Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - viernes, 13 de junio de 2025
Alguén teño que ser
Estudei a posibilidade de querer saber quen son. Agora mesmo, non o sei. Uns chámanme dunha maneira e outros doutra. Uns míranme de esguello, outros de fronte. Uns asubían ó verme pasar, outros bisban polo baixiño. Todos berran cando pensan que non os escoito. Teño oído fino.
Busco entre liñas a ver se me atopo e só vexo espazos en branco. Fago preguntas indirectas coa intención, iso si, de que as respostas sexan directas, e nin así. Nin tan sequera se dignan en contestar, en responder. Noto o desdén.
Busco entre os ruídos por se, nun casual, me volvera silencio. O único que atopo son algarabías, barulladas de indiferenza, de apatía. Busco nas gaiolas do tempo. Por se alguén me pechara cando a memoria non era nin recordo. Non me atopo preso, nin en liberdade, nin cruzando fronteiras. Non sei quen son nin me coñezo. Nin tan sequera as lembranzas empreñan soños. Nin tan sequera os soños paren sentimentos.
Queda a opción de esperar e a ver en que acaba o conto. Sempre existe a posibilidade de que algún inocente, que non sabe de que vai este esperpento, me atope, me encontre. Mesmo de que saiba quen son.
Alguén teño ser. Isto si o sei. O que son xa é outro cantar. Podo ser un cero á esquerda ou unha voaxa na herba. Podo ser un verso solto ou un poema completo. Podo ser a espiña da silva ou a flor do toxo, o ladral dun carro ou o rabo dun gato, o ouleo dun lobo ou o ouveo dun moucho, o son dunha campá ou o croar dunha ra. Ó final penso que serei o salouco feito anhelo e a ansia feita desexo.
O gromo da esperanza
Deixo caer a esperanza sobre un vaso de auga. Unhas veces aboia e voa, outras veces afunde e afoga. Por veces ocorren estas cousas: que hai branco e negro, ida e volta, adiante a atrás, silencio e ruído, carraxe a agarimo. A culpa tamén afunde e flota. Flota cando un quere que flote, principalmente cando a quere disimular. Porén, a culpa é culpa. Outra cousa e se a sentes ou non. Como a conciencia.
Deixo caer a esperanza sobre un papel en branco. Aquí si acelera, incluso se pode volver realidade. Todo acontece como o autor desexa. Semellante ó de soñar esperto. Sobre o papel en branco a esperanza realiza heroicidades sen disimulo ningún. Todo sae ben, a pedir de boca. Se non hai esperanza será porque o autor está acabado, afundido. A esperanza seica é o último que se perde. Todo consiste en escribila con boa letra e dereito.
Deixo caer a esperanza nunha tarde de xuño chea de nubes negras e brancas. Se fora uns días antes caía sobre unha canícula na que ardería a propia caixa de Pandora. Non sei por que, dáme que o mes de novembro é un bo mes. Para todo. Para a esperanza feita realidade. Para a realidade escrita sobre un lapso, sobre un intervalo temporal. Toda esperanza baila un tango por unha canella que leva á avenida da resurrección.
Deixo caer a esperanza nun tempo que está á espera. Ás espera de ser ou non ser, de querer ou non poder. A esperanza escribe versos para completar o poema. A esperanza é un brote, un gromo, unha xema que rebenta das entrañas da incerteza.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora