Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A cloaca recende a podre

Rubia, Xoan - lunes, 16 de junio de 2025
Cando un está máis tempo na casa do habitual pode xestionalo de xeito diferente a como o faría noutras circunstancias. Por exemplo podes tratar de ordenar a biblioteca(para min misión case imposible), ler devagar ou ir na procura de coñecer como van as cousas por aí fora, encomenda que remata por cabrearme dada a inmundicia na que se move a política nacional e mesmo a foránea. O recendo a podre é nauseabundo. Malia todo iso tratei de ver noticias e aguantar algún deses faladoiros nos que sisudos colaboradores tratan de explicarnos de que vai o cotarro. Máis cabreo.

A ninguén se lle oculta que a política está vivindo uns niveis de crispación inusitados. Da a sensación de que todo vale, incluso lanzar a merda canto máis lonxe co gallo de que salpique ao adversario e si é preciso a súa familia. O bulo co seu fétido arrecendo é a arma favorita dos mentireiros que utilizan a praxe de reiterar a mentira ata que esta se faga verosímil. Goebbels foi un mestre nestas lides e conta, abofé, con alumnos avantaxados.

É normal que a oposición bote man das corruptelas do adversario pero ao tempo non vaian de perfectos pola vida, limpos de po e palla, como irmandiñas da caridade, e non traten de dar exemplo de comportamento impoluto. Hai que ver con que naturalidade chaman corrupto ao goberno e mafioso ao seu presidente. Menos mal que a aqueles que xa pasamos o ecuador quédanos algún retallo de memoria e lembramos aquel partido que esnaquizou a marteladas os ordenadores na súa sede cuxa reforma, dito sexa de paso, pagou en B, ou aqueles sobres que Bárcenas repartía a mans cheas entre outros a un tal "Eme punto Rajoy". Lembran? . Todo fixérono ben. "Lo estáis haciendo muy bien!" dicíalle o outro día Feijoó a Mazón pola xestión da Dana sen que o seu rostro sofrera alteración. Non chegaría o espazo desta "Mirada" para expor tanta trapallada e desatino. Pero semella que todo isto é auga pasada e como tal xa non interesa, non importa. Denantes gobernaba o PP e todo era limpo e puro, España ía vento en popa a toda vela e hoxe con este goberno ilegal, mafioso e corrupto (o PP dixit) imos abocados ao desastre. Ver para crer.

Namentres todo isto acontece a ultra dereita gaña espazo baixo a mirada dunha esquerda timorata e desunida, fraccionada, que semella non ter capacidade de resposta, e así vai ser moi difícil recompoñer a figura. Algo non se fixo ben, e por si fosen pouco as pretendidas leccións instrutivas da oposición, ven ao noso país o señor Milei a botar máis leña ao lume e poñer un pisco mais de mordente ao argumento do esperpento no que se está convertendo a política neste país. En fin...
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES