Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 19 de junio de 2025
Ir e volver

Fun e xa volvín. Moitas veces... minto, algunhas veces non quero volver, pero non queda outra. Fun polo aire e vin polo vento. Se cadra foi ó revés: fun polo vento e vin polo aire. Si sei que fun de présa e volvín correndiño. Ó mellor foi amodiño. Non sempre vou andar ó mesmo ritmo. E entre tanta ida e volta tamén se me poden cruzar os elementos.
Pingas de Orballo Fun á biblioteca e volvín da biblioteca. Alí, nela, na biblioteca, boteille unha ollada ós libros e pasoume como a maioría das mulleres ante os escaparates: algo sempre gusta. E tendo tan só un libro na casa... E podendo ter tres... Que queredes que vos diga...
Fun a un supermercado e xa volvín do supermercado. Merquei catro cousas xustas. Pesábanme máis os dous libros -bastante voluminosos- que os produtos adquiridos.
Pola mañá tamén fun e volvín. Ó supermercado non, á aldea. Mentres non volvín fixen a tira de cousas e máis: desde pór uns pementos ata enramar unhas trinta vides, desde pór uns repolos ata sementar unhas cenorias, desde sulfatar esas trinta vides ata aproveitar o sulfato e ciscarllo tamén ás patacas. Reguei diversos produtos hortícolas. Fochiquei neses diversos produtos de horta ou de terreo (nós, realmente, dicimos tarreo). E rematei a mañá varrendo o patio da casa, que estaba cheo de follas dun laranxeiro que me toca o violo.
Tamén fun e volvín dos pensamentos ós soños, das covardías á heroicidades, dos sorrisos ás mágoas, da algarabía ó mutismo, da morriña á nostalxia, dunha cor do arco da vella ás seis cores restantes do mesmo arco da vella. Fun e volvín para non quedar quieto.

Saben atoparlle o pé ó coxo

Hai xente aproveitada. Hai xente egoísta. Hai xente abusona. Hai xente sen conciencia. Hai xente que promete e non cumpre, que pide e non dá. Hai xente que vai ó seu paso e obriga ós demais a ir ó seu lado, ou aínda peor, uns pasos máis atrás, non vaia ser que perda protagonismo.
Todos estamos para botar unha man. Ata certo punto. Cando o favor pasa a abuso, iso xa cansa, xa case doe. Cando o abuso medra coma un calo, co tempo, non queda outra que extirpalo. Certo, mentres non se extirpa, o abuso faise crónico. E segue. E segue. E segue.
Ante os aproveitados están os caritativos, os nobres, os bondadosos, os puntais que suxeitan a inconsciencia. Algunhas persoas teñen o ceo máis que ganado. Por aturar ó ineptos, ós ególatras. E seguen aguantando as acometidas dos que non teñen vergonza.
Hai xente que non se cansa de pedir. Hai xente mesquiña. Hai xente rañica. Hai xente que pide a calquera hora do día e que dorme despreocupada pola noite. Hai xente que aguanta, e moi ben, a lacha, a vergoña. Hai xente que asubía mentres alguén lle acomoda a vida. Hai xente que baila mentres outros lle axustan os erros, as comenencias.
O de favor por favor xa é historia. Agora, o favor devólvese cun deus cho pague e ata a próxima. Ata a próxima axuda. Ata a próxima petición. Que se fai sen vergonza, con moita cara, mesmo cun sorriso ladeado, cun perdoavidas, cun é a túa obriga... pola miña cara bonita, pola miña cara lavada. Ante tanto descaro, non queda outra que apandar e seguir facendo favores. Porque saben atoparlle o pé ó coxo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES