As veces a natureza fainos agasallos formidables como é o caso de "Manoliño", un delfín que decidiu quedarse por aquí connosco. Os que andan pola miña idade lembrarán o verán do ano 1971 no que un delfín, ou delfína, que chamamos "Nina", andou polas augas de Lorbé despertando unha expectación inusitada interactuando coa xente cunha naturalidade extraordinaria. Foi a atracción daquel verán no que o célebre Rodriguez de la Fuente achegouse cun equipo de TVE a coñecer a "Nina" e filmala no seu medio natural, un animal salvaxe que semellaba domesticado.

Tamén se achegou por estes lares o equipo do célebre oceanógrafo Ives Costeau para observar e filmar o comportamento deste xa famoso cetáceo. No ano 2008 outro delfín, "Gaspar" decidiu visitarnos adoptando un comportamento semellante ao de "Nina". E agora temos outro ilustre visitante que xa bautizamos co nome de Manoliño e que decidiu quedar pola nosa Ría achegándose con certa frecuencia ao peirao deixando ver o seu lombo e aleta dorsal sorteando os botes fondeados na enseada da miña vila, Mugardos. No embarcadoiro incluso se deixou acariñar como se fose unha dócil mascota. Están considerados como un dos animais más intelixentes do planeta, despois, claro, dos seres humanos, aínda que vendo o comportamento dalgúns destes non estaría eu tan seguro.
Imaxino que os biólogos mariños, oceanógrafos e demais especialistas nesta materia saberán do comportamento dalgúns delfíns respecto á relación con nós. Por qué "Gaspar", "Nina" e "Manoliño" deixaron o seu grupo e decidiron quedar por aquí en solitario? Estarían maiores e terían dificultades para seguir nadando xuntos pola inmensidade dos mares? Os grupos non soen teren máis de quince membros e non é normal que o abandono sexa unha praxe común nesta especie. O caso é que "Manoliño" anda entre nós e témola obriga de mirar por el malia que en certas ocasións a súa presenza cause algunha incomodidade na "xente do mar" cando, mirade por onde, o mundo de "Manoliño" é o mar onde vive e se alimenta, e é precisamente aí, na alimentación de "Manoliño" onde pode estar o problema. O delfín necesita comer uns once a trece quilos de peixe ao día e aí é onde entra en competencia directa co pescador que ve no cetáceo un directo rival, e xa se sabe que a tendencia é suprimir a rivalidade eliminando ao rival. Ese é o perigo que corre "Manoliño" que non ten depredadores naturais no seu medio, pero si fora da auga onde está o máis grande depredador: o ser humano que se sente dono tamén dese outro mundo que é o inmenso mar e de todos os seres vivos que nel habitan. Se poñemos altofalante á voz de alarma, "Manoliño" está en perigo inminente. Xa veremos.