Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Roteiro sobre algúns Cruceiros e Cristos do Municipio de A Pastoriza (Lugo) (10)

Blanco Prado, José Manuel - martes, 24 de junio de 2025
2.11. Cruceiro de Gutiérrez
Lugar: Castro.
Parroquia: A Pastoriza.
Esta manifestación popular, de dominio privado, está colocada diante do "Bar O Cruceiro" (A Pastoriza).
Roteiro sobre algúns Cruceiros e Cristos do Municipio de A Pastoriza (Lugo) (10) Pertence a "Casa de Gutiérrez".
Posúe unha orientación Norte - Sur.
Coordenadas U.T.M. X: 633.750 Y: 4.795.720.

Dende unha óptica artística este cruceiro presenta unha serie de partes claramente diferentes, que están ordenadas nun sentido ascendente do seguinte xeito:
Unha plataforma, formada por tres chanzos de cachotería, que serve de sostén a unha base monolítica. Esta amosa dous tramos: o inferior, de forma paralelepípeda; e o superior, de forma troncopiramidal. A base prolóngase nun fuste monolítico, de sección cuadrangular nos extremos e oitavado no resto; a cara Norte está decorada co relevo dos símbolos da paixón na seguinte disposición descedente: unha espada, un martelo, unhas tenaces, e unha escaleira de oito banzos; ademaís, a parte superior das súas catro caras amosa un rebaixe cuadrangular, que presenta no seu interior o relevo dun rombo cun roel inscrito e dous franqueando os vértices superior e inferior. Sobre o fuste apoiase un capitel de forma troncopiramidal invertida mais coas suas caras con certa convexidade; está ornamentado con volutas nos vértices superiores das arestas e cabezas de anxos nas súas caras. O cume do cruceiro remata nunha cruz latina, de sección cuadrangular nos extremos mais coas arestas achafranadas no resto; ademaís, amosa un tipo de cruz florenzada nos extremos do brazo horizontal e na cabeceira. O anverso mostra unha talla cristolóxica cos seguintes trazos: unha coroa de espiñas na cabeza, que está inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos, en forma de V, ao longo da cruz mais separados dela ao igual que a cabeza, o lombo e as pernas; as mans aparecen abertas; o seu perizoma está anoado ao lado dereito; e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo e ambos os dous sobre un supedáneo; franquean a imaxe cristolóxica dúas imaxes pequenas nunha actitude orante, que probablemente representan as imaxes do San Xoán e a Virxe. O reverso, mostra unha advocación mariana da Piedade, probablemente doutro cruceiro, debido ao desigual tamaño co Cristo.
Esta expresión artística, que denantes estaba colocada a uns cincuenta metros do seu actual emprazamento, foi restaurada no ano 2000.

2.12. Cruceiro do Fiouco
Lugar: O Fiouco
Parroquia: Cadavedo

Esta manifestación relixiosa forma parte da propiedade da "Casa de Ledo" de Argomoso e a "Casa do Campo" de Cadavedo.
Trátase un cruceiro que se encontra acubillado no interior dunha construcción cuadrangular cunha cuberta a dúas augas.
Roteiro sobre algúns Cruceiros e Cristos do Municipio de A Pastoriza (Lugo) (10) Amosa unha orientación W-Leste.
Coordenadas U.T.M. X: 632.410 Y: 4.805.130

O seu conxunto presenta unha serie de elementos artísticos, que nunha disposición ascendente están dispostos do seguinte xeito:
Unha base monolítica, de forma troncopiramidal e cos bordos superiores redondeados. As caras Norte e Sur mostran os seguintes epígrafes:
Cara Norte: /“ EL AÑO D 1891 SE HI / ZO POR MANUEL DO / CAMPO DE CADABEDO ES / TA OBRA Y POR ANTONIO” /
Cara Sur: / “ QUE RECEN CON DE / BOCION UN PADRENUES / TRO UN CREDO O UN AC / TO DE CONTRICION DELANTE …”/
A base serve de soporte a un fuste monolítico, de sección cuadrangular nos extremos e oitavado no resto; as caras Norte e Sur amosan en relevo as imaxes de San Pedro e San Pablo sen cabeza. Por baixo da imaxe de San Pedro, situado na cara Norte, aparecen esculpidos en relevo os símbolos da paixón, que nunha orde descendente mostran a seguinte disposición: tres cravos, un martelo, unhas tenaces e unha escaleira de oito banzos. No chafrán, na liña das tenaces, hai unha lanza. Na parte superior das caras W., e Leste hai un rebaixe cuadrangular, que amosa no seu interior un rombo cun roel inscrito e dous franqueando os vértices superior e inferior. Sobre o fuste apoiase un capitel de forma troncopiramidal invertida, decorado con volutas nos vértices superiores das arestas – hoxe rotas e desaparecidas- e cabezas de anxos nas súas caras. O conxunto remata nunha cruz latina, de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas biseladas no resto; ademaís, mostra un tipo de cruz florenzada nos extremos do brazo horizontal e na cabeceira. O anverso da cruz presenta, baixo unha cartela anepigráfica, unha efixie de Cristo coas seguintes características: unha coroa de espiñas na cabeza, que está inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos ao longo da cruz, formando unha lixeira V, mais separados dela ao igual que a cabeza, o lombo e as pernas; as súas mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito; e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo e ambos os dous sobre unha caveira. Unha peana ou pedestal serve de apoio a talla cristolóxica.
Este cruceiro conserva restos de policromía de cor azul no fuste e no capitel. Foi construído co gallo da relación existente entre a "Casa de Ledo" de Argomoso e a "Casa do Campo" de Cadavedo. Aos pés do cruceiro hai ofrendas a base de esmolas e velóns.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES