Cando nos queda sede...
Xoán, 4:13-14. "Xesús contestoulle: -Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna".
¡Grazas, Señor, pero a veces somos insaciables, e queremos máis, máis auga, máis explicacións, precisamente cando a nosa sede é grande! Por poñer un exemplo: Aqueles Ite Missa est, do P. Espiña, seguidos dun saúdo, dun pequeno coloquio, dunha despedida cordial e próxima, enchían a alma. A alma con sede é insaciable, e iso é bo, ¡mesmo apostólico!
Xa sei que hai poucos sacerdotes, así que teñen présa, que os esperan na seguinte igrexa, e na outra, e na outra..., pero algún fregués quedaría saciado, agradecido, se as Misas rematasen, como ocorre nas conferencias científicas, con un explicativo "Rogos e preguntas". Temos o Evanxeo, e a continuación, xeralmente, a homilía. ¡Xa; pero...; o pero está precisamente nos que estiveron atentos, que lles pode quedar unha sede atroz por darlle outro sorbo ao tema!
-Doutor, a receita xa ma deu, pero, por se non entendo o prospecto, vostede, que é un experto, explíqueme as dúbidas...
¡O Evanxeo explícase por si mesmo! Si, conforme, pero 5 ou 10 minutos, despois da Misa por suposto, igual poden servir para afianzamentos, para clarificacións persoais, de prospecto para aplicar o tratamento receitado. A homilía cortada en seco, ou cos micrófonos baixos, ou cunha audiencia pouco catequizada, pode resultar un tanto seca, e incluso ditatorial.
Volvamos a vista atrás: O vello catecismo, aquel do padre Gaspar Astete, dicía aquilo, tan oportuno, de que, "Doctores tiene la Santa Madre Iglesia que os sabrán responder". ¡Pois iso! Os nenos tiñan, e seguen tendo, na súa Catequese, se non doutores si iniciados que lles aclaran as dúbidas, as interpretacións. Saímos do Catecismo e pasamos á Homilía preceptiva: ¿Quen, como, e cando, se nos explican as dúbidas, quen nos apaga a sede adicional, suscitada precisamente polo trago anterior? Se estou acertado, nalgún Concilio tratarase o tema, e igual deciden, os Doutores, claro, poñerlles ás Misas un minuto de explicación post para os..., para os indocumentados!
-.-
Da Torre de Babel aos rañaceos do XXI
A cousa, -din que-, comezou coa multiplicación das linguas; ten lóxica, pero a idea de vivir cerca do ceo foi a máis,

así que da multiplicación das linguas pasamos á multiplicación das ideas, e con isto caemos na multiplicación das torres. ¡Coidado que somos pretensiosos!
O de entenderse non é doado. Xa o dixo Juan da Valeyra, "Todos somos galegos e non nos entendemos!". Pero non é exacto: O que son, somos, coa miña excepción, é filósofos, que por iso discutimos en busca da verdade. Tan filósofos que por veces pecamos de incrédulos; así temos o caso do señor Sant Iago que, farto de que lle dixesen: "-Déixemo pensar". Ou: "-Teño que consultalo coa muller". Ou: "-Todo iso é tan milagroso, que lle agradecería me dea probas..." Decidiu volver á Terra Santa, para consultar con Pedro aqueles problemas. Daquela os mellores barcos ían e viñan de Tarragona, da Tarraco Nova..., pero, ao chegar á Caesar Augusta, parouse a contemplar os pilares daquel templo maxestoso, que estaba en construción. Ao mirar para unha columna decatouse de que lle falaba, desde o alto, nada menos que a Virxe María: "-Pero, Santiaguiño, como lles fas este desplante aos nosos galegos, tan filósofos eles que de fariseos non teñen nada?" Sanct Iago, apeouse do cabalo, e posto de xeonllos diante do mesmo pilar prometeulle á Virxe non só retoma-la predicación senón, e tamén, esperar pola resurrección da carne medio a medio de Galicia.
Os baturros presumen da súa Virxe, pero o caso é que esa aparición foi de Corredentora..., para nós, que por algo nos gusta vivir cerca do ceo, en forma columnar!
-.-
Iso non vai comigo!
¡Pois si que vai, que non pasa cousa algunha neste mundo tan globalizado que, para ben ou para mal, moito ou pouco, non deixe de afectarnos; así, se o que fan outros, en particular os do noso entorno, me afecta, daquela, en reciprocidade, o que fago eu tamén afecta aos demais!
Se un bo / ou un mal día, sae Trump trasladando a súa embaixada para Xerusalén, declarándoa capital dos xudeus, revolucionará, alporizará, ao mundo musulmán, ¡tantos que son, machistas que son, e por tanto, especialistas na proliferación! ¿É xusto este desprazamento, este recoñecemento? Sería discutible pois na Historia está o deicidio xudeu, orixe e causa de tantas controversias, mais, de presente, había / gozabamos dun equilibrio de paz relativa, que a saber que consecuencias nos trae, ao mundo enteiro, esa decisión unilateral e unipersoal. (Unipersoal, exactamente, non, pois compracer aos xudeus pode ser moi rendible para os ricos da USA).
Por moito que se fale deste tema, da transcendencia dos feitos individuais, nunca será abondo, dada a fraqueza humana. Se queremos velo claro tiremos unha pedra nun depósito de auga estancada: ¿verdade que fabricaríamos unha serie de ondas concéntricas? ¡Pois, aí o temos! Daquela esforcémonos por irradiar exemplaridades, bondades, fe no deus auténtico, no Único, tratando, á vez, na medida das nosas forzas, de paralizar, de neutralizar, as pedradas de Satanás.
-.-
O Ceo empézase a gozar na terra, pero coa conciencia limpa.
Tamén gozan os outros..., diabolicamente, que non é o mesmo. Gozar honestamente é unha boa ximnasia; boa para o corpo, pero tamén para a alma.
Éxtase = Estado da alma caracterizado por certa unión mística con Deus e a suspensión maior ou menor do exercicio dos sentidos.
Tiven que ir ao dicionario porque esta sensación, que debe ser propiedade dos santos, nunca a sentín. O que si tiven, nalgunha ocasión, a Deus grazas, foi a resignación de acoller os sufrimentos dos que gocei / padecín como ofrenda ao Altísimo por irme sacando de certas fochas que, inicialmente, parecían tétricas.
Xa que entrei no dicionario: Da resignación din que é a actitude de ánimo de quen acepta ou asume algún suceso adverso, etc., e logo que a aceptación asóciase a un entendemento do que se parte para cambiar, alguén ou algo. A estes efectos a solución que mellor me resultou, advertido desde neno por miña madriña, foi

a de encomendarme á Virxe das Dores: ¡O que Ela sufriu para Co-redimir os meus pecados, e eu, que son un pecador, bailando no aquelarre! Virxe Santísima, dáme paciencia para facer, para colleitar, algún mérito neste Val das Bágoas, pois diso non estou sobrado!
Superadas as traxedias e subidos de novo ao vehículo da normalidade, ben ingratos somos se non lle agradecemos a Deus o gozo de ir camiño do Ceo, achegándonos á meta que nos prometeu por medio da segunda persoa da Santísima Trindade. ¡Ata ao ladrón arrepentido, coma El crucificado, lle prometeu Cristo: "Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso". (Lucas, 23. 43). ¡Isto non é esperanza; isto é seguridade, vindo de quen viñan aquelas promesas!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.