Por veciñanza e polos case trinta anos traballando en Maceda, todas as novas que me chegan de alí intento seguilas con algo máis de interese que se viñeran procedentes doutro concello máis afastado. Hai uns días seica houbo un intento de secuestro dunha nena que, por sorte, non acabou de mala maneira.

Pero, claro, ante ese intento, é normal que o medo se instalase na vida e nos corazóns das familias, principalmente con fillos e, máis particularmente, nas nais. Que me perdoen os pais, pero unha nai sempre é unha nai.
Cando acaecen estas cousas, case tráxicas, vénseme moitas veces á cabeza aquelas burlas que deixabamos escapar cada vez que... a esperpéntica?, a empresaria?, a presentadora?... Belén Esteban expresaba a grito pelado que pola súa filla mataba. Ante certas situacións chegamos a entender a Belén Esteban (vai por diante que eu non a trago, pero unha cousa non quita a outra). Como chego a entender que moitas nais e pais si poidan matar polos fillos. Un fillo ou unha filla van moito máis alá do razoamento, do medo, da comprensión, da ansiedade, da calma, da carraxe. Un fillo é todo.
Normal entón que, agora, algunhas nais de Maceda tomen certas medidas, visto o visto. Porque, si, moi calmos porque nas aldeas ou vilas adoita a tranquilidade ser dona e señora do vivir diario... ata que todo se torce, ata que toca. Nunca temos medo porque, xeralmente, nunca nada pasa. Despois, cando pasa, tremelicamos. E con razón.
Sobre a "espantada" desa señora Ayuso na Conferencia de Presidentes por non querer usar o "pinganillo", non me pronuncio. Porque me está tremelicando de tal forma a cabeza (e mesmo o corpo), que sei que escribiría barbaridades. Eu mesmo recoñezo que a carraxe non é boa compañeira do razoamento. Simplemente digo que, como "pepera" que é, debería ter un pouquiño máis de respecto pola Constitución Española, que xa no seu preámbulo di de "protexer a todos os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, LINGUAS e institucións". Protexer, non ir en contra das linguas, como foi ela. E no punto 3 do artigo 3 tamén di o seguinte: "A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección. Respecto, señora Ayuso, respecto. Non pida agora que a respecten a vostede. Ó final acabei pronunciándome. É que a espantada foi soada.