Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Astérix non ficha por Arabia

Pinto Antón, J.A. - viernes, 20 de junio de 2025
O máis cerca que os xeniais Uderzo e Goscinny mandaron a Astérix e Obélix foi a Exipto. A esmendrellante tropa gala nunca chegou á Arabia, a finca da familia Saud, illa de opulencia no medio dun arquipélago de necesidades. Tanta riqueza non é abonda para dotar ao país de democracia e dereitos humanos, sobre todo coas cores femininas.
Os millóns de barrís cheos de petróleo e dólares, antes que aliviar necesidades humanas nunha zona convulsa, malgástanse comprando catedráticos a peso para mellorar ránkings internacionais das universidades saudís.
‘Nihil novum sub sole’, asevera o pesimismo antigo. Máis cerca, a acerada pluma compuxo a letrilla ‘Poderoso cabaleiro é Don Diñeiro’. De cómo todos se axeonllan diante do ouro negro do petróleo e verde dos dólares. De cómo seduce a mouros e cristiáns. Iguala a duques e gandeiros e ao covarde fai guerreiro. Abranda a xuíces e leva da man a nobres e esmolantes. Convén ler ao mordaz Quevedo.
O ouro atrae a golfistas alí onde a auga vale máis que o ouro, rega greens e contas correntes nun deporte inédito nos búnkers do deserto. A pilotos e a futbolistas con soldos delirantes. Ocorre no país que viu nacer o credo dos cinco mandamentos, un deles a limosna. Tan excesiva no recente evento Six Kings Slam. Pasmábase Andy Rodick de que o trunfador deste trofeo da desmesura gañara en tres días o mesmo que el en moitos anos: seis millóns de dólares. Tamén agasallaron a un tenista xenial pola súa traxectoria cunha raqueta de ouro de varios quilos, ou 270.000 dólares que non necesita.
Todo resulta excesivo nesta satrapía aliñada co islam máis rigorista que financia tantas mezquitas fóra e non tolera dentro templos doutras relixións. Ao fin, só hai un deus verdadeiro, Don Diñeiro. Os outros, nos seus Olimpos, viven cos ollos pechados diante deste ius abutendi dos cartos.
Todos semellan sucumbir diante do doce encanto do ouro. ¿Todos? ¡Non! Hai unha minoría de decencia irredutible que resiste agora e sempre ao invasor. Por exemplo a ucraína Anna Muzychuk que renunciou a defender a coroa mundial de xadrez en Riad colocando principios por riba dos dólares. Negouse a ser tratada como un ser humano de segunda nun país que non respecta os dereitos humanos e invisibiliza ás mulleres. Perdeu dúas coroas mundiais.
Por exemplo, o exemplo de decencia de máis de cen mulleres futbolistas esixindo á FIFA romper co patrocinio do futbol feminino pola petroleira saudí Aramco. Os seus corpos non se tolerarían en ningún campo de fútbol fóra do cárcere de tea. Á meca do diñeiro e do futbol masculino peregrinan desde todas as esquinas do planeta. O fermoso rostro da xadrecista non podería iluminar o taboleiro.
Polo de agora, a familia Saud non dobregou con petrodólares a aldea gala. Nin conseguíu comprar a Astérix.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES