Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galeguizargalicia.com

miércoles, 19 de agosto de 2009
Velaqui o nome dun dominio na rede que dá acubillo a un grupo de asociacións culturais que teñen como obxectivo galeguizar Galicia. Unha vella arela promovida polas avangardas culturais que desde o século XVIII fixo fronte ás políticas asimilacionistas, negadoras da nosa singular identidade. Os precursores do galeguismo forxaron ese nobre ideal polo que xeracións posteriores continuaron loitando mesmo contra belixerantes adversidades.

A constelación de entidades culturais que se agrupan no dominio galeguizargalicia.com son conscientes da importancia do esforzo individual e colectivo nesa tarefa común de recuperarmos o orgullo de sermos un pobo cunha cultura e lingua de seu, e da importancia que teñen as institución públicas neste proceso regaleguizador, porque o Estatuto e Autonomía de Galicia encoméndalles aos poderes públicos a defensa dos nosos valores culturais, obriga derivada do precepto constitucional que establece a protección das culturas, tradicións e linguas dos pobos que forman o Estado español.

A galeguización de Galicia debe ser unha arela colectiva na que se impliquen cada vez máis o maior número de cidadáns, superando receos e complexos culturais que as vicisitudes históricas inocularon con pervesidade na conciencia popular. Son aínda moitos os galegos e galegas que teñan medo a manifestárense integramente galegos; galegos na lingua, nas relacións sociais, profesionais, na empresa e na política; galegos en tódalas afirmacións da nosa vida individual e colectiva. Medos a seren, nunha palabra, demasiado galegos. Ese medo non é máis que un resto de servidume histórica, que deu pé a un xeito de pensar e actuar negativo: todo o noso seméllales vulgar, e todo o alleo distinguido e superior, admitindo que para estar no mundo hai que renunciar ao propio.

En galeguizargalicia.com atoparán os internautas as actividades desenvolvidas por diversos colectivos culturais, que se caracterizan por un denominador común na súa estratexia: teren a oferta positiva como un valor pedagóxico decisivo para espallar o chamamento á galeguización, dí Carme P.Vaquero, unha das súas máis cualificadas dinamizadoras.

Estes son os colectivos que aparecen asociados no dominio galeguizargalicia.com: Foro E. Peinador, que desenvolve as súas actividades galeguizadoras no ámbito empresarial, tradicionalmente arredado da nosa cultura e lingua; Fundación L.Peña Novo, que estimula o uso da lingua galega, oral e escrita, no funcionariado; Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, decana das asociacións no fomento do uso da lingua galega en tódalas administracións públicas de Galicia; Irmandade Xurídica Galega, formada por profesionais do Dereito, que se esforzan por galeguizar as oficinais xudicias, rexistros e notarías, sen esquecermos as universidades –facultades de dereito-, e institucións colexiais –avogados e procuradores-; Asociación de Amigos do Couto Mixto, que recupera as raíces daquela entidade territorial singular arraiana, e tenta atopar no marco da eurorrexión, Galicia-Norte de Portugal, un escenario para achegármonos a unha cultura e tradicións comúns; e a Asociación Álvaro das Casas, que centra a súa atención na galeguización do sector vinícola e agroalimentario, imprescindible para que o porvir da nosa lingua non se circunscriba unicamente ao ámbito literario.

Esta constelación de asociacións culturais, independentes de calquera poder político e partidario, queren promover o artellamento dunha conciencia máis galega, colaborando coas institucións públicas na consecución do mandato legal que as obriga a galeguizar Galicia. Todas elas contribúen, coa numerosísima asistencia, cuantitativa e cualitiva, aos seus actos, a que ali onde había medo naza o orgullo, e se albiscaba vulgaridade, agora se recoñeza orixinalidade, que é elegancia e distinción; dous factores necesarios e decisivos para prestixiar a nosa lingua.

*Presidente do Foro E. Peinador
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania