Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...

Curros Neira, Jesús - martes, 10 de junio de 2025
O nobre oficio da "fontanería"

Atópase estes días o meu bo amigo Balbino moi amolado. O motivo deste enfado, que trata en balde de ocultar, é que hai bastante tempo que o home chamou a unha empresa de fontanería para que viñesen arranxar unha filtración de auga na súa casa e aínda non sabe cando poderán vir reparala. Non é estraño que nestes tempos sexa case imposible atopar a un profesional que che veña resolver calquera problema nun prazo máis ou menos razoable, sen ir máis lonxe eu mesmo coñezo a unhas familias ás que lles desmontaron as terrazas para impermeabilizalas hai case un ano e a empresa responsable da obra aínda non rematou o traballo ante a desesperación dos afectados. E ata o de agora pensaba eu na miña ignorancia que estes atrasos debíanse á falta de persoal especializado nestas tarefas. Durante bastantes anos se veu menosprezando á formación profesional en beneficio da educación universitaria e a consecuencia desta política é que hoxe temos licenciados dabondo, que moitas veces non atopan traballo naquilo para o que se formaron, mentres que non sabes que facer para dar cun electricista ou cun bo albanel.
Mais, por mor das noticias que coñecemos estes últimos días, é posible que esta carencia de certos profesionais non se deba tan só a un fallo do noso sistema educativo... ou iso, polo menos, pensa Balbino. Pois resulta que esta semana decatámonos de que hai nos partidos políticos "fontaneiros" que non se dedican precisamente a reparar os canos ou a resolver os problemas causados por filtracións de auga. Non, parece ser que estes novos "fontaneiros" ocúpanse de buscar información que poida facer dano a persoas molestas, como é o caso de xuíces, fiscais ou policías que se dedican a investigar o que non hai que investigar. As filtracións das que se ocupan estes peculiares profesionais non son de auga, senón de rumores máis ou menos malintencionados, e mesmo inventados, que sirvan para controlar o traballo daqueles que teñen que indagar ou xulgar cuestións que incomodan aos poderosos.
Os presuntos e mal chamados "fontaneiros" dos que agora estase a falar móvense na órbita dos socialistas -sen que afirmemos nin moito menos que estes tivesen coñecemento do que esta xente estaba a facer, cousa que xa esclarecerán no seu momento os tribunais de xustiza- pero non son exclusivos dun único partido. E como proba do que acabo de afirmar lémbrame Balbino que aínda colea por aí o coñecido como "caso Kitchen", no que investígase a suposta trama para obter documentos con información delicada que estaban en poder de Luís Bárcenas, antigo tesoureiro do Partido Popular.
Pero o problema agora non é que existan estes presuntos "fontaneiros", o malo é a imaxe que se transmite ao mundo dun goberno desnortado, sen orzamentos, sen apoios suficientes como para sacar calquera medida adiante e rodeado de escándalos. E a pregunta é: en que outro país de Europa pode manterse un goberno nestas condicións? Fagamos un repaso do que ocorre na nosa contorna inmediata:
En 2023 Antonio Costa, primeiro ministro de Portugal, presentou a súa dimisión ao verse envolvido nunha serie de escándalos, o que levou a que o Presidente da República convocase finalmente eleccións, que se celebraron o 10 de marzo de 2024 e nas que obtivo a vitoria por unha estreita marxe o partido de centro dereita Alianza Democrática. O primeiro ministro saído destes comicios, Luís Montenegro, viuse á súa vez envolvido en diversos escándalos que provocaron que presentase unha moción de confianza no Parlamento, que finalmente perdeu, o que obrigou ao Presidente a convocar novas eleccións xerais, celebradas o pasado 18 de maio.
Lémbrame igualmente o meu amigo Balbino que recentemente en Alemaña o chanceler Olaf Scholz rompeu o acordo de coalición que sostiña o seu goberno, o cal conlevou a convocatoria de eleccións anticipadas o 23 de febreiro de 2025, que finalmente perdeu dando paso a un novo goberno presidido polo cristián-demócrata Friedrich Merz.
Algo parecido acaba de ocorrer nos Países Baixos -non se lles ocorra dicir "Holanda", que isto alí molesta a bastante xente-, onde o dereitista Wilders abandonou o goberno deixándoo sen apoios suficientes para continuar, o que obrigará a acudir novamente ás urnas.
E aquí mesmo non hai moito que Felipe González lembraba que el convocou eleccións en 1996 cando a falta de apoios impediulle aprobar uns novos orzamentos xerais.
Así pois, como vemos, a falta de apoios para manter un goberno ou para aprobar un orzamento adoita dar lugar por aí adiante á convocatoria de novos comicios. Tamén é evidente que a corrupción non é un problema exclusivo de España senón que, por desgraza, vívese en todos os países do mundo xa que é inseparable da condición humana. Non é exclusiva dunha ideoloxía, dun partido ou dun país concreto. Pero a solución que se lle dá noutros lugares non tan distantes de nós non é o sostenella y no enmendalla senón deixar que o pobo teña a última palabra. Porque, en definitiva, iso é a democracia: o poder do pobo. En cambio, o feito de que os partidos leven a cabo componendas en despachos ao marxe da verdadeira vontade popular é outra cousa. Iso é partitocracia.
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES