Cando a semana pasada comentei algo de que a señora Ayuso non respectaba a Constitución, quedei sen espazo para desenvolver algo máis a completa e total

desconexión que existe sobre ese conxunto de leis que determinan a forma de organización política dun estado, así como os dereitos e deberes dos seus cidadáns. Falando claro, a Constitución Española non a respecta ninguén. E os políticos menos; nin os de antes, nin os de agora e nin os que chegarán. Falando claro, as Constitucións de todos aqueles países que a teñen pásalles exactamente igual que á española; que tampouco as respectarán ninguén. Sempre foi así, é lei de vida; que cando hai normas, ou regras, segurísimo que non se respectan. Aqueles que non a teñen, non hai un embarullamento, non; que va. Os que non a teñen hai un señor que ordena e manda, e todos calados.
E quen di a Constitución, di, por exemplo, a Declaración Universal dos Dereitos das Persoas, elaborada pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas o 10 de decembro de 1948, e asinada polos 193 estados membros, entre os que se atopan Irán e Israel, que están en guerra; Ucraína e Rusia, que están en guerra; China, Corea do Norte, Angola, Somalia, Cuba, Venezuela e así ata 53 países que son ditaduras ou réximes autoritarios. É dicir, que por unhas ou por outras cousas, a inmensa maioría dos países da Terra non cumpren con eses dereitos humanos. E si, deixei para o final, ex profeso, a Estados Unidos, que con todo o que pensamos que significa e que dignifica, quizais ou sen quizais sexa o que menos cumpre con normas, regras,

constitucións e, por suposto, dereitos humanos.
Chega con dicir dereito á vida e á liberdade, dereito a non someterse á escravitude e á tortura, dereito á liberdade de opinión e expresión, e dereito ó traballo e á educación, para que o modelo desa Declaración faga auga por todas as partes. Principalmente en Estados Unidos, onde, precisamente, estes días, os dereitos dos cidadáns son desprezados, ignorados, vilipendiados, masacrados e mesmo matados. Así, como digo.
Todos nacemos libres e iguais en dignidade e dereitos. Mentira! Todos somos iguais ante a lei. Mentira! Toda persoa ten dereito a circular libremente e a elixir a súa residencia no territorio dun Estado. Mentira! Que llo pregunten ó Trump. Non se pode discriminar pola raza, a cor, o sexo, o idioma, a relixión, a opinión política... O que ela (a Constitución ou a Declaración) diga e nós queiramos.