Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A eucaristía e a caridade

García Cadiñanos, Fernando - lunes, 23 de junio de 2025
A eucaristía e a caridade
En cada celebración eucarística o Señor entrégasenos dun xeito total, facéndose pan partido para que teñamos vida. Este don inmenso non é só un acto de fe individual, senón unha chamada apremiante a vivir a caridade e o amor aos pobres que El mesmo nos ensinou coa súa vida e a súa palabra.

A eucaristía, na súa esencia máis profunda, revélanos o amor incondicional de Deus. É o sacrificio de Cristo que se fai presente, o seu corpo entregado e o seu sangue derramado pola salvación de todos, especialmente dos máis necesitados e vulnerables. Como poderiamos, entón, participar deste banquete divino e non sentir no noso corazón o impulso de compartir ese mesmo amor con quen nos rodea, en particular con aqueles que sofren?

Non podemos separar a mesa do altar da mesa dos nosos irmáns máis empobrecidos. Ten sentido, por tanto, que o día do Corpus, o día eucarístico por excelencia, sexa tamén o Día da Caridade, o Día de Cáritas. A eucaristía nútrenos para o camiño, fortalécenos para o servizo e impúlsanos a recoñecer o rostro de Cristo en cada persoa que pasa necesidade. Cando o sacerdote nos di «podedes ir en paz», non é un simple final, senón un envío. Somos enviados ao mundo para ser eucaristía viva, para prolongar o amor de Cristo nas nosas accións cotiás.

Pero esta caridade que todo cristián ha de vivir no día a día cotián, nos seus compromisos e opcións sociais, económicas e políticas, necesita tamén estar organizada. Xorde aquí Cáritas, como expresión da caridade da Igrexa, como resposta organizada que a Igrexa dá ante o mundo da exclusión, a vulnerabilidade e o empobrecemento. Porque Cáritas non é só unha organización asistencial: é a expresión visible e concreta da caridade da Igrexa, o brazo estendido da nosa comunidade que chega a aqueles que están á marxe, aos que foron esquecidos ou excluídos, extensión do misterio eucarístico que se celebra no templo.

Durante estes días, a nosa Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol (que cumpre neste ano o seu 60º aniversario) presentou a memoria de actividades correspondente ao ano 2024. Convídovos a consultala. É todo un exercicio de trasparencia e de rendición de contas, na que comparte connosco o seu bo facer para que sigamos confiando e apoiando a súa obra. Nela exprésansenos algúns dos problemas principais que teñen que afrontar as persoas que acompañan. Entre eles, destaca o problema da vivenda, que, se afecta a todos, golpea especialmente aos máis desfavorecidos. Urxe atopar entre todos resposta a este reto social: cunha nova cultura, unha nova economía e unha boa política que axude a buscar saídas a este problema. Non é posible que Galicia, tamén a nosa diocese, sexa a rexión española con máis situacións de chabolismo de España, e iso que existen fondos para erradicalo! Temos que facer algo! Igualmente é sanguento a situación de tantos inmigrantes con situación administrativa irregular, quenes podendo e querendo traballar, necesitando traballar e habendo demanda, non poidan facelo por "enrocamentos" políticos. É urxente dar paso á Iniciativa Lexislativa Popular que abriría horizontes de esperanza a moitas persoas.

Celebrar a eucaristía é tomar consciencia tamén destes problemas que afectan a irmáns nosos. A eucaristía non nos evade, senón que nos mergulla no amor que sabe mirar e que nos debe levar a un compromiso cada vez máis profundo coa xustiza e a solidariedade. Que cada comuñón nos impulse a ser máis xenerosos, máis compasivos, máis atentos ás necesidades do noso próximo. O amor aos pobres non é unha opción secundaria para o cristián, senón unha consecuencia ineludible do noso encontro con Cristo na eucaristía. Neles, Cristo mesmo espéranos.

Quero agradecer aos voluntarios e axentes de Cáritas, aos socios e doantes, ás institucións que confían no seu bo facer. Quero convidar a todos a participar nesta gran familia de Cáritas para seguir xerando unha cultura de fraternidade e de esperanza. Que esta festa eucarística do Corpus, que ten tanta tradición na nosa terra, transforme as nosas parroquias e comunidades en fogares de acollida e solidariedade.

O voso irmán e amigo,
A eucaristía e a caridade
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES