Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (13)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 24 de junio de 2025
Marta e María; ¿unha, ou dúas?

Lucas 10, 38-42. "Cando ían de camiño entrou en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María, que sentada ós pés do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a El, díxolle: -Señor, ¿non che importa que miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man. Pero o Señor respondeulle: -Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar".
Lendo e relendo isto un decátase de que as dúas foron necesarias para o caso; ou dito con máis precisión, que as dúas, na práctica, facían unha, complementábanse! San Benito de Nursia debeu tirar deste episodio a súa consigna, o seu precepto, aquel Ora et labora; ¡seguro! María, oraba; e Marta, laboraba. As dúas foron necesarias para atender debidamente ao Señor.
¿Que a mellor parte era, foi, a de María? Naquel intre, si, pero do traballo de Marta ía saír o almorzo, que tamén era bo, ademais de oportuno! Unha parte era mellor cá outra, ¡vale!, pero, complementábanse. Xesús, de ben mirado, de ben lido, non dixo o contrario, senón que estableceu categorías entre o espiritual e mailo material.
Neste cadro, o pintor debera darlle unha faciana máis vella, con "v", a María, se quixese resaltar que a espiritualidade gaña cos anos; e que o materialismo, os afáns materiais, van a menos. Certo é, tamén, que a vellez trae os seus gastos, os seus imprevistos, así que nunca está de mais "laborar" para aforrar, na idade propicia.
Xesús non desautorizou a ningunha das dúas; ¡simplemente estableceu categorías! Era o seu, propiciar a Salvación, pois para os materialismos xa traballa Satanás, e foi bo, sempre oportuno, sempre en plan de indicarnos o Camiño. Criado na casa dun carpinteiro, e carpinteiro el mesmo, ata os trinta anos segundo tódolos indicios, é a mellor demostración de que enxalzou o traballo, que non viviu, que non quixo vivir, do maná do ceo.
E de paso, predicou? ¡Pois claro, asemade, que xa o facía de neno, tal que daquela que o deron por extraviado cando de feito lles estaba ensinando ¡aos doutores do templo! Lucas, 2, 41-50. "E resulta que, ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Tódolos que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións".
¡Pero se o temos todo, absolutamente todo, nos Evanxeos! Se os lésemos, se quixésemos entendelos, entendelos e cumprilos, maldito se falta facían as leis civís, en ningún país dos que se teñen por civilizados. ¡Co Catecismo, paz na terra, pois o resto son sancións, convivencia forzada neste caos da torre de Babel, que teñen que atarnos..., porque trampeamos, porque non nos entendemos!
-.-

Disxuntiva: ¿por que este divorcio, por que imos os vellos á Misa, e os novos á praia?

A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (13)

¡Meus pobres, que o fan para poñerse negros..., coma se tivesen poucas negruras na vida! ¿Ou será porque, de vellos, temos máis cerca o exame final, e daquela éntranos o medo, e co medo o arrepentimento polas omisións gozadas / padecidas? ¡En certo modo vai ser unha consecuencia daquelas omisións!
No XX, cando os curas se subían ao púlpito, e de alí non daban baixado, esquecéndose de que os crentes, ademais de crentes, chegaban cansos, ¡a veces cunha legua de corredoira, ou máis!, e logo que tiñan que volver para as súas casas, para almorzar, pois eles non tiñan Ama que lles fixese o chocolate, había / concorrían ás igrexas máis mozos que vellos. ¡Que alguén mo explique, que non o entendo! ¿Ou si? Cavilando un pouco atopei a solución: No último século non había fútbol; nin fútbol, nin tele, nin bailes á media noite, así que os rapaces ían á Misa, en parte, como espectáculo!
Moito tardou en vir o Vaticano II, coa falta que facía poñer o latín a descansar; ¡ou iso, ou falar todos en latín! O que tiña de bo era que, como tampouco nos deixaban ler a Biblia na lingua de cada quen, por se a interpretabamos mal -penso-, aqueles cregos, en particular os da carreira curta, traducían / interpretaban, eles si, á súa maneira.
A propósito: De cativo, nunha parroquia chamada Gondel, tiven clara a orixe, a comprobación, deste aserto. Unha parte vina, e a outra explicouma meu avó, que tamén estaba presente: Aquel cura queixábase de que lle ían pouco, e poucos, á Misa, así que, acordándose dos milagres dos apóstolos, díxolle ao sancristán: -Cando eu suba ao púlpito, ti, desde a tribuna do fondo, axitas un tizón, con boa brasa. Dito e feito. O crego, desde o púlpito: -Bien queridos feligreses, vengo observando que tenéis poca fe en la oración, cuando que su poder es milagroso. Así, si yo impetro: ¡Que caigan rayos, rayos que abran los ojos a los pecadores, rayos caerán! Nisto oíuse a voz do sancristán, tan inocente e tan obediente, que exclamou, en voz alta por suposto: -¡Ao carajo, señor Cura, que non podo facer o milagre porque..., porque vostede tardou en avisarme, e acabóuselle a brasa ao tizón!
¿Daquela, non houbo milagre? ¡Si que o houbo, pois contaban que, desde aquel día, aqueles fregueses non se cansaban de ir ao confesionario arrepentidos da súa pereza, da súa incredulidade, tanta, que obrigaran ao señor Cura a face-lo milagre da elocuencia, e iso co pouco persuasivo que era!
Bromas á parte, o drama estaba en que daquela acudíamos pero non entendíamos; e agora, que entendemos e nos explican, non imos! ¿Que milagre, que tizón, nos fai falta, agora, para estimularnos? Xa o sei: ¡O medo á morte, que é universal, pero tarda en vir; e logo que nos levantamos tarde, insomnes, en parte por culpa dos mass media nocturnos!
-.-


O fariseísmo, avanza ou retrocede?
Neste caso trátase dun fariseísmo bo, útil, pois o peor, o tabaco, resérvao para si o cacique, mentres que os mistos, se algún quedaba, podíanlle servir ao mendigo para quenta-las mans no lume..., a falta doutro abrigo!
Co desenrolo das liberdades, ¡xo, cabalo, non vaiamos caer na foxa do libertinaxe!, as carautas foron a menos; non precisamos facer estatísticas, que se nota ben, en tódolos ámbitos.
Carautas, carautas de todo tipo, onde foron a máis é na política, pois, coa competencia sobrevida, e maila mamandurria in crescendo, vese e óese cada discurso que precisaríamos dun tradutor neutral, unha espalladoira, que nos fose separando o trigo da palla.
Un signo notable, visible e palpable, da decadencia do fariseísmo témolo nas igrexas, singularmente ao darnos a paz, aquilo de darse a man con regateo, pouco máis que tocándose a punta dos dedos. ¡Iso crispábame! Hoxe abren máis a man, e algúns / algunhas incluso cha apertan con afecto. Á dereita sempre poño á miña dona, así que o primeiro pax tecum é para ela; despois diso vólvome á esquerda para buscar a man seguinte, que case sempre é a doutra muller; xa se sabe, por cada home, na igrexa, tres mulleres, xeralmente viúvas. ¡Agora dan a man chea!
¿Son aquelas que daban a punta dos dedos, as mesmas? ¡Pois, claro; pero agora están desenganadas da vida, xa miran ao redor, feos incluídos! Outra variante que se aprecia nestas viúvas é que deixaron de levar tacón alto; coido que será porque xa se libraron da obsesión de igualar ao marido, en altura física, pois na outra sempre estiveron, e foron, altísimas. (Tamén influiría iso que lles din os médicos de que o tacón esaxerado trae malas consecuencias dos corenta para arriba).
Volvendo, ou seguindo, no fariseísmo: Lucas parouse moito en trasladarnos a semblanza dos fariseos feita polo propio Xesús, e a min sintetizáseme todo naquela advertencia tan rotunda: "-¡Coidadiño co fermento dos fariseos, que é a hipocrisía!". Lucas, 12 : 1.
¡De fariseo a pasota, un paso!
Danos pena que vaia tan pouca xente á Misa, pero é mellor así, que vaian os fieis, e non aquelas manifestacións farisaicas, presididas coas selas maxistrais de cabeceira dos mangantes; perdón, pois debo dicir "dos mandantes"! A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (13)
-.-

Ao César o que é do César


¿Fai falta reiteralo? ¡Coido que si, pois acotío estamos vendo intromisións absurdas: Mandos da Igrexa politiqueando, e politiqueiros que meten o nariz en asuntos puramente relixiosos, non sempre para ben!

Volvamos a ler: "Mostrádeme un denario. ¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición? Contestáronlle: -É do César. Xesús replicoulles: -Pois logo ó César o do César; e a Deus o de Deus". (Lucas 20, 24-25).

Por se fose pouco explícito, podemos ir a Mateo 22, 15-21; ou a Marcos 12, 13-17. ¡Pois, nin coas advertencias do Mestre, e van vinte séculos de controversias, tanto, que onte mesmo, no XX, metemos a Franco baixo palio! O chiste irreverente era: -¡Baixo palio, a Santa Hostia! Resposta: -¡Si, claro, pero é que Franco é a "reostia".

Eses preitos entre o ateísmo e maila Inquisición, se non fosen dramáticos serían risibles, pura comedia. Na miña aldea tíñano claro, que por algo dicían: "¡Zapateiro, aos zapatos, e zoqueiro..., ás zocas!".

-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES