Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 06 de junio de 2025
As cores da TVG

O outro día lin un comentario nas redes sociais sobre o detalle de que a TVG fixo practicamente mutis ante o éxito do Celta clasificándose para a Europa League ou Liga Europea, e recalcando que se fora o Dépor... É dicir, que se lle vían as cores (máis que deportivas, políticas) a esa televisión que pagamos todos os galegos: nacionalistas, socialistas, comunistas, etc.
Ante tal comentario abrín os labios nun sorriso enorme. Porque a conta é vella. O da TVG (Televisión de Galicia) é de auténtico escándalo. Non adoito ver televisión (só para a miña sesión cinematográfica nocturna e para algún que outro partido de fútbol ou gran acontecemento deportivo), pero a muller si a ten moitas veces neses dous programas titulados: "O Termómetro" e "Hora Galega". É aí onde caio na conta, onde vexo o que nos queren facer tragar. Refuxiándose un pouco no rural (como que miran por nós), sacan noticias que ás veces van máis alá do esperpento.
Unha chispa atravesou un carballo vello. Vai o agudo reporteiro falar con tal ou cal veciño. E vostede viu o alustro? E deixou moito resplandor? A que velocidade viría? Tívolle medo? Sabe vostede que os carballos atraen os raios? Vai volver pasar por xunto a esta árbore? Cambian de conexión e asoma un camiño que asfaltaron, por exemplo, en tan só dous metros cadrados; ou sexa, unha fochanca. Con moito bombo anúnciase tal obra, coas correspondentes entrevistas ós veciños e ós cans e gatos que pasaban por alí.
Mentres nos divulgan eses acontecementos, os asuntos realmente esenciais para a cidadanía brillan pola súa ausencia. Non vaia ser que esperte a nosa intelixencia e nos decatemos da verdade.

A base de Berros

Berros. Berros na tarde. Berros a esgalla. Berros cheos de carraxe. Berros nos que se tropezan, se atrapallan as palabras. Berros coa ollada perdida no infinito e máis alá. Berros desde o corredor. Berros desde cerca e na distancia. Berros nun espazo cerrado. Berros en compañía. Berros desde o máis profundo do silencio. Berros que rachan tal silencio. Berros cun sorriso crítico. Berros con miradas de xenreira. Berros que, co paso do tempo, causarán bágoas. E tristura. E pena. E dor. E pesadume. E aflición. Berros con insultos. Berros que mancan. Que mancan.
Por unha carallada de nada. Polo valor dunha palla. Por un si que non. Por un non que si. Por un deixa. Por un quita. Por un xa está. Por un espera. Por outro quita. Por uns nervios que asoman. Por unha alteración que suma. Por unha paciencia que se esgota. Por un ruído de fondo que, lóxico, rebenta, estoura. En berros. A base de berros.
Berros que van e vén. Berros que quedan colgados na memoria e que revolven o sentido, a conciencia. Berros con palabras embarulladas, incorrixibles. Berros que, co furor, sae o cuspe da impotencia. Berros que feren, que laceran, que penetran, que chegan ó corazón do agarimo, do amor, do afecto. Por isto, precisamente, chegará o momento no que tales berros produzan morriña, soidade, nostalxia de amor.
Berros que foron, que mancaron, que doeron. Agora, o tempo todo o cura e tan só queda ese ruxerruxe, ese formigo na conciencia. Agora, pouco a pouco, asoman os remordementos por uns berros que case non viñan a conto, ó caso. Berros xa apagados polo amor dunha convivencia eterna.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES