Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (21)

Otero Canto, Xosé - viernes, 13 de junio de 2025
Impetración (II)
(Continuación)

SEXTA TIRADA
Volvemos a outros 16 versos nos que ao autor se lle descobre esa luz orientadora, manifestada polas distintas maneiras que os homes teñen de concibir a verdade que se procura e manifestada tamén polas tres partes en que se divide a tirada e que corresponden coa existencia de tres puntos ou as tres partes que degraemos a continuación:

Primeira parte
Homes topei que saben
facer do esprito mofa,
e moitos que se venden
só por encher a andorga.

O autor ponmos diante de dous tipos distintos de persoas. Unhas que son burlonas, bromistas con todo, e outras, a maioría, que se venden por un prato de caldo, pois soamente pensan en “encher a andorga”, frase feita do común galego, e como estean eles ben comidos e ben bebidos, non soñan con nada mellor, nin con nada máis.

Segunda parte
Homes que todo mercan,
homes que nada donan
e homes que o dan todo
por moedas de codias.

Avelino vén repasando os distintos tipos de homes entre os que se atopan os “mercaderes”, que todo lles vale para comerciar e todo compran e venden porque xa ven o negocio antes de mercar. Tamén están os homes que non dan nada e que nosoutros coñecemos co apelativo de “agarrados”, que son apegados en exceso ao diñeiro por ser remisos en dar e en gastar. Remata esta parte co terceiro tipo ou clase de homes que son os que venden todo por unhas moedas e que Avelino explicita moi ben xuntando as “moedas coas codias” que significa o que nosoutros coñecemos cos apelativos de “dar todo por catro perras gordas”.

Terceira parte
I-eu que a ser non me axeito
coma esas “almas mortas”
que non teñen delirios,
que non aman nin odian
fico n-esa inquedanza
do que, no escuro apoupa
i-agarda en noite pecha
a que lle alume a aurora.

Agora, Avelino manifestase nun pronome persoal “Eu”, ou o “eu lírico” que non ten nada que ver con estes homes descritos anteriormente aos que chama “almas mortas” porque non teñen “delirios”; é dicir, non teñen desvaríos nin alucinacións propias de poetas, creadores e persoas que buscan outra realidade distinta ás propias do diñeiro e da mercancía, que buscan os sentimentos e tamén a beleza das cousas e das palabras, que non saben odiar nin amar, isto é, que poñen o diñeiro diante de todo e para todo, por iso o autor atópase nesa situación de “inquedanza”, sen deixarse acougar, esperando a verdade nesa noite pecha ou nesa escuridade para que alume a verdade en forma de luz e de aurora que poden ser os sentimentos capaces de mover un mundo e sexan enterrados a avaricia e o capital que move o outro mundo para chegar así á VERDADE con maiúsculas.

SÉTIMA TIRADA
Continúa a sétima entrega con doce versos divididos en dúas partes, aparecendo tamén o “Eu lírico” que se fai visíbel na primeira persoa dos verbos en pretérito perfecto: “pretendín, procurei, andiven, botei, puxen.” Despois, dinos que non pretendeu ser anxo, mais si procurou ser rosa para deixar constancia da súa existencia mediante a súa flagrancia e o seu recendo; que andou pola vida cheo de misericordia e compadecéndose dos traballos e miserias alleas, dando, posiblemente, caridade e esmolas; que está libre de paixóns e que non tivo ambicións e para rematar, que puxo o pensamento por encima de todas as pequenas miserias que abondan nas vivencias deste mundo.
Non pretendendín ser ánxel
pro, percurei ser rosa
i-esparexir arume
con cada homilde folla.
Andiven pola vida
cheo de misericordia,
de pasioes insento;
a-mbición botei fora
de min, i-o pensamento
puxen riba de todas
as pequenas miserias
que, no vivir abondan.


OITAVA TIRADA
A poesía desenvólvese doutro tipo de ROMANCE chamado ENDECHA e o poeta segue impondo a súa autobiografía, como adoita facelo en todos os romances, tal e como xa vimos antes. Avelino é un home misericordioso, sen ambicións e ademais un soñador que non entra no campo dos chamados mercadores, tampouco se vende, pero está nunha situación complicada onde nos seus beizos trementes afloran unha palabras dirixidas a Deus, mais non sabe se son pregarias ou son blasfemias porque o pensamento reprende con dureza a severidade, pero o corazón perdoa.

Os meus beizos, tremantes,
unhas verbas afroran;
non sei se son pregarias
ou son blasfemias roxas.
Non sei... non sei se rece
ou se brasfeme agora;
o pensamento increpa
i-o corazón perdoa.


NOVENA TIRADA
Abránguena outros doce versos nos que Avelino non se move, non avanza, porque segue aínda no camiño nunha situación de falta de fe e de forzas, con frío, na escuridade e, por riba, a encrucillada segue diante del e nesa encrucillada os camiños flotan e non sabe por cal deles coller, nesa situación de desánimo e desacougo no que está preso, tendo a noite no seu interior e nesa escuridade hai un frío xélido con azoute do vendaval que non o deixan discernir cal sería o norte na súa existencia, o compás que lle indique o camiño que ha levar o seu porvir; por iso, unha moura ambigüidade mora no seu corazón e a congoxa tamén medra no seu interior sen ver, nin tan sequera, unha feble luciña interior pola que guiarse e poder saír dese desacougo tan grande que o penetrou, dese atranco ou trollo no que se meteu, atascando o seu pensamento nunha situación de apuro e congoxa, por iso lle di a Deus que el non é coma os outros homes, que foi e é boa persoa, mais que non sabe como saír dese trollo, dese lameiro, para salvar esa situación tan comprometida na que se atopa.

Mais... estou no camiño
i-a fe xa non ten forcias.
As mans, aterecidas,
na escuridade apoupan.
Estou na encrucillada
donde os camiños boian;
na noite está xiando
i-o vendaval azouta.
Na moura incertidume
medr-a miña congoxa
ó non ollar siquera
unha déble raiola.


DÉCIMA TIRADA
Rematan as dez tiradas de endechas cun apóstrofe ou invocación impetrando a Deus nese desconsolo no que se atopa, pedíndolle e rogándolle que lle faga ver a verdade do camiño que debe seguir diante desa situación para que a escuridade se converta en luz e as tebras en aurora, mais Deus, impasíbel non ousa contestarlle.

¡Señor! ¿Cal é a verdade?
Quero saber a roita.
Fai que acraren as tebras.
¡Faime chegar a aurora!
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES