Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - lunes, 23 de junio de 2025
Orxía de Sangue

Lendo no libro "El viento conoce mi nombre", da peruana Isabel Allende, na súa páxina 85, atopeime con dous parágrafos nos que falaba da matanza do Mozote, no país do Salvador, en América Central, acaecida durante os días 9, 10, 11 e 12 de decembro de 1981, aínda que pasaría máis dunha década para que a verdade aflorara por contagotas, porque, como di a Allende, nin ó Goberno do Salvador nin ó de Estados Unidos lles conviña que se coñeceran os detalles do ocorrido nese lugar e noutros casaríos da zona. Pingas de Orballo "Foi unha orxía de sangue perpetrada por un operativo de militares adestrados pola CIA (por quen, se non) na infame Escola das Américas, en Panamá, para combater ós insurxentes da Fronte Farabundo Martí". A escusa perfecta era a de eliminar de raíz ós movementos de esquerda, máis en concreto ás guerrillas.
O que pasa é que, no Mozote non había guerrilleiros, só campesiños da aldea e doutras limítrofes, que se achegaran ata alí porque lles prometeran que no Mozote estarían seguros. Non foi así, claro. Axiña apareceron os helicópteros para desenvolver un inferno. Colleron a todo o mundo e empezaron as torturas buscando información sobre os presuntos insurxentes.
Os torturadores non distinguiron entre homes, mulleres e mesmo os nenos. Violaron ás rapazas e, máis tarde, executáronos a todos; a tiros, con coitelos ou machetes, a algúns incluso os queimaron vivos. "Ós nenos atravesáronos con baionetas, ametralláronos e prendéronlle lume ó convento no que estaban refuxiados. Os corpiños chamuscados quedaron irrecoñecibles. Co sangue dun cativo escribiron na parede da escola: 'Un neno morto, un guerrilleiro menos'. Aniquilaron a máis de 800 persoas, a metade eran nenos cun termo medio de idade de seis anos. Arrasaron coa vida".
Segundo investigacións da ONU, as vítimas reais foron 978, das que 553 eran menores de idade. Esta masacre non só se considera o maior acto de violencia contra a poboación civil cometida por axentes gobernamentais durante a guerra civil do Salvador, senón tamén a peor masacre do Hemisferio Occidental.
O último parágrafo déixoo para os meus amigos ianquis, por aquilo de que están en todos os fregados: O Salvador, Vietnam, Afganistán, Libia, Iraq, Palestina, Somalia, Iemen, Siria... Sempre polos seus intereses políticos e económicos, que os humanitarios son temas tabús para eles.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES