O corazón do tempo
Otero Canto, Xosé - martes, 10 de junio de 2025
Quen dixo que o tempo non ten corazón? se está latexando de seguido. Mirade as árbores como se expresan, como bailan, como se moven, como apertan o silencio entre as súas gallas na ramallada oblicua que se entretén falándolle aos paxaros que retén nas súas pólas... e como dialogan os dous en dicires de asubíos e lamentos que laten na alborada e na anoitecida.
Quen dixo que o tempo non ten corazón? se detrás do día bate a noite na escurecida e o silencio vaise vindo, intre a intre, segundo a segundo, compartindo luz e sombra, alba e verdade, luz e coñecemento, onde o verme da luz avisa dos seus adentros e ao raiar o día desaparece porque outros corazóns inician o proceso da luz que conforma a evidencia, a intelixencia que esperta atribulada e agoniada da negrura da noite na que se sente máis forte. Como peta o seu corazón adormecido polo silencio, pero segue palpitando nos reloxos que son os corazóns da noite encargados de espertar os outros corazóns durmidos entre as sabas pegadas no bocadillo da cama.
Todo o que hai neste mundo coñecido ten corazón, aínda que non o vexas, e aínda aquelas outras cousas que non vés, pero que existen, tamén teñen o seu corazón, mais non fai falta que bata como unha campá ou como un reloxo para que exista, para que o vexas. Todo consiste en mirar doutra maneira, en mirar oblicuo cos ollos da poesía traspasando os eixos que moven o coñecemento, mirando o calidoscopio das súas entrañas que en capas forman músculos que se abaten e comprimen como espirais de vivencias soltando palabras e cinguindo pensamentos para chegar á esencia descarnada do seu ser, vendo a través do tempo os corazóns dos "entes" que na filosofía é todo aquilo que existe ou ten a posibilidade de existir.

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora