Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hai xente que cura

Sampedro, Pilar - jueves, 26 de junio de 2025
Hai xente que cura

Xente que sanda as persoas, as ideas, o planeta.

Xente que compensa o que os demais non fan ou fan mal.

Xente imprescindible.

Un deles é Bernardo Penabade. Ese home que puxo en pé o modelo Burela para apoiar ao alumnado que chegaba de Cabo Verde integrando curricular e socialmente aos inmigrantes e para normalizar a lingua galega.

Un referente galego de xestión educativa e convivencia multicultural que buscaba a participación de profesorado, alumnado, persoal non docente e familias. Tratábase de evitar que o fracaso escolar se faga crónico na comunidade de inmigrantes.
Hai xente que cura
Corenta nacionalidades distintas nunha localidade de 10.000 habitantes, dezaoito nacionalidades no IES Perdouro de Burela. Xente que chegou de Asturias e Castela para traballar en Alcoa, familias caboverdianas que viñeron para a pesca, latinoamericanos, indonesios e doutros lugares da UE que foron chegando, pouco a pouco.

O problema do fracaso escolar estaba caendo sobre unha alta porcentaxe dos fillos da comunidade inmigrante conducíndoos ao abandono escolar e a precarización laboral.

No curso 2003-2004 botou a andar o Modelo Burela, un modelo de integración escolar que buscaba a erradicación das diferenzas e dificultades deste alumnado inmigrante. No 2006-2007 a Consellería de Educación recoñecía esta iniciativa, a través dun premio de innovación educativa porque ademais de traballar nas actividades escolares facíao, tamén, nas extraescolares.

Avanzouse sobre o Modelo Burela de Planificación e Normalización Lingüística traballando varios campos como a comunicación xornalística, a atención á diversidade, os intercambios educativos, as xornadas destinadas ao conxunto da cidadanía no marco da colaboración escola - sociedade. Unhas das súas ferramentas é a Escola de Comunicación (co Proxecto Neo para a incorporación á cultura galega dos inmigrantes centrándose nas experiencias das persoas neofalantes de galego) coa colaboración da Radio local e o Portal Galego da Lingua).

Bernardo Penabade xubilouse, seguramente, tamén, porque xa ese gran proxecto se fixo adulto e camiña só. Aínda así, estou segura de que continúa traballando no apoio a estas iniciativas e outras das que me chegou noticia por casualidade.

Agora sei que está facendo, entre outras cousas, seguimento das esquelas que se publican en galego, en calquera lugar de Galicia. Un bo traballo porque certamente esas esquelas responden a persoas especiais (ogallá non fose así!). Que cousas nos pasan... morrer nunha lingua que non é a nosa, despedirnos na lingua que non utilizamos normalmente. Hai unhas semanas resultoume moi reconfortante ver na aldea como facían a esquela dunha veciña en galego, os seus fillos. Dous mozos orfos xa de pai, traballadores, resistentes e resilientes coa situación da nai con certas irregularidades psicolóxicas. Máis ben pobres, pero á hora de facer a cerimonia de despedida, de colocarlle flores, de pagar coro... foron coma todos, que digo coma todos? Mellor, moito mellor porque colocaron a esquela en galego de forma natural. Igual era difícil poñer o nome polo que era coñecida en castelán, igual era difícil despedila nunha lingua que nunca utilizaran entre eles e... non permitiron a contradición. Canto agradecemento se lle debe a esta xente, canto recoñecemento por tanta naturalidade!

Pode que estas decisións dependan en boa medida da funeraria porque neses momentos píllanche moi débil e normalmente déixaste levar, faslle caso en canto che propoñen e acabas como Clementina (a de Artur e Clementina) que, por amor, levaba tanto peso que case non podía moverse. Non sei se se lle pode botar toda a culpa a Artur, el facíalle agasallos (e ela aceptábaos) sen ter en conta que levaba a casa ás costas e, polo tanto, ía cargar con todo o que lle daba...

Unha persoa nun pequeno lugar facendo pequenas cousas pode cambiar o rumbo do universo, porque o batuxo dunha bolboreta nun sitio distante provoca cambios profundos noutro hemisferio, e niso confiamos.

Penabade cura cando traballa a favor da inclusión, cando apoia ao alumnado inmigrante que corre o risco de fracasar e abandonar os estudos. Cura e integra cando coida da lingua e recoñece o papel dos neofalantes, dos que adoptan o galego sen telo como lingua nai. Cura cando fai visibles as esquelas en galego para que podan estenderse e animar aos que aínda non o fan.

Canta falta nos fan persoas coma el...
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES