Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (20)

Otero Canto, Xosé - viernes, 06 de junio de 2025
Impetración ( I )

Impetración é un longo poema intimista e autobiográfico, de 108 versos repartidos en 10 tiradas ou estrofas moi irregulares en canto á extensión dos contidos:

1ª Estrofa ............................. 16 Versos
2ª Estrofa .............................. 4 versos
3ª Estrofa ............................. 16 versos
4ª Estrofa ............................... 4 versos
5ª Estrofa ............................. 16 versos
6ª Estrofa ............................. 16 versos
7ª Estrofa ............................. 12 versos
8ª Estrofa .............................. 8 versos
9ª Estrofa ............................. 12 versos
10ª Estrofa ............................ 4 versos
-----------------------------
Tiradas: 10 ------------ Versos: 108

Mais... que é unha impetración? É a acción e o efecto de pedir un favor ou unha graza mediante súplicas ou, o que é o mesmo, conseguir un favor mediante rogos. Os sinónimos de impetrar son: implorar, pregar, rogar ou suplicar. O poema non é unha ladaíña, aínda que esta tamén sexa un conxunto de oracións que se rezan, mais neste caso, sería á Virxe ou aos Santos, invocando o seu nome e seguindo unha breve pregaria para que intercedan diante de Deus. Dicimos que non é unha ladaíña porque a súplica vai dirixida ao mesmo Deus, coa denominación de Señor. A impetración confórmaa un tipo de romance que se chama ENDECHA, ou serie indeterminada de versos heptasílabos con rima asonante, unicamente en todos os versos pares, quedando libres os impares. A endecha é unha composición de dó ou dun sentimento de mágoa ou aflición. Avelino Díaz sabe moi ben cal é a estrofa que se adapta perfectamente aos sentimentos que trata de describir o poeta e ten un coñecemento da poética tan grande que sempre emprega a métrica e a estrofa máis adecuada para o efecto. O heptasílabo quedou case asignado á composición de endechas e anacreónticas nos Séculos de Ouro da poesía española e o mesmo Góngora así como Avelino adoitan o verso heptasílabo cun romanciño aconsonantado, tamén coa temática da dor, Góngora sobre a morte de dona Luisa de Cardona, "Moriste, ninfa bella" no 1594 cuxo primeiro verso ten ritmo trocaico igual ca o de Avelino, "Señor, que nas outuras", co que dá comezo esta composición.
PRIMEIRA TIRADA
Señor que nas outuras
estás, preno de groria,
e de cuia persencia
cheas están as cousas.

Comeza a primeira tirada con estes catro versos iniciais dirixidos a Deus nunha invocación e manifestando as peculiaridades de Deus, como son: señor das alturas, pleno de gloria e omnipresente en todas as cousas da creación. Obsérvase unha metátese en "persencia" por "presencia".

Hoxe volto a falarche
como nas vellas horas
en que miña inocencia
tiña esperanzas novas.
Hoxe volto a falarche
c-unha inquedanza louca,
como quen fala ô vento,
como quen fala âs ondas
do mar, que rexo brúa;
como quen lles pregoa
sen delor ás estrelas
coidando que ll-escoiten.

Os versos antepostos, cos que remata a primeira tirada, están formados por dous contidos separados por puntos e polo verso que repite, "Hoxe volto a falarche". No primeiro caso, supón xa, que o fixo hai moito tempo, cando aínda era un inocente, cando tiña esperanzas, entendemos "esperanzas de contestarlle" ás súas preguntas. No segundo, "Hoxe volto a falarche", a inquietude de Avelino é moi forte; nós, naturalmente, non sabemos cal era a congoxa do escritor, pero, tendo en conta as comparacións, coidamos que non cre moito na resposta de Deus ás súas peticións pois o autor fálalle a Deus como quen llo fai ao vento, ás ondas ou ás estrelas, esperando que o escoiten.

SEGUNDA TIRADA
A segunda tirada tan só ten catro versos e volve ser unha invocación ou pregaria, como o foron os catro primeiros versos cos que se iniciaba a composición.

Diante de tí tremante,
meu esprito se axionlla
e, da verdá en precura,
quere falarche a solas.

Sabemos que, o que invoca, axeónllase e, temeroso e axitado quere falar con Deus, na procura da verdade que, naturalmente, descoñecemos, pero quere facelo "a solas" por ser algo persoal e que os demais non deben saber.

TERCEIRA TIRADA
Esta estanza está formada por 16 versos nos que o autor intentará contarlle de que se trata o asunto do que desexa falarlle a soas.
No medio do camiño
cansado xa da loita
i-espido, como un árbre
que lle caien as follas . . .
autean os meus ollos
deic-a verdá que iñoran
mais . . . ¿cal é o vieiro?
¿Cal é, Señor, a roita?
Estou na encrucillada
i-anque o esprito me aboia
teñ-un medo arelante,
un medo que me asombra.
Escoito, estou calado,
percuro a garimosa
voz, e só verbas agres
meus ouvidos escoitan.

Maniféstasenos o autor no medio do camiño, que está representado como o medio da vida que corre e escorre, de súpeto, e, xa cansado da loita de vivir, íspese coma unha árbore e pon os sentimentos diante de Deus, coma esa árbore á que lle caen as follas, quedando de inverno ensinando todas as súas ramas que son os seus sentimentos e temores.
O autor atópase nunha encrucillada e pídelle a Deus que lle indique o vieiro ou a rota que debe coller o seu espírito porque ten un medo xeneralizado que o cobiza e que o asombra, diante desta situación, escoita caladiño as palabras do Deus invocado, esperando que a súa agarimosa voz lle conteste, mais tan só escoita a acritude das súas palabras que se producen cun gran desacougo.

CUARTA TIRADA
No medio do camiño
ten a miña congoxa
a tristura das árbres
que lles caien as follas.

Estes catro versos son a repetición, practicamente igual ao comezo da terceira tirada que di así:

No medio do camiño,
cansado xa da loita
i-espido, como un árbre
que lle caieu as follas.

A comparación é a mesma e os versos un e catro das respectivas tiradas son unha repetición nos dous casos; a diferenza está en que o primeiro trata da "congoxa e a tristura" e o segundo do "cansazo da loita" e da "espidura" dos sentimentos, ou iso supoñemos.

QUINTA TIRADA
Veñen sendo outros 16 versos divididos en catro partes, correspondéndolles catro versos a cada unha das partes, observables pola presenza dun punto e de letra maiúscula cada catro versos.
Primeira parte:
Fuxiron os ensoños,
van lonxe as horas mozas
e, no outono da vida,
máis s-espesan as somas.

Na primeira parte dinos que xa fuxiron as representacións fantásticas de quen soña esperto e que o tempo da mocidade tamén caducou debido a que agora, xa maduro e no outono da vida non se distingue ben entre as somas e as cales, un xa dubida de todo e por iso se espesan as somas porque non se chega a discernir con claridade.
Segunda parte:
Na busca do camiño
que da verdade informa
inda topar puiden
a luz ourientadora.

Non obstante, nesa procura do camiño desde a encrucillada na que se atopa puido encontrar unha orientación acerca desa verdade que intenta acadar e que anda na súa procura; para tratar de resolvela, uns dinlle que vaia por uns vieiros que nin eles mesmos adoitan percorrer e outros indícanlle que vaia por uns camiños totalmente descoñecidos, que supoñen moitas dificultades representadas pola contrariedade dunha "costa" que custa moito subila, valla a contrariedade, para que outros "turren da corda" e fagan forza por si mesmos.
Terceira e cuarta parte:
¡Eiquí! ¡Eiquí!, me dicen
voces de xentes tolas
amosando vieiros
que percorrer n-adoitan.

¡Acó! ¡Acó!, me berran
xentes a quen a costa
lles pon medo, e pretenden
que outros turren da corda.

Continuará...
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES