Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (12)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 20 de junio de 2025
Volvendo ao tema dos conflitos, que ten máis importancia da que lle damos.
Que vexan en nós un mal exemplo é outro método, eficacísimo, de xerar conflitos. As consecuencias virán despois, por veces moito despois, xeralmente na nosa ausencia, noutro escenario, así que, aínda que para daquela teñamos cambiado de vida, reflexionado, xa non haberá ocasión de sabelo, e por tanto, de desdicirnos. ¡De aceso o monte, quen o apaga?
Satanás, que sempre está atento ás debilidades, debe gozar de raio cando nos ve escandalizar; ¡e o caso é que estabamos avisados!
Agrava a situación o feito de que os nenos cáptano todo, xa desde a caneta, e nós, a maiores, pensando que non se decatan! Volvendo a vista atrás lémbrome que na miña aldeíña moito veleno nos inxectaron aqueles veteranos da guerra, que volvían dela xactándose da súa valentía: mortes, incendios, desfeitas ao inimigo, violacións... ¡E menos mal que na maioría das casas tiñamos pais, avós e tíos responsables, pois, do que non, aquela contaminación, de aparencia gozosa, ía ser peor cá de Sodoma e Gomorra. Aínda que o dixesen un tanto a medias, os rapaces entendiámolo todo. Agora que se fala moito da violencia de xénero cabe pensar se unha parte dela virá de lonxe, concretamente daquelas intoxicacións.
Para os criados no campo: lograr un bo cultivo non sempre é doado, pero se deixamos unha leira a monte, aos poucos non hai arado que a roce! ¡Algo parecido!
O feito de que a muller, nas últimas xeracións, rompese as cadeas do fogar, pasando, traspasando a terceiros, unha boa parte da educación dos fillos, estase notando nos conflitos e nas carencias dos rapaces actuais.
Estas conmocións do XXI nalgún aspecto son positivas, pero noutros negativas; iranse corrixindo na medida ou proporción en que os avances da civilización desacrediten as desviacións dos escandalosos. ¡Hai tantas cousas que corrixir, tantos parafusos que apertar, que moito tempo e moita paciencia se precisará para ir asentando os egos! ¿Quen o fará? Non é tarefa individual senón responsabilidade colectiva, así que, comecemos por un mesmo, para que outros nos imiten, ¡se é que resultamos, se é que somos, imitables nas cousas positivas! Eu apúntome a colaborar; coa axuda de Deus, iso si, pois, como me tiren ao mar coa pedra do meu muíño, sen saber nadar...!
-.-

A boa sementeira, o Catecismo.

A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (12) O principal Mandamento do catequista é ter unha boa formación..., para non deformar, en vista do pegadizos que son os erros! Se encima é un mago, e se chama Carballo..., hai que subilo aos altares! Se o santoral seguise sendo cousa do pobo raso, neste caso concreto xa estaba feito!
Das moitas leccións que nos deixou este superhome, ¡sacerdote!, hai un paragrafo na súa serie de artigos en Galicia Digital,"¿Casan, ou non casan, humor e relixión?", que o debíamos levar no peito, coma unha medalla, ou coma un antídoto:
"Non me cabe dúbida de que un mundo que, coma a España do trinta e seis, anda sobrado de crispacións, guerras, tensións, frustracións e amarguras, tamén anda moi necesitado de persoas que aporten gracia, distensión e alegría. De persoas que repartan válvulas de escape para aliviar a presión cotián, sen caer na pura e irreflexiva evasión dos problemas".
¿Está claro? ¡Claro, si, pero pouco exercido, tamén; esta é unha das tantas receitas que non cumprimos!
Comezando polo fogar, que é o templo inicial; despois do bautismo, claro. A receita que dan os bos pedagogos é esta; con estas verbas, ou parecidas:
-Os avós deben seguir as pautas educativas aconselladas para os pais. ¡Vasos comunicantes, igual nivel!
-Os pais non poden, non deben, restarlles autoridade aos avós; se en algo disenten, fagan as discusións desde que os nenos estean durmidos, ¡e coas portas cerradas!
-Nunca ceder ás chantaxes dos nenos, salvo que teñan eles a razón.
-¿Mentiras aos nenos? ¡Ningunha, coa única excepción da dos Magos!
-Se na casa hai signos e imaxes relixiosas, a catequese familiar será máis eficaz.
-Espiarlles os curmáns, e tamén os compañeiros de clase e/ou de xogos, pois, se vemos indicios de contaminación, hai que vacinalos, illalos, a tempo.
-¿O resto? ¡Pregúntenlle ao párroco, que eu non pasei de sancristán!
-.-

O equilibrio familiar

A carreira matrimonial hai que levala ao altar ben sabida, ou, do contrario, volver en Setembro, seguir madurando. Sería interesante unha estatística que mostrase a mutabilidade dos frechazos; o matrimonio, coma o pan na artesa, ten que levedar, pois un / unha non se casa cunha foto senón coa mentalidade que hai detrás da foto!
Ademais do Decálogo que recibiu Moisés, tan explícito que xa o di todo, andan por aí 10 consellos domésticos, familiares, que axudan, moito, a cumprir os da Lei de Deus:
1. Aceptar a autoridade dos pais, que pola súa experiencia e amor, saberán educar aos seus fillos, aínda que algunhas veces lles doa a ambos.
2. Calar, se o que se vai dicir non serve para manter a paz e soamente vale para aumentar a discordia, tendo moito coidado ao facelo, pois algunhas veces o que cala outorga ou consinte.
3. Comprometerse toda a familia a falar sen berrar, educadamente, cando se presente unha discusión ou un problema.
4. Ter moi claro cales son as principais virtudes e valores humanos que deben conformar á familia e cumprilos e facelos cumprir por todos.
5. Fomentar co exemplo a firmeza e maila amabilidade, propoñendo regras íntegras, claras, concretas e respectuosas con cada idade, características e situacións, para que trunfe a xustiza, a liberdade e maila caridade.
6. Impulsar que tódolos familiares e amigos sexan queridos e respectados, para que iso repercuta como exemplo na sociedade.
7. Manter sempre unha comunicación aberta, de forma que poda fluír o dialogo entre todos y sobre tódolos temas, pois cada un dos membros da familia é igual de importante ante os demais.
8. Permitir que todos podan expresar a súa opinión, para que sexa escoitada con atención antes de ser xulgada.
9. Promover que todos falen ben de todos, evitando as murmuracións, os falsos testemuños, as mentiras e as medias verdades.
10. Respectar a cada un da familia e facerse respectar por eles, fomentando as demostracións de cariño e de tolerancia, evitando as situacións de violencia, vinganza, odio e rancor.

Nas outras carreiras danse diplomas, titulacións; pois na matrimonial o mellor certificado é a emocionante celebración dunhas vodas de ouro, que sempre testemuñan que a convivencia foi aurífera; por se vale de exemplo, esta:
A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (12)
Lin no "Diari de Tarragona - Montse Martínez Bastida, que, "Cuando se crea una empresa es un momento de mucho entusiasmo en el que los socios están concentrados en cuestiones como la financiación, abrir mercado, contratar personal, etc. Pero hay que mirar un poco más allá y recordar que al inicio deben tomarse algunas sencillas precauciones y evitar así llegar a futuras situaciones que puedan complicar la continuidad de la empresa". ¡Se estas recomendacións se fan no mundo empresarial, por que non no matrimonio, que é o noso negocio vital, o definitivo?
Xa sei que hai cursos prematrimoniais, e son bos, pero tamén se necesita do seu complementario: espiar, coñecer a fondo os comportamentos familiares e sociais da / ou do, que vai ser novo socio da ¿empresa? familiar.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES