Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha radio cultural

Sampedro, Pilar - jueves, 19 de junio de 2025
Agora que a actualidade está nos podcast, nese modelo de programa extremadamente curto e que pode escoitarse en calquera momento, falaremos dalgún dos programas nos que participo na Radio Podcast do Ateneo de Santiago.

Manteño integramente un dos podcast: Libros para as medras no que falo de libros para crianzas e rapazada, para adolescencia e o que se dou en chamar xoves adultos. É dicir, para a xente que non acabou de medrar, que está nese proceso de crecemento.
Unha radio cultural
Sempre se fala de libros escritos en galego, orixinalmente ou escrito noutras linguas e versionados en galego. Por que? Moi sinxelo, porque estamos en Galicia e deste país é o idioma galego. Dío a palabra Galicia galego, non me complico a vida. Hai tanto que facer...

Cal é a finalidade deste podcast? Que as persoas mediadoras entre estes libros e o lectorado coñezan libros, que a min me parecen, de calidade. Chamámoslle mediadoras porque exercen mediación e non son outras que as que forman pare do profesorado, familias ou outros axentes axentes socioculturais. Cal é a razón? Que se publica moito e hai que escoller entre todo iso e... facelo ben. Porque ás veces escoitas dicir que os libros publicados en galego non son bos, que son mellores os que aparecen en castelán e ata se atreven a dicir “deste tipo, en galego, non hai”. Pois si, hai e moitas veces dunha calidade superior. Lembremos que Kalandraka (por exemplo) a gran editorial do álbum ilustrado (e non só) está recoñecida a nivel internacional e publica dende Galicia. Lembremos que temos autores e autoras que levan as súas historias a todo o mundo e reciben premios, tamén a nivel español e internacional.

Falo de libros destinados a todas as idades, dende os máis pequenos ata a chamada literatura xuvenil. Para todos os gustos, tratando todos os xéneros, dende o teatro e a poesía aos pequenos ensaios, os libros de coñecemento, as novelas ou os cómics.

A sintonía que acompaña o programa é a canción Un libro de Paco Nogueiras, sempre! E o que vou tratando pode ser novidades ou recomendacións de clásicos, libros para a época (Nadal, Letras Galegas, Samaín, libros para a paz ou sobre dereitos humanos, sobre o pai ou a nai), libros que falan de libros, libros para agasallar, novelas gráficas que versionan historias anteriores, relatos situados en Compostela, dos libros dunha colección ou dun premio, de libros con títulos que nos impresionan, libros relacionados coa música ou os libros dun autor determinado ou un tema como a ecoloxía ou a guerra.

Non sei se se escoita moito ou pouco, o que me importa realmente é que chegue a quen deberían chegar, ás persoas que median entre os libros e a rapazada, as que lles mercan os libros e polo tanto os escollen. Sempre penso que se ninguén lle daría a comer un alimento a unha criatura sen telo probado, debería pasar o mesmo co que lle damos a ler. Como podemos entregarlles un libro que nós non teñamos lido, que non estamos seguros de que ten a calidade que a crianza merece, un produto comercial que o engorda pero non o alimenta, unha de tantas obras creadas nunha factoría en cadea de maneira que semellan rirse do rapaz e da súa familia ou profesorado.

Si, publícase moito, sempre foi así, sempre se publicou máis do que se mercou. Entre a palla hai gran e iso é o que hai que escoller, o que dará froito. Se o que lle entregamos é palla, non podemos agardar outra cousa máis que restroballada. A nosa responsabilidade está na escolla, en actuar con compromiso (que só indica seriedade e bo xuízo). Nunca negar a maior: toda escolla é ideolóxica, igual que todos facemos política: os dun lado e os doutro, dunha ou outra cor. Nun conto de Darío Xohán Cabana, unha avoa vai axudar aos reis a salvar o seu fillo, a cambio de que liberen ao neto que é un preso político; o primeiro que lle contesta o rei é que lle estivo ben, que se aprendera a non facer política, tal como fai el non sería castigado. Algo semellante se contaba de Franco, que aseguraba que el non facía política e así o entendían os que se consideraban apolíticos (como se iso fose posible).

Partimos, pois, desas premisas. Escóllese o mellor entre os libros publicados en galego e preséntaselle aos ouvintes.

Máis de trinta programas e máis de medio cento de libros. A maior alegría foi cando a editorial A Fin de Cuentos entrou en contacto para agradecer o comentario sobre A nave dos fatos, un álbum no que a través dunha historia se homenaxeaba a Brueghel, O Bosco e Patinir. Seguramente non pensaban que en Galicia unha radio podcast ía ter en conta esa tradución realizada con tanto coidado. As boas editoriais escollen moi ben as xoias a publicar, fano con todo o esmero, tradúceno a maior cantidade de linguas posible e están atentas á súa recepción. Así foi posible o milagre de dar co meu podcast e valoralo. Como non ía ter en conta unha obra na que se busca a educación literaria ao tempo que se traballa a educación artística lembrando outros autores e obras do pasado, recuperando as súas imaxes nun exercicio de referencias que semella non ter fin. Porque iso é o que sucede con eses libros que teñen varias lecturas, que non se esgotan na primeira visión e temos que ir sachando capa tras capa para dar co tesouro que levan escondido. Para iso serven os podcast, para traer á actualidade os produtos culturais que o merecen no medio de todo o barullo superficial que nos ofrece a sociedade do consumo.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES