Prego
MÉTRICA
Este poema está composto por cinco estrofas de oito versos cada unha, sendo o total de corenta versos toda a composición. Todos os versos son hexasílabos menos os penúltimos que son dodecasílabos nos que atopamos unha curiosidade en todos eles e é a de levar unha cesura ou pausa interior, que divide os versos dodecasílabos en dous hemistiquios de seis sílabas cada un formando isostiquios ou hemistiquios iguais (6+6=12).
. . . pol-os que inda viven // a que xa choraron
. . . camiño da vida // si unha esperanza
. . . sin topar ledicias // nas encrucilladas
. . . e bogan decote // nos mares da vida
. . . da ledicia ós vivos // i-os que se finaron
--------------------- --------------------
HEMISTIQUIO // HEMISTIQUIO
Isostiquio: 6 sílabas // Isostiquio: 6 sílabas
É curioso o feito de que en cada estrofa sete versos computen cada un seis sílabas e o penúltimo doce sílabas, pero ao ter no medio unha cesura que divide o verso en dúas metades semella como se fosen dous versos iguais e un máis en cada estrofa que en vez de ter oito versos tivese nove versos de seis sílabas.
Estamos, xa que logo, diante dunha estrofa rara que Avelino, gran coñecedor da métrica e da poética, está creando e ademais é moi probábel que soubese que a emancipación dos hemistiquios do dístico "octonario" con correspondencia de rimas interiores dese como resultado a estrofa chamada redondilla cruzada, /abab/. Esta estrofa xa se atopou en latín medieval, antes da aparición nas linguas romances e, como tal, no galego; o seu esquema métrico aparece en versos enneasílabos nunha das kharxas de Judá Leví (1075-1140?).
O que está claro é que a estrofa ten oito versos, é dicir, que estariamos diante dunha estrofa chamada OITAVA, da que ao longo da historia houbo moitos tipos ou clases: oitavas agudas, oitavas asonantes, oitavas de pé quebrado, oitavas novas, oitavas reais, oitavas reais modificadas, oitavas reais octosilábicas, oitavas rimas e oitaviñas agudas, segundo nos instrúe Navarro Tomás, e ademais de todos estes tipos, tamén había unha mestura de versos de arte maior e arte menor porque xa Unamuno, na súa poética titulada, "Fatalidade" (1906), mesturaba hendecasílabos e heptasílabos con versos pares rimados como fixo o noso poeta, Avelino Díaz.
Nós diciamos que Avelino tiña grandes coñecementos de poética e sabía que a oitava real nacera en Sicilia (Italia) no século XIII onde os oito versos hendecasílabos tiñan rima alterna , o mesmo que fixo Avelino, pero neste caso facéndoa de arte menor (-b-b-b-b), mentres a oitava real siciliana era (-B-B-B-B), máis tarde Bocaccio no século XIV cultivou a oitava engadíndolle un pareado ao final (ABABABCC). Resumindo diremos que estamos diante de cinco OITAVIÑAS:

Como podemos observar, a rima adopta moldes sicilianos pero de arte menor, polo que Avelino fai unha composición primixenia italiana con rima alterna pero en arte menor e non ten en conta, para nada, o oitaviña que se utilizou en España na Idade Media que era unha redondilla dobre, tal e como se utiliza nos Cancioneiros do século XV e que deron estas rimas: /abbccdde/ ou /ababbccb/. O poeta, Avelino Díaz, vai buscar a súa orixe a Sicilia e converte a oitaviña na rima que orixinariamente tiña a oitava: /-b-b-b-b/, pero un dos versos, concretamente o sétimo ou penúltimo, convérteo en verso de doce sílabas cunha cesura no medio e mesturando a arte maior coa arte menor, tal e como se fixo con esta estrofa ao longo do "mare magnum" da súa existencia e da súa utilización, todo moi complexo para os non entendidos, pero pese a todo, temos unha OITAVIÑA nova, creada por Avelino Díaz, mais tendo en conta a historia da métrica e as súas incursións na orixe primaria desta estrofa.
CONTIDO
No poema, Avelino prega, entre outros, polos vivos e polos mortos, polos atormentados e desesperanzados; polos que tiveron desexos, mágoas, dores e remordementos, tamén polos doridos, polos malditos, polos imputados de alleo crime, polos que non teñen paz e, en fin, por toda a humanidade, dando ledicia aos vivos e repouso eterno aos finados.
En canto ao contido trátase, como se di no título, dun PREGO, impetración, oración, rogo, súplica ou como queira chamárselle e que podería estar nas igrexas como tal e que presento eu noutro prego suxeríndolle e aconsellándolle aos crentes que teñan que ver algo con Avelino e aos membros da "Asociación Cultural Avelino Díaz" de Riotorto e Meira que podería estar nas igrexas dos dous concellos como acordanza e reivindicación deste poeta da terra e tamén como salvoconduto para que Avelino traspase a fronteira dos esquecidos onde o señor cura oficiante pode tamén pregar para que lle concedan o ansiado Día das Nosas Letras, pregando polos esquecidos emigrados e polos esquecidos poetas e escritores de ultramar que tanto ben nos fixeron. Amén.
Polas razóns aludidas, imos poñer a composición toda xunta para que tampouco teña esquecemento:
PREGO
Con fonda tristura,
Deus, qu-estás no ceio,
veño aquí, a pregarche
no teu santo tempro;
pol-os que se foron
e nunca volveron,
pol-os que inda viven e que xa choraron
polos que morreron.
Pol-os que viviron
en longo tormento
e, hoxe, están calados
da terra no seo;
pol-os que se atopan
inda, no tristeiro
camiño da vida, si unha esperanza
no seu sofrimento.
Pol-os que tiveron
n-este mundo anceios,
mágoas e delores
ou remordimentos;
pol-os que doídos,
camiñan arreo
sin topar ledicias, nas encrucilladas
do escuro vieiro.
Por todol-os seres
que o mundo viñeron
xa maldizoados
d-alleo crime reos;
pol-os que, cegados,
o rumbo perderon
e bogan decote nos mares da vida
sin paz nin sosego.
Pol-a Humanidade
que vive xemendo,
sempre amargurada
loitando e tecendo;
por vivos e mortos
por todos che prego;
da ledicia ós vivos, i-ós que se finaron
o repouso eterno.
NOTA:
NAVARRO TOMÁS, T.(1995).- Métrica española. Barcelona. Edit. Lábor, 2ªedic.