Axudar ao próximo
Falando de facer méritos: ¡Campo e oportunidades temos, así que é cousa de aproveitar este transo térreo!

O meu modelo é, ten que ser, debe ser, a Verónica. Pedro ía para Papa, pero a Verónica foi a primeira misioneira da Igrexa, a primeira persoa que predicou co exemplo. ¡Así llo premiou Cristo, xa en vida, dedicándolle a súa foto!
Eu creo na Verónica, por máis que o machismo da época non recollese a súa intervención, pero..., ¡seguro que a houbo! As mulleres, desautorizadas pola Avoa, por Eva, pero levadas polo seu instinto maternal, sempre fixeron por lavar a súa honra, sempre foron misericordia pura. Tanto que admiraban a Xesús as súas paisanas, ¿como non ían sufrir cos seus sufrimentos, como non se ían doer do Mestre, como non ían limparlle, con piedade, os seus ollos desencaixados polas malicias e pola incomprensión xudía?
En cambio, os homes ben que se ocuparon dos homes, que ata subiron á Historia a un labrego de Cirene, que casualmente volvía da leira, (Mateo, 27:32), "Ó saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a leva-la cruz de Xesús". (Máis ben foi axudarlle a levala). O da leira dino Marcos, en 15:21, e tamén Lucas, en 23:26.
¿Onde estou, a cal teño imitado? Señor, perdón, mea culpa, pois, e non só no de labrego, senón e tamén, en cargar coas cruces, ¡porque me conviña, ou porque non puiden evitalas!, ao Cireneo quen o imitou fun eu! No sucesivo, no que me quede, permíteme pasar ao lado da Verónica, darlle o meu voto, imitala niso de apiadarse dos teus sufrimentos, ¡meus en definitiva! ¡Ai Verónica, Verónica, bendita sexas, pois, ademais da túa obra divina, o exemplo que nos deches é impagable! ¡Que Deus cho pague, que xa o ten feito, como demostrado queda!
Nesta vida danche cruces por calquera cousa, ¡eu teño unhas cantas!, pero a Gran Cruz pola que suspiro, a Gran Cruz que espero da túa benevolencia, Señor, é a de imitarte, a de seguirte: Ti, Camiño do Calvario, realizando a miña Redención; eu, un labrego, outro, que volve da horta, contemplando impasible o teu Viacrucis, mais espero, e desexo, cambiar de actitude, contribuír no sucesivo a secar as bágoas do próximo, tanto como alcance o meu pano, que é máis pequeniño có da Verónica, pero..., polo menos imitareina!
-.-
O problema da transmisión
Esta é a miña, e por tanto, persoal, reflexión; daquela, que ninguén me tome en serio xa que non son teólogo.
Sei que existo porque penso, pero, ¿saberei pensar posto e suposto que o único que fago, ¡que facía!, ben feito, eran as zocas?
Penso, e por tanto digo: ¿Onde está a alma? No propio corpo, que é o seu portador transitorio, séxase, neste, e durante este, tránsito terreal!
A outra pregunta que me fago é a seguinte: ¿O Adán e maila Eva, cando tiveron os fillos, antes ou despois da súa terrible, e por tanto punible, soberbia, aquela que lles inculcou Lucifer, aquela sublevación, consentida, aceptada, contra o Ser Supremo, seu Creador? Para min está claro, isto si: pecaron antes de te-los fillos, que aí está o misterio desa maldita herdanza. ¡Tiveron os fillos despois de enxurradas as súas almas!
Lanzados do Paraíso, perdidas as súas facultades inmunolóxicas, tanto do corpo como das almas respectivas, entregáronse á paixón, e..., ¡xeraron! Daquela, onde tiñan as almas? ¡No seu corpo, por suposto, así que, ao unilos, coa semente traspasaron alma e corpo, unha semente, un gaxo das dúas cousas, e como ambos pecaran, como ambos desertaran..., ¡co seu ADN xeraron pecadores!
Daquela as almas non as recibimos ao nacer exterior senón que se inician, acompañan, na nacenza auténtica, na formación interior, que é a verdadeira nacenza do ser, pois iso de saír ao exterior é simplemente unha emancipación nutritiva; de formados, de conformados, xa robustos, sóbranos o cordón umbilical!
Efectuada esta transmisión, esta conxunta, perfecta, completa, alma e corpo, hai que deducir que tódolos métodos que non sirvan para evitar un encontro dos espermatozoides cos óvulos, é criminal: ¡Matamos un novo ser; un ser vivo, feito, xa feito, con toda a herdanza recibida, aínda que non fale, aínda que non respire polos seus pulmóns! ¡Invisible, pero, todo un drama; un drama que lle pasa inadvertido á humanidade, mais non a Deus!
A Virxe María, concibida sen pecado orixinal... ¡Claro e rotundo, pois Deus non ía xerar un Fillo nunha muller pecadenta, impura! Aquí cabe preguntarse: ¿Non lle viría xa de súa nai, de Santa Ana, que a concibise por obra e graza do Espírito Santo, e non do Xoaquín, outro San Xosé? Non precisamos sabelo, pois, para salvarnos, chéganos con cumprir a vontade de Deus. ¡Fagámolo, e non nos pasemos, como fixo Eva, Eva e mailo seu Adán, mal aconsellados, e eles, obedientes ao inimigo malo, a ese inimigo promotor da soberbia e dos malos pensamentos! ¡Vade retro, Satana! (Marcos 8, 33)
-.-
As comunicacións:
De Deus comigo, e miñas con Deus. As ganas de romper os silencios.
Que Deus se comunica comigo, ¡de mil maneiras!, téñoo ben sabido, ben experimentado; pola miña parte, maiormente cando estou no campo, na súa soidade, daquela séntoo moi cerca e fálolle; trato de facelo co corazón na man!
Nas cousas que me levan pasado, en especial nos perigos dos que fun saíndo dun xeito visiblemente milagroso, sentín que Deus estaba cerca, que tiraba de min para sacarme dos abatementos; faloume en silencio, pero, faloume!
Pola miña parte, salvo cando me chamou para o convento de Herbón, e non fun, no resto, fose polo día ou pola noite, e por veces, ¡moitas!, con moito atraso, sempre procurei acordarme de darlle as grazas; abusando de confianza, iso si, porque sempre lle chamei de Ti, mentres usaba o vostede, incluso, para os inimigos.
¿Fun unha excepción? ¡En absoluto, pois Deus é tan bo compañeiro que incluso lles fala a eses que din ser, e proclamarse, ateos! Os seus "Cave ne cadas" non son en latín senón na lingua de cada quen, sexa ou non cristián.
Outro tema, outra circunstancia, son as conversacións restrinxidas, breves ou inexistentes, con todos aqueles que me deron o seu afecto ao longo dos anos. ¡Ai, Deus, que ganas levo de falar cos meus, coa miña xente, tanto cos parentes como cos amigos! ¿Darasme esa oportunidade? Cada vez que preguntei a algún teólogo se se fala no Ceo, ademais de loar a Deus, a súa resposta foi lacónica: "Aló non temos lingua, pero si comunicación espiritual".
A mecánica neste caso é o de menos, non importa; o que si me importa é poder comunicarlles canto os quixen, canto os admirei, canto deles me lembro; e á vez pedirlles perdón pola pouca atención prestada xa que se me ían os ollos para as belezas térreas, fosen mulleres ou flores.
Se é posible esa comunicación, como xa están santificados espero o seu perdón..., se é que non esgotei aquela cota das setenta veces sete!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.