A cociñeira profesional
E ti de quen ves sendo?, preguntoulle el a ela cando a encontrou sentada no mazadoiro dunha casa da súa vila. Era a primeira vez que a vía e estrañouse de vela precisamente alí sen coñecela. Ela mirouno cun medio sorriso ladeado e confesoulle que era a neta dos Pardais, da Florencia e do Florencio. Os avós eran xustamente os donos da casa onde estaba sentada a rapaza. Aínda que de rapaza tiña pouco; era unha muller feita e dereita.

Ela preguntoulle a el, e ti quen es? El díxolle que non o coñecería, que era de alá abaixo, e ó dicilo acenou, abanicou co seu brazo dereito cara a un punto indeterminado; iso si, para o fondo da vila. Non lle deu máis explicacións.
Non obstante, seguiron falando e ela confesoulle que era cociñeira profesional, que fixera cursos en academia e por on line (así lle dixo: por on line; algo que el non entendeu moi ben) e que levaba xa anos traballando nun restaurante de moitos perendengues, ou sexa, de certa fama. Ó final acabou confesándolle o xantar que tiña preparado para dentro dunhas dúas horas: un preparado para un arroz composto de a tira e máis de produtos, unha sobremesa feita a base de melón, uvas, melocotón, kiwis e peras; para rematar cunha ensalada de leituga. El tivo que case berrarlle que parase, que se lle estaba a facer auga na boca.
Ela preguntoulle en que traballaba el. El confesoulle que estaba no paro... por lacazán ou nugallán. Ó final, el, acabou confesándolle quen era: o fillo dos Polainas, a Carmen e o Inocencio, que tiñan a casa á beira mesma do río, xunto á ponte vella. Ela volveu sorrir e confirmou que non os coñecía, que levaba toda a vida fóra e...
Frederick Forsyth, o espía escritor
Cando un dos meus irmáns, alá polos anos 70, se meteu en Círculo de Lectores (un club de lectura en España que se creara en 1962 e que chegou a ter máis dun millón e medio de socios que recibían puntualmente e nas súas casas o catálogo de novidades por medio dos seus máis de cinco mil axentes), eu, como é lóxico, aproveitei e lin todo o que lle chegaba. Mesmo penso que algún libro o puiden ler antes que el mesmo. Eu aínda era rapaz e se non tiña unha puta peseta para mercar unha novela do Oeste, menos tería para un libro.
Foi nesas lecturas, nese "préstamo", nese "roubo" de libros a meu irmán cando descubrín a Frederick Forsyth. Un autor que enganchaba en todos os seus libros desde a primeira páxina ata a última. Nas súas novelas mesturábanse os espías coas persecucións, os asasinos cos policías ou investigadores, a intriga coa emoción, os crimes coas condenas, etc.
E si, as súas primeiras novelas, principalmente "El día del Chacal", "El expediente Odessa", "Los perros de la guerra" e "La alternativa del diablo" foron os culpables de que, eu, transcorridos os anos, me fixese socio tamén de Círculo de Lectores e, cada vez que publicaba algo ese autor, o mercase ó momento. Se por un casual ese club non publicaba algo seu e si por librarías, como xa tiña medios (acababa de iniciarme como funcionario), marchaba correndiño a mercar a súa novela, aínda que o autor me tivese despois ata as tres ou catro da madrugada amarrado, prendido ó libro.
Frederick Forsyth, ex axente do servizo secreto británico, reporteiro, antigo piloto da Royal Air Force (RAF) e escritor que vendeu máis de 75 millóns de libros, morreu o pasado luns, día 9, á idade de 86 anos. Que os espías celestiais teñan coidadiño con el.