras das carreiras, o máster; e a continuación, manterse ao día; pois en relixión, o mesmo, e non quedarse coa elementalidade infantil, coa da catequese infantil.
Hoxe as ciencias adiantan que é unha barbaridade..., dixeron en "La verbena de la Paloma", (música de Bretón e libreto de Ricardo de la Vega). Isto, que é verdade, que adiantan en progresión xeométrica, trae consigo unha esixencia, a de afondar na teoloxía para enfrontarnos ás desviacións dos científicos, pois con tal de descubrir unha formuliña, un remedio, endiósanse, súbense aos cangos, e téñense por deuses, eles, en completo ateísmo. ¡Atérrame, preocúpame, este desequilibrio entre relixión e ciencia!
Daquela, que piden, ou más exactamente, que esixen os niveis da cultura actual? ¡Apostolado, simplemente apostolado! E para discutir cos sabios, ou que por tal se teñen, non hai outra que avanzar pola teoloxía, superar aquel catecismo escolar. Que

xa temos as homilías? ¡Si, pero iso só vale, só forma, aos que van á Misa!
Señor Santiago, non permitas que a nosa Gallaecia volva a ser terra de misión..., co traballo que che deu convencer aos nosos entregos!
-.-
É moi san pasar polo quirófano... , para os corpos, pero tamén para as almas! Iso pensaba eu, daquela, en "Junio do ano 2014", cando dediquei, e subín ao meu blog, un libro así titulado,
Dedicado ao Dr. D. Javier Rodríguez-Rivera García, urólogo, emperrado en extirpar os pólipos da miña vexiga, pero eses condenados, eses "fénix", de cando en vez renacen das súas cinsas.
Moi agradecido,
Xosé María Gómez Vilabella
pero esta semana, que volvín a pasar por outro dos quirófanos de don Javier, tiven a sorpresa de que, por tras da cruz, tamén pode andar o diabro. Por se a alguén lle serve de escarmento, vouno referir ao pé da letra:
Separadas as dúas camas por esa colgadura, ou saba, branquísima, pero que non impide a clara audición dos lamentos respectivos, propios das circunstancias, outro operado... Varón, por suposto, xa que lle vira as barbas cando me levaron á, para min, bendita habitación 208. O tal ¿señor? falaba, ou discutía, que diso non estou certo, cunha señora, que polo ton da súa voz xa debía estar entrada en anos. A operación do encamado non debeu ser moi dolorosa xa que falaba forte, levando naquela conversa o que se di, o que se entende, por "a voz cantante".
Eu, servidor, na miña convalecencia, tiña as orellas tan desexosas daquel silencio que tiñamos no deserto do Sáhara, ¿seguirá habéndoo?, que prefería deitarme nunha duna areosa que naquela cama de brando colchón. O meu fillo, na súa incómoda sela dos acompañantes, a tal momento estaría durmido xa que lle oía un respirar profundo, pero eu..., de Morfeo nin os brazos, para canto máis os abrazos! O veciño, que non paraba, fosen explicacións ou improperios. ¡Tres ou catro veces invocou a Deus, pero... para ofendelo!
Se chego a ter forzas, ou forza de vontade, ou as dúas, o que me apetecía era berrarlle:
-¡Oia, veciño, que para iso de cagarse xa temos a saba de debaixo!
O meu escándalo tamén tiña / tivo moito de sorpresa, con medio século de distancia, pois aquel tipo de blasfemia, ¡a Deus grazas!, non volvera a oílo desde a miña infancia, na miña remota aldeíña, e para iso só, tan só, a catro incultos, ou rebeldes, pois as dúas cualificacións merecerían, asemade.
En paralelo, outro pecado meu, dos de omisión, pero..., ¡seguín calado! Tan só ao día seguinte, cando me deron a alta, e como fórmula de despedida, díxenlle:
-Quede con Deus, e que tamén El vaia comigo, para que non teñamos que vernos de novo..., nunha habitación destas! (Disimulei).
El, por toda resposta:
-¡Adeus, señor!
Daquela estiven a punto de dicirlle:
-¿Vostede sabe o que significa iso de Adeus? ¡Pois élle..., A Deus te encomendo, e que El te acompañe!
Outra vez covarde. E logo din que é máis doado predicar que dar trigo! Estou cambiando de opinión pois, a tal momento, custaríame menos esforzo, se trigo tivese, darlle unha fanega, que botarlle un predicote ao tal veciño.
Por se a presente vale de predicote..., ¡ata o Ceo, amigos!
-.-
Hermanos, morir habemus.
Xa o sabemos, pero..., Señor, dáme un pouco máis de purgatorio neste mundo, aquí na terra, que lle teño medo ao outro!
Falando da morte; tomándoa en serio: A partir da paixón, morte e resurrección de Cristo, este vocábulo perdeu o seu significado; agora deberamos chamarlle Vida, ¡a vida con maiúsculas!
Matinando en como será a entrada no Ceo, ¡a entrada na vida eterna, na pura, na perfecta, na indolora!, coido que son capaz de formarme unha imaxe mental lembrando aqueles gozos meus de cando volvía á casa paterna despois das miñas ausencias: ¡Deus, que goce, aquelas apertas, cos pais, cos avós, cos amigos, cos veciños, cos carballos da nosa carballeira...! Pois entrar no Ceo ten que ser algo parecido: ¡Volvemos, tornamos, ao Paraíso, do que nos botaron aquelas miserias, aquelas tentacións; volvemos á Casa de Deus!
¿Os espíritos, as almas, abrázanse? ¡Espiritualmente, si! Daquela, quen estará na porta agardando pola miña chamada? Espero que mos presente o meu chofer, o meu Anxo da Garda, ao que lle pido, desde xa, que toque a bucina ao pasar pola Aduana de San Pedro para que se decaten da nosa chegada, para que saian a esperarme, de ser posible todos aqueles polos que teño rezado, ¡xa que creo na Comuñón dos Santos!
Arriba si que se cumprirá, á perfección, aquel indicativo do Mestre: "Coñecerédelos polos seus froitos". Alí só estarán os bos, os purgados, así que cabe esperar que brillen coma o sol, ¡ou máis! ¡Deus, que día de goce me espera..., con tal de que suba lavado, perdoado!
-.-
¡De momento, de presente, estamos aquí na terra, que é moi grande, e dá para moitos nichos, así que, deixémonos de ruindades; abracemos, irmandemos, o Oriente co Occidente, e o Norte co Sur!
Xosé María Gómez Vilabella
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.