Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - martes, 24 de junio de 2025
Derreterse por vicio
Uns din que se asan os paxariños. Outros que queima. Algúns que abrasa. Os Resentidos que fai un sol de carallo. Uns cantos que quenta de raio. E alguén me dixo xa que me derretería por andar de vicio. É certo que estou a suar coma un carneiro, pero licuar non me licúo. Aguanto coma os heroes.
Con ese parágrafo está perfectamente explicada a tarde climatolóxica. Non fai falta ningún termómetro nin que nos avisen coa alerta laranxa. Máis que laranxa recoñezo que é roxa, vermella. Se deixo unha pota de caldo ó sol sei seguro que ceo quente. Claro que, estes días, apetece mellor unha ensalada do país ou unha rusa. Non son o mesmo, aínda que estean frescas e frías. Onde estea a do país...
A alerta laranxa, e con respecto á climatoloxía, adoita carrear que non saias da casa. Porén, ante o meu medo a que a casa me caia encima, o sol, esta calor, esta asfixia non é quen de determe entre catro paredes. Sempre me dixo miña nai que non me caía a casa encima. Meu concepto sobre as nais xa é de todos sabido: unha nai sempre é unha nai. E a miña... a miña era lista de carallo. Sabía todo de min.
Uns din que estou tolo por botarme ó monte, digo, a esta canícula. Outros, que vaia pola sombra (pensarán que son parvo). Eu ríolle a graza a todos, pero sigo ó meu paso e aguantando coma os heroes. Suando pero aguantando. Transpirando pero aguantando. Fervendo pero aguantando. Agora que me diga o endócrino que non tomo o sol porque seica me falta vitamina D. Hai que amolarse! A min, que sempre lin e andei ó sol...
Memoria prodixiosa
Teño unha memoria prodixiosa. Memorizo de todo, pero son especialista nas matrículas dos coches. Iso si, só nos números. E non os memorizo en orde, non. Memorízoos segundo os vexo: 7058, 6507, 2118, 0701, 8369... e así. Desde que teño acordo, ou sexa, desde que asomaron os primeiros coches por Baños de Molgas. Cando estou en algunha cidade, aí xa son un máquina, unha fervura memorística que incluso me miro en algúns escaparates para ver, precisamente, se me fumega a cabeza. Hai veces nas que me nego a mirar para os coches. Pero, aínda así... 9474, 0008, 9015, 2182, 3481, 4612, 1649...
Cando notei que empezaba a memorizar tamén as matrículas das motos, aquí xa me neguei a tal envergadura. A mellor solución é non mirar para as motos. Cando sinto o seu ruído intento distraerme con outra cousa.
Como dicía, memorizo de todo. No monte coas vacas dábaseme por memorizar a cantidade de flores que tiñan os toxos. E como o monte Medo e o monte de Pinouzos estaban cheos de toxeiras, facede vós mesmos as multiplicacións. O asombroso era que ós sete días sabía cantas flores lle caeran a tal toxo.
Memoricei e aínda teño na memoria todos os marcos de todas as fincas de Baños de Molgas, que, sendo o noso país a biblia do minifundismo, aí deixo o posible número deles. Porén, e grazas a Deus, aínda non houbo ningunha morte polos marcos.
A miña memoria é tan prodixiosa que incluso teño memorizado o que aínda non existe.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora