Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As outras vítimas das guerras

Pinto Antón, J.A. - viernes, 13 de junio de 2025
Seres humanos destruíndo a outros seres humanos. Mortos, feridos, amputados, expulsados á intemperie do exilio. Sofren as persoas, sobre todo as máis vulnerables. Tamén padecen nas guerras dos humanos o resto dos seres vivos que soportan bombas, lume, devastacións. Árbores, animais grandes e bicharada miúda. Sofren as paisaxes e os ecosistemas, ríos, encoros. A natureza salvaxe tan escasa, a humanizada tan omnipresente.
A interminable guerra civil siria, arrasou o 20% dos bosques. A morte das árbores nunha zona tan árida e ecolóxicamente sensible, éche un crime de guerra. Contra o planeta Terra, o único fogar que temos. ¿A quen lle importa, quen quere apagar un incendio forestal causado por bombas nun mundo con tantos incendios humanos? Ao fin, as cores negras da morte e destrución, cheiro a queimado dos incendios, volta do deserto.
Sofren os humanos, e neles concéntranse focos mediáticos e recursos escasos. A natureza está acostumada a sufrir en silencio. Sen focos. Sofren os animais e tantos seres vivos, moitos invisibles. Incapaces de protestar, de erguer a voz.
A violencia envelena e cambia para sempre aos seres humanos porque as guerras xamais rematan de todo. E cambian empeorando as paisaxes. Drons con cámaras, técnicas de detección permiten ver os indesexados, terribles efectos das guerras sobre ecosistemas e paisaxes. Agora en Siria, Iemen, Sudán, Ucraína: non faltan escenarios para a furia asasina de Caín. Aínda que en prime time só aparecen cascallos das cidades destruídas. E case nunca a devastación producida nos bosques sirios. Ou no enorme encoro ucraíno de Nova Kajovkad: dez mil hectáreas de rica terra agrícola devastada, unha catástrofe medioambiental e un ecosistema arrasado ás portas do mar Negro.
Cando as alimañas humanas premen o botón de disparo dun misil, a ninguen se lle ocorre protexer os bosques. Non hai medios, tempo, nin vontade para facelo. En zonas de frío, de pobreza as árbores son madeira para quentarse, combustible para cociñar. Arrasada a cuberta vexetal, esas zonas volven ao deserto. Cando a vida pende dun fío, a ninguén importa se os bosques son fundamentais para os ecosistemas, para a vida, para termar da terra, combater a polución do aire e para preservar a auga.
O futuro aí é problemático. A erosión multiplica aridez e pobreza, en Siria, en países invivibles que acabarán sumándose á cadea de galeotes dos refuxiados das guerras contra a humanidade e contra a terra. Os conflitos bélicos devoran aos outros seres veciños da vida, animais que non se queixan, árbores que gardan silencio, paisaxes que non poden escapar. As guerras degradan a vida. Degradan o chan. Degradan os bosques. Son as outras vítimas do negocio das alimañas humanas e da voracidade das armas.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES