Roteiro sobre algúns Cruceiros e Cristos do Municipio de A Pastoriza (Lugo) (12)
Blanco Prado, José Manuel - martes, 08 de julio de 2025
2.15. Cristo de Cervelo.
Lugar: Seixos
Parroquia: A Regueira
Esta manifestación relixiosa, de carácter privado, pertence a "Casa de Paulino de Batarelo". Está situada por riba dun muro, que separa á unha finca da devandita casa. Mostra unha orientación Sur - Norte.
Coordenadas U.T.M. A: 630.310 Y: 4.794.550
A nivel artístico, está composta dunha serie de elementos diferenciados e ordenados nunha orde ascendente da seguinte maneira:
Unha plataforma, formada por un plinto de cachotería adosado a un muro. Esta serve de sostén a unha base granítica e monolítica, que amosa dous tramos: o inferior, de forma paralelepípeda; e o superior, de forma troncopiramidal. Da base xorde un fuste monolítico, de sección cuadrangular nos extremos e oitavado no resto. Este serve de soporte a un capitel, de forma paralelepípeda. O conxunto remata nunha cruz latina, de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas achafranadas no resto; ademaís, mostra unha cruz florenzada nos extremos do brazo horizontal e na cabeceira. O anverso, baixo unha cartela anepigráfica, mostra un relevo cristolóxico coas seguintes pecualidaridades: a cabeza inclinada ao lado dereito; os brazos están estendidos, formando unha V pouco acusada, ao longo da cruz; as mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito; e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan os dous pés sobre un supedáneo. O fuste, o capitel e a cruz son dunha soa peza.
Este Cristo mandouno construir Antonio Cervelo a finais do século XIX. Antano, estaba emprazado ao carón da "Casa do Cervelo" nunha finca chamada "O Liñeiro", do barrio da Abelaira. Co gallo da concentración parcelaria (1966-67) foi trasladado á súa actual situación.
Este Cristo garda semellanza con outros de A Pastoriza: os do Romeiro, Amorás, Xan Paz, Alto das Fontelas, Centro de Saúde, Arandal, Foxo e as Antigas.
3. Vocabulario esencial sobre os Cristos e Cruceiros do Roteiro de A Pastoriza.
ACANTO.- Adorno que imita a unha planta perenne, que posúe as flores longas, rizadas e con espiñas. Este adorno é característico do capitel corintio.
ÁNGULO.- Figura formada por dúas liñas, que parten dun memo punto.
ANVERSO.- Cara principal de determinados obxectos. Cara principal da cruz.
ARESTA.- Recta formada polo encontro de dous planos.
BANZOS.- Cada un dos pasos dunha escaleira.
BASE.- Apoio sobre o que descansa algunha cousa. Parte inferior dunha columna.
CACHOTERÍA.- Pedras sen labrar, colocadas dun xeito irregular.
CAPITEL.- Parte superior da columna, que coroa o fuste.
CARTELA.- Decoración que enmarca unha inscrición nun pedestal, lápida ou friso.
COLARIÑO.- Moldura anular entre o fuste e o capitel dunha columna.
COLUMNA.- Pé dereito ou piar cilíndrico, normalmente máis alto que ancho, que serve de soporte de cornixas, bóvedas ou como simple adorno; compónse de tres partes: base, fuste, e capitel.
CÓNCAVO.- Forma que presenta a superficie curva cara o interior.
CONVEXO.- Estructura que mostra a superficie curva cara o exterior.
CUADRANGULAR.- De catro ángulos.
CUADRILÁTERO.- Polígono de catro lados.
CÚBICO.- Poliedro regular formado por seis caras cadradas.
CRUZ.- Figura formada por dúas liñas, que se atravesa perpendicularmente, e calquera obxecto ou figura con esa forma. Parte superior do cruceiro, situada por riba do capitel.
ALGÚNS TIPOS DE CRUZ:
1. CRUZ FLORENZADA. A que ten os seus rematres abertos de xeito curvilíneo.
2. CRUZ GREGA. A de brazos iguais.
3. CRUZ LANCELOLADA. A que ten os seus remates en forma de ferro de lanza.
4. CRUZ LATINA. A que ten maior o brazo vertical.
5. CRUZ LISA. Cruz desprovista de imaxes.
6. CRUZ TREVOADA. A que ten os seus remates en forma de trevo.
ESTRÍAS.- Marca lineal pouco profunda.
FUSTE.- Parte da columna, situada entre a base e o capitel.
MERLÓN.- Cada un dos dentes en forma de prisma, que coroa un muro ameado..
MOLDURA.- Elemento corrido, que se colca sobre unha superficie para decorala e que se clasifica segundo o seu perfil, sendo normalmente de pouca anchura.
TIPOS DE MOLDURAS:
1. FILETE OU LISTEL.- De sección cadrada ou rectangular.
2. O BOCEL OU TORO.- Semicirculo convexo; se é moi pequeño chámase baquetón.
3. O CUARTO BOCEL.- Cuarto de círculo convexo.
4. A MEDIA CANA.- Semicirculo cóncavo.
5. A ESCOCIA.- Moldura cóncava, continua, composta de dúas curvas de distinto radio.
6. O CAVETO OU NACELA. De cuarto de círculo cóncavo.
7. A GOLA.- A unión dun caveto e un cuarto bocel, sendo a parte máis sainte o caveto.
8. O TALÓN.- A unión dun caveto e un cuarto bocel chámase talón, sendo a parte máis sainte o cuarto bocel.
MOLDURADO.- Que presenta molduras.
MONOLÍTICO.- Monumento de pedra dunha soa peza.
OCTOGONAL.- De oito ángulos.
PARALELOGRAMO.- Cuadrilátero cos lados opostos paralelos entre si.
PARALELEPÍPEDO.- Corpo xeométrico limitado por seis paralelogramos sendos os opostos iguais entre si
PEAÑA.- Base ou apoio para colocar por riba unha figura.
PIRÁMIDE.- Poliedro de base poligonal e caras laterais triangulares.
POLICROMÍA.- Arte de pintar en varias cores.
POLIEDRO.- Corpo xeométrico limitado por varias caras chás.
POLÍGONO.- Superficie chá limitada por vatios lados, que nas súas interseccións forman ángulos.
PRISMA.- Poliedro de dúas caras iguais e paralelas e no que as caras laterais son paralelogramos.
REBAIXADO.- Biselado, cortado no bordo.
RELEVO.- Forma escultórica, que sobresae dunha superficie.
REVERSO.- Cara oposta ao anverso. Cara posterior da cruz.
ROEL.- Peza decorativa redonda en forma de moeda.
SECCIÓN.- Corte ou liña divisoria.
SUPEDÁNEO.- Especie de peaña sobre a que se apoian algunhas efixies.
TRONCOPIRAMIDAL.- Relativo á parte da píramide, que se obtén facendo un corte por un lado paralelo á base e eliminando o vértice.
VOLUTA.- Adorno en forma de espiral.
IV. Bibliografía sobre os Cruceiros do Roteiro de A Pastoriza.
ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Castro de Rei e Outeiro de Rei. Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 76, Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 1998.
ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Guitiriz. Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 81, Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 1999.
ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Begonte, Cospeito e Rábade. Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 87, Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 2000.
ARRIBAS ARIAS, Fernando., BLANCO PRADO, José Manuel e SAAVEDRA, Mario. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, Cristo e Cruces da Pastoriza. Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 92 , Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 2002.
ARRIBAS ARIAS, Fernando., BLANCO PRADO, José Manuel.. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, Cristo e Cruces de Xermade. Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 94 , Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 2004.
ARRIBAS ARIAS, Fernando., BLANCO PRADO, José Manuel e SAAVEDRA, Mario. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, Cristos e Cruces de Abadín. Cadernos do Seminario de Sargadelos , Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 2006
ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J. M e SAAVEDRA PÉREZ, M. . Cruceiros, cristos e cruces de Muras. Vilalba: Instituto de Estudios Chairegos, 2009.
ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J. M e SAAVEDRA PÉREZ, M. . Cruceiros de Vilalba. Vilalba: Instituto de Estudios Chairegos, 2011.
BLANCO PRADO, José Manuel e RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, Manuel. Cruces y Cruceiros del Municipio de Begonte. Lugo: Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, 1988.
BLANCO PRADO, José Manuel. Religiosidad popular en el Municipio de Begonte. Lugo:Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, 1990.
CANCIO FERNÁNDEZ, José. Delineante. Autor dos mapas de localización do concello de A Pastoriza.
GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio. Os cruceiros. Santiago: Cadernos Museo do Pobo Galego, 12, Fundación Caixa Galicia, 2003.
LAREDO VERDEJO, J.M. Os Nosos Cruceiros. A Coruña: Ed. Boreal-Xuntanza, 1993.
RODRÍGUEZ CASTELAO, A. As cruces de pedra na Galiza. Madrid:Akal, 1975. Ed. facsímil da que se levou a cabo en B. Aires en 1049.
TRAPERO PARDO, J. " Os cruceiros", en Lucus, Boletín Informativo da Deputación Provincial de Lugo, nº 27, 1974, páxs. 25-40.
VARIOS (AUTORES). LIBRO. A PASTORIZA. A Pastoriza (Lugo): Ed. Concello de A Pastoriza (Lugo), 2010, 386 páxs.
NOTAS SOBRE O TRABALLO: As fotos foron realizadas por Fernando Arribas Arias. O traballo foi corrixido polo profesor Xosé M. Felpeto Enríquez. Os mapas de localización foron feitos polo delineante José Cancio Fernández. E o traballo polos xa mencionados etnógrafos.

Blanco Prado, José Manuel