Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 25 de junio de 2025
Pensar e acertar

Pensa rápido e acertarás. É un dicir. Eu non lle atino a un burro a tres pasos. E iso que unha vez, de neno, tireille ó chou, ó azar unha coíña a unha mazaira e cando vin caer un pardal fóiseme o mundo ós pés. A única vez que atinara na miña vida... para mal. Mala fortuna para o paxariño.
Non era pensa mal e acertarás? Nisto si hai moita concordancia. É como cando din que o primeiro pensamento é o que vale. O de pensar mal case é lei de vida. Por unhas causas ou por outros motivos, somos tortos. É así a nosa natureza, a nosa forma de ser. Pensa mal e acertarás. Fágoo moitas veces; o de pensar mal e acertar. Algo adiviño sempre fun. Ou bruxo. Ou meigo.
Pensa lento e acertarás. Case mellor desta maneira. Na lentitude vai o razoamento. Aínda que hai razoamentos que... que te levan ó de pensar mal e acertar. Porén, pensando lentamente hai tempo para analizar os proles e os contras, os máis e os menos, os reveses e os enveses. Que non sexa tampouco moi lentamente. A nosa vida está programada para as présas.
Pensa ben e acertarás. Non sei, non sei. Xa dixen que somos moi propensos a ser tortos. Cando un se torce, practicamente é imposible endereitalo. Somos como as árbores sen guía, sen puntais. E torcemos cun simple asubío.
Pensa dereito. Pensa cun sorriso aberto. Pensa cunha gargallada escandalosa pero bonita. Pensa coas pernas dobradas sobre a cama. E coa cabeza sobre a almofada. E cando tangues as vacas. Pensa esperto. Pensa durmido. Pensa soñando. Soña bonito.

Soltar tinta ou a cor

O debate iniciouse polo nome, en galego, que se lle daba á acción de facer que solte a tinta ou a cor [unha cousa que estaba tinguida], que, na nosa parola en concreto, era unha prenda de roupa. Realmente é destinguir e, como sinónimo, destinxir.
Porén, o coloquio derivou cara ó uso que lle dabamos cada un dos participantes, que, por desgraza, non era o de destinguir, ou sexa, o real. Eu sempre dixen "destiñir" (non destinxir), influenciado por suposto polo castelanismo que nos meteron á forza. Coido que incluso algunha vez puiden deixar caer "distiñir".
Unha das persoas do faladoiro, da zona de Lobios, comentou que por alá sempre dicían "desbotar", que, en galego, significa realmente "non aproveitar ou non aceptar [unha cousa]". Foi a partir de aquí cando souben, certamente xa hai tempo que o sei, polo que case é mellor entón dicir cando confirmei a riqueza da nosa linguaxe. Poida que, lingüisticamente ou gramaticalmente, moitas palabras sexan erróneas por influencia de... Pero aínda así deberiamos aceptalas porque sempre teñen un algo con respecto á súa procedencia ou ó seu uso.
Hoxe en día -por aquilo dos arquivos dixitais- todos os dicionarios deberían aceptar aquelas entradas erróneas, coa súa correspondente explicación, por suposto, para saber das costumes, dos hábitos, dos usos doutros lugares. Eu teño unhas cantas de exemplo pola zona de Baños de Molgas, que usamos pero que non saen no dicionario da RAG, que por falta de espazo deixarei para outro Pingas.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES