Uns veñen e outros van
Uns veñen e outros van. O mes de xuño está. Ennio Morricone nos auriculares con "Era unha vez América", unha das mellores bandas sonoras cinematográficas de todos os tempos. Nubes no ceo que ameazan chuvia. Entre elas, asoma o sol. Tempo revolto. Coches que pasan. Follas e gallas que se moven empurradas polo vento. Unha muller, nunha mesa da beira, que seica está de aniversario. Os anos suman. O tempo pasa. A vida segue.

Uns veñen e outros van. O café queima, abrasa. Hai que esperar. Como odio as esperas! Entre sorbo e sorbo acórdome en quen o serviu. E non son recordos agradables. Coa comida pásame igual: que, aínda que estea fervendo e como a teña na mesa, vouna comendo e pasa o que pasa: malos pensamentos ó torto e ó dereito. Porén, sorbo de café e... maldita sexa quen... Trago de café e... a alguén lle rillaría agora mesmo os ósos ou os miolos. Emporiso, media cunca de café está xa no estómago.
Uns veñen e outros van. As cinco da tarde están aquí. As nubes, do negro pasaron ó gris; o resto do ceo está azul. Alberto Hammond quere que lle boten a el a culpa. Non sei, algo faría. Algo di que no outro mundo en vez de inferno que atope gloria. A quen llo di, xa non sei. Tampouco me preocupa. Cada un busca a vida ou os versos ou os temas como pode e, ó mellor, como lle cadra.
Uns veñen e outros van. Como os pensamentos que furgan por entre as toxeiras da nostalxia e os piornos do desexo. Como os momentos nos que o ceo estaba aí e o inferno esperando. Tamén este e aquel van e vén... pola conciencia de algúns.
Televisión a barullo
Desde que asomaron á miña vida as plataformas dixitais, hai xa uns anos, non acostumo a ver televisión. Só ese instante no que a acendo para ver unha película dalgunha desas plataformas. Se sei máis ou menos os programas que existen é pola prensa e porque a muller sempre a ten acendida e, claro, nas comidas non queda outra que ver, practicamente, trapalladas.
Porén, o asunto quero levalo a outra cousa, a unha contradición. Levo anos sen ver televisión, mais o domingo pasado tireime dez horas seguidas "pegado á televisión". Dez horas que logo se din, pero hai que mamalas. Empecei ás dúas da tarde coas Motos GP no Gran Premio de Aragón, que ganou Marc Márquez. Ás tres xa contactei co tenis, pero, nos prolegómenos, intercalaba o partido de fútbol da Liga das Nacións para o terceiro e cuarto posto entre Alemaña e Francia, que ganaron os veciños do outro lado dos Pireneos por 0-2.
Emporiso, a gran heroicidade televisiva chegou co tenis, con ese partido que xa pasou ós anais da historia de Roland Garros pola súa duración (5 horas e 29 minutos), pola súa tensión e polo xogo que desenvolveron na pista parisiense Carlos Alcaraz e Jannik Sinner. Que partido! Que espectáculo! Que marabilla! Por sorte, o partido decantouse para o lado español.
Houbo que cear cedo, e aínda co tenis de acompañante, porque, ás nove, final da Liga das Nacións entre España e Portugal... con prórroga incluída (querías caldo, toma dúas cuncas!). Menos mal que rexeitei a correspondente película nocturna, que, se non, o tempo televisivo iríase ás doce horas. Televisión a barullo.