Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...

Curros Neira, Jesús - miércoles, 18 de junio de 2025
A politización da xustiza

O meu bo amigo Balbino, que é leguleio e dedícase a esas cousas ás veces tan abstrusas do Dereito, comentoume hai algún tempo que, segundo sosteñen os estudosos do Dereito Constitucional, para que podamos considerar que un país ten unha constitución democrática precísase que esta dispoña dunha parte dogmática na que se recoñezan e garantan os dereitos fundamentais das persoas e dunha parte orgánica na que a estrutura do Estado se organice con arranxo ao principio da división de poderes. E en que consiste este principio sen o cal non existe o Estado de Dereito? Ben, pois como lembra Balbino, tres son os poderes fundamentais de todo Estado, a saber: o lexislativo, que é o que elabora as leis e controla a acción do Goberno; o executivo, que se ocupa da xestión, dende a defensa ou as relacións internacionais ata a prestación dos servizos públicos, pero sempre sometido ás leis e ao control que exercen os outros dous poderes; e, por último pero non por iso o menos importante, o poder xudicial -por certo, o único que se designa como poder do Estado na nosa Constitución- que se encarga de administrar xustiza aplicando o conxunto do ordenamento xurídico sancionando calquera incumprimento das leis, xa sexa por parte das persoas como por parte da administración pública. Esta estrutura constitucional fai que a separación de poderes supoña realmente un equilibrio entre eles, cada un exerce as súas funcións propias e evita que os outros se extralimiten.
Non obstante, todo o que sinalamos ata aquí é só a teoría, o que debe ser, pero o certo é que non poucas veces a realidade afástase bastante dese san e desexable equilibrio de poderes. E isto, desgraciadamente, é o que veu ocorrendo durante demasiado tempo no noso país por culpa do enfrontamento entre o Goberno e a xudicatura e os intentos de control da xustiza, como a reforma que está a elaborar o ministro Bolaños, que provocou xa un paro dos membros do poder xudicial e que podería dar lugar a unha folga en datas próximas. Porén, a politización da xustiza é algo que vén de lonxe e aquí amosamos algúns exemplos:
Segundo o disposto no artigo 122, 3º da Constitución Española de 1978 o Consello Xeral do Poder Xudicial, órgano de goberno da xustiza, está formado por vinte membros, doce elixidos entre a xudicatura e os outros oito elixidos polo Congreso dos Deputados e o Senado entre os restantes xuristas. Pero a Lei Orgánica do Poder Xudicial, aprobada tan só sete anos despois da nosa Constitución, modificou o sistema de elección previsto nesta última establecendo que os vinte vocais do Consello Xeral serían designados polas Cortes. Esta forma de elección do goberno da xudicatura terminou por politizar o Consello Xeral ata o punto de que estamos afeitos a falar de vogais progresistas ou conservadores segundo o partido que os escolle. E aquí son culpables tódolos partidos, pois aínda que é verdade que esta lei orgánica foi elaborada e aprobada no seu día por unha maioría socialista, non se debe esquecer que foi mantida despois por maiorías do Partido Popular. De feito, socialistas e populares viñeron dende entón elixindo vogais como quen cambia cromos.
Esta politización esténdese tamén, como non podía ser menos, ao Tribunal Constitucional, o cal, todo sexa dito de paso, non forma parte da estrutura orgánica do poder xudicial. Os seus membros son elixidos directamente polos partidos e manteñen a mesma división entre conservadores e progresistas que viamos no Consello Xeral. Pero o que debería ser un órgano de fiscalización da constitucionalidade das leis converteuse nunha especie de supremo do Tribunal Supremo ao revisar e corrixir sentenzas deste último. Esta incongruencia resolveríase se o Tribunal Constitucional fose unha sala de garantías integrada no Tribunal Supremo, como ocorre noutros países, en lugar de ser un órgano separado.
No que respecta á outra pata da xustiza ademais da xudicatura, o Ministerio Público, este é elixido, como ben sabemos, polo Goberno. Mais unha vez designado o Fiscal Xeral do Estado debería actuar con total independencia, debería… Con todo, e como xa se encargou de aclarar o señor Presidente do Goberno: "O Fiscal de quen depende, eh, de quen depende? Pois iso...!" E, certamente, algunhas actuacións recentes da Fiscalía en sumarios que incomodan a don Pedro Sánchez parecen demostrar que esas palabras non foron simple retórica nin esaxeración. E a isto habemos de engadir o descrédito para a institución que supón ver ao Fiscal Xeral do Estado imputado negándose a abandonar o cargo para defenderse como un cidadán máis.
Pero se todo o que dixemos ata este punto xa é preocupante dabondo, moito máis sono os ataques que algúns destacados políticos realizaron contra xuízas e xuíces molestos ou, o que é o mesmo, contra aqueles que investigan o que non terían que investigar. O meu amigo Balbino non entende como todo un ministro, que para máis inri é avogado, puido afirmar non hai moito tempo que o Supremo é a auténtica oposición ao Executivo. Nin que certos "fontaneiros" -e non me refiro precisamente aos que arranxan canos- andasen buscando información de membros da xudicatura, da fiscalía ou de prestixiosos oficiais da UCO. Non pode ser que un goberno democrático se dedique a descualificar a membros da xustiza porque instrúen sumarios molestos... Non, iso non é propio dun Estado de Dereito. Iso só pasa en tiranías que, como Venezuela ou Cuba, presumen de democráticas sen selo. Xa o di o refrán: dime de que presumes e direiche de que careces.
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES