Atrévete a saber, atrévete a pensar
Pinto Antón, J.A. - viernes, 27 de junio de 2025
Kant cumpríu trescentos anos neste 2024 e segue vivo na filosofía, na cultura, na política. Tanto que ata o reivindica o brutal Putin aproveitando que o filósofo naceu en Köningsberg, agora Kaliningrado.
Resoa a frase divulgada por Kant e lema da Ilustración, "¡Sapere aude!", da carta de Horacio a Lolius. Atrévete a pensar. Ten o valor de usar a propia razón ti que es humano e non animal acirrado polo ruído, estabulado nas pantallas.
Kant sementou en nós a idea da razón. Tamén a necesaria, persoal independencia para construírmonos libres e iguais a carón doutros. Foi cidadán do mundo sen saír do recuncho prusiano, aberto aos ventos liberadores das ideas que invitan a saber. A distinguir o valioso da ganga. A filosofía, menosprezada no mercado dos saberes mercantís, invita a aspirar á excelencia. Na lección televisiva, un profesor de filosofía enche un tarro de cristal de bolas de hockey. Entre elas aínda collen pedriñas. Entre as pedras caben grans de area. Ata encher o tarro. Parábola da vida: cousas importantes, cousas prescindibles. Se enchemos primeiro con area banal non queda sitio para o importante.
A madurez de Kant coincide cos tempos azarosos da Revolución Francesa cando a vontade do pobo, monopolizada antes por reis e deuses, entrou na historia. Abríu as portas á modernidade, á representación popular e á división de poderes. É dicir, á ardua tarefa de exercer a cidadanía. O reto da Ilustración obrigaba a usar as luces do entendemento.
A súa federación universal de Estados parécese moito a ONU onde sentan os pobos da familia humana para resolver civilizadamente conflitos. A razón práctica e moral de Kant éche un veto irrevocable á violencia. A guerra non debe existir. Ucraína, Gaza, Siria, Sudán, Líbano son a escuridade da crueldade e da violencia, tristísimos rostros do irracional e inhumano lonxe do ideal kantiano. Por iso urxe volver ás luces da razón, ao tempo lento dos libros, á ardua tarefa de pensar. Contra o tribal, os extremismos, o absurdo da guerra a Ilustración encheu de luces un mundo escuro poboado de ignorancia, mitos e deuses que incapacitaban para usar a intelixencia. A razón empuxa a fuxir do medo, das pantasmas dogmáticas. Ten o valor de usar a razón, a capacidade crítica, a dúbida razoable. Non te conformes coa comida lixo do ruído, das redes sociais. Non deixes que te pastoreen tiktokers, instagramers, influencers da nada.
A luz ilumina os camiños humanos coa guía da intelixencia. Somos seres racionais e non ratiños de Hamelin. A dura luz da razón obriga a fuxir da penumbra morna e adormecedora da caverna de Platón.
É preferible voar con Dédalo, co imprudente Ícaro ata a poderosa luz do sol da razón que reptar como un verme cego. ¡Sapere aude: atrévete a pensar, atrévete a saber!

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora