Impostos
Editorial - martes, 25 de agosto de 2009
José Blanco, ministro galego no goberno, abriu a caixa das tormentas neste verán que está rematando ó indicar que a subida de impostos non era algo desbotable nunha coxuntura como a que nos envolve.
O goberno ten emprendida unha política paternalista de axudas, nas que os destinatarios non son sempre os máis necesitados, e as contas públicas para cadrar precisan moito máis que as maquillaxes ás que os políticos están afeitos.
Mentres unha parte da sociedade sostén que o que anima a economía familiar é a baixada de impostos que deixa máis recursos nas mans dos consumidores, o goberno opta pola posición contraria, de subir impostos para dispor de máis recursos para executar políticas de promoción social.
E esa caixa das tormentas comezou a soltar raios en todas direccións, apuntando á posibilidade de resucitar o impopular imposto sobre o patrimonio para os grandes propietarios, incrementar o Irpf das rendas máis altas, e quen sabe cantas xenialidades máis, esquecendo que a mellor solución sería loitar de xeito decidido cunha economía sumerxida que en determinados sectores é ostensible aínda que difícil de controlar.
Setembro vai ser un bo mes para tomarlle a medida ós próximos tempos que veñen unha vez superemos o espellismo das vacacións do verán. E a subida de impostos, anunciada para evitar sorpresas ingratas, non vai ser o máis preocupante dos asuntos ós que facerlles fronte.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora