Cave ne cadas!
Por vitorioso que tornes das túas vivencias, faille caso ao teu escravo, á túa conciencia! ¿Ou é que non notas que, a cada intre, empúrrate a propia arrogancia, esa soberbia que che inspirou Lucifer, ¡precisamente o

derrotado!, ese ego que che fai presumir do temporal, do prestado! Ante todo, humíllate; aprende a ser emperador de ti mesmo, que é máis difícil e máis meritorio que selo de Roma; contrólate!
Certo é que as caídas son fáciles, pero temos a caiada da fe, aínda que pouco nos apoiamos nela! Témonos por vencedores, con Lucifer derrotado; pois non, non exactamente, pois o diabro foi vencido pero non desaparecido; segue envexoso, cadora máis, pois o triunfo irremediable do cristianismo teno desesperado. Enganou á Eva, pero veu María e pisoulle a cabeza; ¡é tan torpe e tan maligno, que se nega a admitir as derrotas, e volve, e volve...; iso si, por detrás da cruz, como fai o zorro cando vixía ás pitas por tras do palleiro!
Sentímonos tan emperadores que esquecemos a verdadeira situación: Non somos emperadores senón soldados de Cristo, soldados da verdade; e así estamos no bando da luz, da humildade, no exército de Cristo Rei; enfronte, os diabros, eses traidores que se lle sublevaron a Deus, ao Deus da xustiza e da perfección. Sendo anxos, como farían esa animalada? Saberémolo con detalle no outro mundo, pois neste abonda con loitar, con loitar na causa xusta, acollidos ás bandeiras dos dez mandamentos, que ben poucos son para tanto premio como é o que nos espera. O noso Comandante tennos tan cerca que, en vez de defendelo nós, deféndenos El; verdade que si, Santa Teresa, verdade que o temos ata na lareira, xunto dos potes?
Teresa de Ahumada e de Cepeda, ti querías ir á mourería, con teu irmán, para acadar o martirio; pois eu tamén fun, xunto coa miña dona, alén do Estreito, ¡dez anos en Ifni, guerra e atentados incluídos!, pero non en busca do martirio, aínda que estivemos a punto de telo; ¡nós fomos en busca de diñeiro, e de ascensos, que non é igual senón todo o contrario!
-.-
Guerra e paz, (en ruso Война и мир, Voiná i mir), de León Tolstói (18281910), que a comezou a escribir nunha época de convalecencia tras romperse un brazo ao caer dun cabalo, nunha partida de caza, en 1864. Pois eu tamén caín; non dun cabalo, senón dacabalo dos anos; caín, decaín, e comezo a ter rota a memoria, así que, ¡eu tamén, a reflexionar, antes de que sexa tarde!
¡Deus, que pouco tempo dedicamos á reflexión! ¡Claro, dánnolo todo feito, que só hai que ir á tenda...! Pero o forno dos pensamentos é individual, persoal, así que temos que atizarlle..., nós mesmos, in person!
-.-
Precaucións, para evitar desavinzas
Sempre se dixo que máis vale precaver que curar, pero..., a profilaxe non adoita coñecerse, ser coñecida, e/ou estar doada!
Pola vida adiante somos tan evolucionistas, cambian tanto as nosas circunstancias, que mesmo podería dicirse que somos distintos, minuto a minuto, e o que está ben nunhas circunstancias, nas seguintes sería contraproducente. Este mareo circunstancial esíxenos vivir alerta, e reaccionar con prudencia, pero, ¡sen demora! ¿Cumprímolo? ¡Ás veces!
Factores emocionais, profesión, entorno... ¿De onde sopra o vento no intre da decisión? Se nos colle enfadados, ou deprimidos, ou iracundos..., acertar é máis difícil. Daquela pidámoslle a Deus serenidade, imparcialidade, e que nos sopre o Espírito; ¡que arrede a Satanás, pois adoita disparar maldades poñéndose detrás da cruz! ¿Ai, Deus, que boíño é Fulano / Mengana; e non será máis certo que poñen esa cara para enganarnos, para levarnos ao seu horto? Se nos enganan as aparencias, mal actuaremos; para atinar coa profilaxe correcta hai que tomarlle o pulso ao contrincante, e iso non é doado nesta vertixe das personalidades.
Os factores emocionais, parentescos e/ou veciñanzas, son auténticos caretos; ¿que, ou quen, hai detrás? Non é bo analizar con desconfianza, pero si cos ollos da intelixencia; con cariño, por suposto, pero, espertos! A empresa familiar é moi guapa, pero esixe máis atención; non desconfianza, atención. Os nosos avós, aqueles do século XX, adoitaban dicir: "A confianza mata ao galego". ¡Pois a desconfianza, tamén; así que, ollos abertos e, para adiante! Compre manter un equilibrio, establecer un "protocolo familiar" cariñoso pero vixiante, que nos evite as guerras internas, desenganos que sexan irreparables por tardíos!
Cando estudamos Economía, Empresariais, ou similares, os textos formativos dinnos que nas empresas familiares o seu funcionamento non se debe contaxiar pola espontaneidade; aconsellan establecer regulacións claras e sinceras; que os socios se sintan cómodos pero non como na súa casa, adoecéndose. Que o traballo delimitado axuda a previr problemas. Etcétera, etcétera. Se iso procede no mundo mercantil, para a paz familiar outro tanto, ou parecido, que tamén é un negocio, positivo ou negativo, segundo os casos!
¡Señor, que pracer máis puro, máis gratificante, iso de levarse ben de portas para dentro; non hai mellor negocio! Pero o caso é que non hai receitas específicas; hai que ir preparándose, cultivando o criterio segundo se van coñecendo os feitos de cada quen!
Mateo 7, 15-20; e Lucas 6, 43-44. "¡Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovelliñas, pero no fondo non son máis que lobos rapiñeiros! Polos seus froitos coñecerédelos. ¿Ou é que se recollen uvas dos espiños, ou figos dos abrollos? Así, toda árbore de boa caste produce froitos xeitosos, e toda árbore de mala caste produce froitos ruíns. Non pode unha árbore boa producir froitos ruíns, nin unha árbore ruín producir froitos de calidade. Toda árbore que non produce froitos bos, córtase e bótase no lume. Así que polos seus froitos é como os coñeceredes". Está claro: hai que mirarlles os feitos, pois os ollos, en contra do dito, non sempre son o espello da alma!
-.-
Matinar, si; maquinar, non.
De metidos no XXI, para ser Rei, ¡Rei de min mesmo!, precísanse 4 Conselleiros: Un Teólogo, para non caer en contradicións relixiosas.

Un Psicólogo, para defenderme dos amigos falsos; ¡defenderse dos inimigos é máis doado! Un Economista, que nos ensine a administrar a nosa bolsa, a de minúsculas. Un Avogado, leal e legal, que nos defenda das estrapucias do próximo. Médico xa temos, na Seguridade Social. E de Matemáticas, contando polos dedos...!
¡Ai, pobres nenos os deste XXI, a que vos espera, co complicada que se puxo a vida cotiá! Con iso, a nosa obriga, a dos pais, a dos avós, a dos coidadores, a dos profesores..., é cousa seria, pois require moito esforzo para poñernos á altura que nos incumbe! Se había materia para pensar, daquela, nos tempos de Rodin, se vivise hoxe, ¿como nos retrataría? ¡Seguro que coas dúas mans na cabeza!
A nosa principal obriga, ¡pero a de todos!, é ensinar aos nenos a pensar, xa desde a caneta; a pensar ben, a discernir, a tomar decisións sopesadas, maduras, imparciais! Incumprilo é outro pecado, sobrevido, consecuencia dos pecados anteriores, que refillan, que xeran novas e malignas consecuencias. Precisamente os erros dos políticos están demostrando que xestionar os conflitos non é cousa doada, e menos para simples afeccionados como adoitan ser eles. ¡Hai que bota-las mans á cabeza, á nosa, á propia, para esixirlle concentración, meditación, matinación!
Das maquinacións é mellor non falar, para non cultivalas, pois pode ocorrer, como pasa nos mass media cando explican os trucos dos criminais, que, sen querer, están ensinando a roubar e a matar sen consecuencias. Dos casos individuais, dos seus detalles, tamén deberamos ter Secreto de Estado!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.