2.13. Cristo da Igrexa de Cadavedo
Lugar: Casas Novas.
Parroquia: Cadavedo.
Esta mostra da devoción popular, de dominio público, está situado nun cruzamento de camiños, preto da igrexa parroquial. Ten unha orientación Se - Nw.
Coordenadas U.T.M. X: 631.810 Y: 4.802.170
Dende unha perspectiva artística consta dunha serie de partes distintas, que están ordenadas nunha orde ascendente da seguinte maneira:
Unha plataforma, formada por un plinto de cachotería, que remata nunha peza granítica cunha moldura en caveto. Esta serve de soporte a unha base monolítica, prismática, de sección octogonal e cos bordos superiores redondeados. Nas caras dianteiras hai un epígrafe no que únicamente pode lerse:
"JOSÉ GARCÍA"/...
Esta base serve de soporte a unha cruz de sección cuadrangular nos seus extremos mais coas arestas achafranadas no resto; ademaís, amosa un tipo de cruz florenzada nos extremos do brazo horizontal e na cabeceira. No anverso, baixo unha cartela na que pode lerse o epirgrafe "INRI", hai unha talla cristolóxica coas seguintes peculiaridades: a súa cabeza nunha posición frontal mirando ao fronte; os brazos están estendidos ao longo da cruz, formando unha lixeira V, mais separados dela ao igual que a cabeza, o lombo e as pernas; as mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito; e as pernas, lixeiramente flexionadas, mostran o pé dereito sobre o esquerdo e ambos os dous sobre un supedáneo.
Ata finais da década dos oitenta do século pasado estaba situado na baixada á igrexa parroquial. Foi restaurado polos veciños de Cadavedo. Ademaís, conserva restos de policromía de cor azul ao pé da cruz.
2.14. Cruceiro de Teixeiro.
Lugar: As fontes
Parroquia: A Regueira
Esta expresión relixiosa, de índole privada, está situada ao carón do viario que vai de Cañerías ao Castelo. Pertence a "Casa de Teixeiro", que inicialmente era de Francisca Noguerola. Nela viviu o crego-ecónomo D. Luís, quen mandou construir este cruceiro. A súa orientación é W - Leste.
Coordenadas U.T.M. X: 630.650 Y: 4.794.870.
No seu conxunto amosa unha serie de elementos artísticos, que nunha orde ascendente están disposostos do seguinte xeito:
Unha plataforma de dous chanzos de cachotería e cemento sobre a que se ergue un plinto cos mesmos materiais, Este serve de sostén a unha base monolítica e granítica de dous tramos: o inferior, de forma paralelepípeda; e o superior, de forma troncopiramidal coas caras moi oblicuas. Na cara Norte pode lerse o epigrafe: "1872". Nas demais, a inscrición fai alusión "aos 40 días de indulxencia concedidas polo bispo de Mondoñedo aq quen rece diante deste cruceiro o Pai Noso e o Acto de Contricción". Por riba da base o cruceiro prolóngase nun fuste monolítico, de sección cuadrangular nos extremos e oitavado no resto. A cara W., está ornamentada co relevo dos símbolos da paixón na seguinte orde descendente: dous cravos, unhas tenaces, un martelo e unha escaleira de dez banzos. O fuste actúa como soporte dun capitel con dous tramos: o inferior, que mostra unha moldura nomeada "caveto ou nacela"; e o superior, cun ábaco pronunciado. O cume do cruceiro remata nunha cruz latina, de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas biseladas no resto; ademaís, amosa un tipo de cruz florenzada nos extremos dos brazos e da cabeceira. O anverso mostra, baixo unha cartela anepigráfica, unha efixie cristolóxica cos seguintes trazos: unha coroa de espiñas na cabeza, inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos ao longo da cruz; as mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito; e as pernas, lixeiramente flexionadas, e separadas da cruz, amosan o pé dereito sobre o esquerdo e ambos os dous sobre unha caveira. O reverso mostra o relevo dunha custodia.