Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pentecoste

Cabada Castro, Manuel - domingo, 08 de junio de 2025
Pentecoste é o nome de orixe grega da festividade da vinda do Espírito Santo onda nós. Fai referencia ós "cincuenta" días de despois da Resurrección do Señor. Un número de días que tampouco se ha entender literalmente senón de maneira simbólica. Día emocionante o da vinda do Espírito Santo, para se facer presente nas persoas do mundo enteiro de hoxe, mais tamén de épocas anteriores ou vindeiras. Pentecoste está así en paralelismo e tamén a modo de contrapunto coa festa da Ascensión do Señor do domingo pasado. Aledabámonos entón e dabámoslle grazas a Deus polo ascenso glorioso de Xesús trala súa Resurrección. Ficaba así para sempre sinalado o camiño e construída unha ponte segura entre terra e ceo.

Nesta festa do Espírito Santo non ocorre un "ascenso", unha "Ascensión", senón un "descenso" onda nós do Espírito de Deus. Por mediación Fillo de Deus ascendido á nova situación gloriosa, anticipo da nosa, baixa o "Espírito" onda nós. Un "Espírito" que se quedará xa para sempre onda nós. A súa vinda non ten data de caducidade. Veu para se quedar. De xeito que se é verdade que hai Ascensión de Xesús ós ceos, non hai xa ascensión ou partida do Espírito Santo de onda nós. El está no corazón mesmo de cada un de nós e de toda a creación e aquí permanecerá como en casa propia.

O Espírito Santo vén sendo así como a presenza de Deus entre nós alén do tempo histórico ou biográfico en que Xesús permaneceu connosco. Por iso, é dicir, grazas á vinda do Espírito Santo, enviado onda nós polo Pai e polo Fillo, dicíanos Xesús, a pesar da súa marcha que el, é dicir Xesús, "estará sempre connosco ata a fin do mundo". E se el é a imaxe viva de Deus Pai, o Espírito Santo é pola súa parte a presenza viva e actuante de Deus nas persoas e realidades do mundo ata a fin dos tempos.

Nos Feitos dos Apóstolos, o Espírito de Deus preséntasenos coma un "ruído dun forte golpe de vento" que o enche todo. Coma "linguas de lume" que se pousan sobre os presentes. Hai aquí unha transformación fonda dos apóstolos, que os fai sentirse "cheos do Espírito Santo". De tal xeito que son capaces de se daren a entender polos que os escoitan. Dísenos que todos os comprendían ben, coma se falasen na súa propia lingua, cando os que os escoitaban eran xentes de moi diferentes linguas e nacións.

Tanto nos comezos do espallamento do evanxeo coma nos tempos de hoxe ou de mañá precisamos ese ""enchérmonos do Espírito Santo", como ocorreu na primeira Pentecoste. Ese sentir en nós a presenza viva do Espírito, que nos dá vigor e azos para anunciarmos a mensaxe de Xesús con liberdade e agradecemento. Coas palabras, aínda que mellor cos feitos. ¿De que falaban os apóstolos, transformados en si mesmos pola presenza neles do Espírito Santo?

Dísenos nos Feitos dos Apóstolos que falaban "das grandezas de Deus". Sentían en si mesmos o "grande" que era ese Deus que se nos dera a si mesmo no seu Fillo e que agora se facía presente na forza do Espírito.

Por iso é hoxe sobre todo un día no que deberiamos repetir a petición que a "Secuencia" litúrxica expresa deste xeito: "Ven, Espírito divino..., Ven, hóspede desexado... Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos... Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis...". Deberiamos concienciarnos de que este Deus que se nos comunica no Espírito e que está na mesma orixe da igrexa é un Deus impetuoso. Como é forte un vento impetuoso capaz de derrubar carballos ou castiñeiros. Un Deus libre e que ama a liberdade. Un Deus que se comunica e que se fai comprender en calquera lingua e cultura. Un Deus que non se ata a límites, prescricións ou ritos concretos. Porque a súa grandeza (aquela da que lles falaban os apóstolos ós alí presentes) é unha grandeza divina. Actúa así o Espírito en nós non só coma un vento forte, senón tamén como lene brisa ou alento que nos dá paz e ledicia. Así nos vén simbolizado naquel texto do evanxeo no que se di que o Resucitado, despois de lles dar a paz ós discípulos, "alentou sobre eles", dicindo: "Recibide o Espírito Santo".

Un "alento" que libera os discípulos dos seus "des-alentos" e medos para anunciar a boa nova da Resurrección. Espírito, pois, forte e maino, ao que lle gusta a unidade, mais tamén a diferenza de persoas, de culturas e de linguas, e polo tanto que está lonxe de estreitos dogmatismos e uniformidades. Que quere portas abertas ó mundo, tal como nolo pedira o papa Francisco e agora o papa León XIV. Para que o mundo poida así coñecer as grandezas divinas.
Sobre a festa de Pentecoste lin unha vez isto co que concordo: “Na Igrexa somos moi pouco devotos do Espírito Santo". Porén, só no Espírito somos os cristiáns capaces das cousas que no noso falar e no noso obrar nos distinguen como cristiáns. Sen o Espírito nin seriamos adoradores do Pai, nin seguidores de Xesús, nin servidores dos
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES