Tapas, tapas
Xiz, Xulio - miércoles, 18 de junio de 2025
Quen lle ía dicir a Alfredo Sanchez Carro cando creou hai máis de medio século o de "Y para comer, Lugo", o percorrido que tería aquela proclama. Porque a idea do entón delegado de Información e Turismo agora é para Lugo unha bandeira, vital recurso turístico; motor de movemento continuo.
Que o Alcalde pida que os hosteleiros manteñan as tapas durante o Arde Lucus, é como suxerirlles que non se esquezan de abrir as portas para que entren os clientes. Sospeitamos que nas festas ás veces nos cobran a ollo ou suben os precios, pero todo se soporta con tal de que as tapas -que tanta sona dan a Lugo- cumpran a súa función. Non se trata das tres tapas de 'La Nuez' ou das racións do 'Milano' (Que, nesto, A Milagrosa, é un reino á parte), pero si das hamburguesiñas da 'Oficina', os bocadiños do 'Centro', ou da tenreira do '5 Vigas', e así ata o infinito.
Hai moitos anos en Lugo había bares que se preciaban de non dar tapas, ou liquidaban o tema cun par de aceitunas. Hoxe xogamos na primeira división da gastronomía nacional, e por onde queira que vaiamos, as tapas de Lugo teñen sona por calidade e cantidade. Ou moito me equivoco, ou calquera empresario de hostelería sabe que se pecha o grifo das tapas é como apagar a luz no seu establecemento nunha das mellores ocasións do ano.
Está ben que o Alcalde recorde os principios básicos da convivencia, os camiños a seguir, e ata os mellores xeitos de facer patria lucense, pero o das tapas non fai falla, que todos sabemos -e os establecementos turísticos mellor ca ninguén- que o bo comer de Lugo é unha verdade absoluta en calquera momento do ano e, xa que logo, nas festas.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora