Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Media ducia de poemas e unha canción ou Comezos

Sampedro, Pilar - jueves, 12 de junio de 2025
Outro programa, de Radio Podcast do Ateneo de Santiago, no que participo é Media ducia de poemas e unha canción. Neste caso, traballo conxuntamente con Carmen Ares.

Cal é obxectivo deste programa? Dar a coñecer aos nosos poetas e poetisas. Facelo cunha pequena introdución, seis poemas lidos e un musicado. Elas e eles merecen esta pequena homenaxe que pode axudar a que cheguen a máis xente.

Media ducia de poemas e unha canción ou Comezos Escollemos poetas que teñan algún poema musicado, seleccionamos a canción e seis poemas que recitamos alternándonos. Ata este momento xa temos realizado programas sobre Xoán Xosé Fernández Abella (o poeta amigo que morreu hai un tempiño e ao que quixemos homenaxear en primeiro lugar), Luísa Villalta (cando se lle dedicaron as Letras Galegas), Eva Veiga (a poeta, actriz e xornalista que merece moito máis do que lle ofrecemos), Marica Campo (boa poeta e mestra, tamén na arte da xenerosidade), Olga Novo (premio nacional e referencia dunha xeración), Uxío Novoneyra (o poeta druída), Avilés de Taramancos (telúrico e comprometido), Salvador García - Bodaño (o poeta de Galicia, Compostela e o Ateneo), Manuel María (o que encheu de poesía e libros necesarios as escolas), María Mariño (dinamitando a fala) ou Rosalía de Castro (a poeta fundacional).

Calquera obra literaria pode ser lida en voz alta e permitir o seu goce estético. Tal vez o ensaio sexa a forma máis difícil de escoita pero aínda así o pode permitir, sobre todo se o queremos analizar entre varios. A narrativa tráenos a contada, o relato ao redor do lume, a lembranza dos antepasados que non coñecemos e dos avós que nos foron filtrando o coñecemento en forma de parábola. O teatro ofrécenos varias maneiras de recrear: léndoo en silencio, facéndoo en voz alta en forma colectiva de maneira que cada un e cada unha adopte a voz dun personaxe, facendo o que se chama teatro lido ou dramatizado, con persoas ou con bonecos... A poesía acada o seu nivel máis propicio cando a lemos a viva voz, cando a declamamos, cando lle poñemos a música que leva implícita no seu ritmo, cando a cantamos.

Os poetas son necesarios porque converten en zume a lingua, porque a poesía é imprescindible coma o pan de cada día (en palabras de Celaya). Si, nas palabras e na música, na lectura e na escoita, porque a poesía é o fermento do pan, o núcleo do átomo. Por iso quixemos lembrar a poesía e os poetas nas maneiras en que chegaron a nós.

Comezos é outro dos programas. Este realízoo con Pepe Gándara, un profesor de galego que tamén escribe. Neste caso o que facemos é recoller o principio dunha novela para que quen escoite poda adiviñar de cal se trata. A escolla ten a súa dificultade porque é absurdo presentar algo demasiado difícil, polo tanto moitas veces o comezo leva implícito o título ou o nome do protagonista, e aínda así o que facemos é dar pistas que faciliten a solución do enigma. Os libros poden ser de literatura infantil, xuvenil ou de adultos. En todos os casos traballamos con obras que se poden considerar clásicas.

Preséntase así: "Este é un programa que pode resultar concurso, ou non.
Iremos presentando comezos de libros para que a audiencia poda adivinar de que obra se trata e así saber ata onde é coñecedor da literatura publicada en galego.
Dende o máis doado de todos ata outros máis difíciles...".

Ata este momento presentamos Memorias dun neno labrego con ese principio que é coma un mantra e tan recoñecible coma "En un lugar de la Mancha de cuyo nombre no quiero acordarme". Despois de "Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademáis, probe". Continuamos con "Chamábase Luis. Un canteiro gravou o seu nome na pedra gris que cobre o seu nicho" e achegando datos coma o feito de estar publicada nunha colección xuvenil ou o lugar de nacemento de quen escribiu a novela. Do terceiro dos podcast que levamos publicado achegamos estas pistas: "Trátase da tradución dun libro que dende 1951, ano da súa publicación en Estados Unidos, provocou numerosas controversias polo súa linguaxe provocadora e por retratar cruamente os conflitos na adolescencia. De feito, o seu protagonista é sinónimo de adolescente inconformista. A súa tradución e publicación ao galego é unha boa historia que pode contar Freixanes."

Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, Chamábase Luís de Marina Mayoral ou O vixía no centeo de J. D. Salinger non deberían ser difíciles de recoñecer. Agora, desvelado o misterio, agardamos que vos animedes a seguir escoitando os podcast de Comezos e acertar todos os seguintes.

Este podcast pódenos servir para pornos a proba individualmente vendo o noso coñecemento da literatura galega pero tamén para traballar na educación formal ou non formal coa rapazada -a modo de concurso- vendo, nun momento determinado, quen acerta máis obras.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES