Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 10 de junio de 2025
Nun mangado de fentos

Corro por entre as toxeiras e deito nun mangado de fentos. Miro cara ó ceo. Semella o inferno. Escoito un tema musical que non entendo. Penso que estou canso porque non podo nin coas pestanas. É unha esaxeración, pero que queda ben. E se non queda ben, métese con calzador e punto pelota.
Pingas de Orballo Sigo tombado no mangado de fentos e dáseme por ulir a flor do toxo que hai á miña beira. Cheira bonito. Porén, a alegría na casa do pobre dura pouca; veu un refacho de vento e arrincouna. É igual; cando ía polo aire lanceille un bico de consolo e dediqueille un asubío de película. Non hai porque perder a alegría.
O inferno do ceo reflíctese no sol que queima, que abrasa, que penetra nas entrañas da nostalxia. Quero pasarlle o ferro á herba seica do lameiro que hai ó lado. O can, o Uriarte, mírame de esguello; el ben entende que pasar o ferro só se lle pasa á roupa que visto. Estou medio espido tomando o sol que calcina. Porén, deixo que me queime. Para espertar deste esperpento, desta extravagancia.
Son as tres da tarde. Quero imaxinar un momento e busco na memoria do tempo. Nada atopo, nada encontro. Ás veces, a vida deixa tan só silencio e baleiro. O desexo que o ature quen o ansía. Agora, que todos os anxos baixen do ceo e os demos suban do inferno. Son anxo que, algún día, me vingarei do demo que levo dentro.
Ergo do mangado de fentos e animo ó Uriarte para correr, os dous, por entre os toxos dos anhelos, dos devezos, dos desexos.

Cinguido a unha cerdeira

Aquí estou, cinguido a unha cerdeira para non a deixar escapar. As árbores non adoitan moverse, pero por se aquel. Non quero correr detrás dela para que ninguén pense que estou mal da cabeza. Nunca vin a unha persoa correr detrás dunha froiteira, nin de ningunha árbore. Porén, xa se sabe que sempre hai unha primeira vez.
Pingas de Orballo Levo tres horas e vinte minutos abrazado a ela. Mesmo xa se me empezan a cansar os brazos. Como de cando en vez noto algo así coma unha vibración, coma un tremor, teño medo que sexa ela querendo marchar. Ó mellor é o aire que lle fai fretar algunhas gallas. Por se as moscas, vou seguir outras horiñas máis ou ata que se me agarroten os músculos; non vaia ser o demo que, nun despistar, nun descoido, a froiteira me diga adeus, moi boas. Ademais, tampouco estou tan mal. Imaxino que é unha muller e xa os músculos se relaxan, aínda que sigan firmes.
Hai uns minutos chamoume a berros o Inocencio da Contemplación (nós abreviamos con Contempla), pero non lle fixen caso. Non quixen romper o abrazo. Tiven medo que a cerdeira botase a correr. Aquí sigo e perdón por non me presentar aínda. Son o Lucino das Toxeiras, aínda que me chaman O Tolo da Canella. O de Toxeiras vén porque meus pais andaban todo o día e todos os días rozando nos toxos. Non tiñamos nin temos corte, nin tan sequera eidos para estercalos. Ás veces a xente dicía: cada louco co seu tema. O do meu alcume entendo o da Canella porque vivo nun canellón, pero o de Tolo non sei a que vén. Alá cada quen coas súas opinións, pareceres e sabedorías.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES