Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mateo e Uxía (7)

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 12 de junio de 2025
Capítulo sétimo

(Historia de ficción. Os relatos históricos son reais).

Eran as nove da mañá e Mateo durmía moi profundamente no hotel cando de súpeto sente petar á porta. Cos ollos medios pechados e cubertos da brétema do sono, pensa se será o persoal da limpeza quen chama, pero é imposible a aquelas horas que vaian facer a limpeza cando el mesmo o día anterior falando con Rivera, dono do hotel, lle comentou que ata aló das dez ou dez e media non se levantaría. De novo, sente petar á porta e estrañado da repetición dos golpes, responde, "quen é?. Do outro estremo da porta sente unha doce voz feminina, son eu Mateo, son Uxía!. Mateo salta da cama e abre a porta e cos ollos chamuscados quédase mirando para Uxía e faille a pregunta máis parva que un home pode facer, e ti que fas aquí?. Podo pasar?, dixo Uxía. Pasa, pasa!, respondeu Mateo. Unha vez no interior da habitación, Uxía dille a Mateo, onte dinche un bico impresionante e hoxe quero amplialo xunto con algo máis, podo?. Mateo agora cos ollos de par en par abrázase a Uxía, bícanse de novo ao tempo que Uxía se saca a roupa. Ambos métense na cama e como as ventás estaban pechadas, Mateo tiña a luz acesa, entón Uxía dirixíndose a quen isto escribe díxome, vou apagar a luz, e coa luz apagada non vas poder escribir, polo que che aconsello que te vaias para a cafetaría do hotel mentres nós facemos unha escavación arqueolóxica sen precedentes. Claro está, quen isto escribe por educación e non por outra cousa, marchei, e espereinos na cafetería do hotel como Uxía me mandou.

Despois de un par de horas aí aparecen os dous románticos excursionistas. A onde imos hoxe Mateo?, preguntou Uxía. Pois terás que levarme a Cordido, coido que alí hai unha igrexa moi antiga, comentou Mateo. Nin idea, respondeu Uxía, pero aló imos.

Despois de almorzar no hotel, Mateo e Uxía, colleron o BMW e rumbo a Cordido. Ao chegar ao lugar da Igrexa, observaron que estaba pechada. A pesar de todo, deron unhas voltas polo entorno, pero houbo sorte, aparece un señor por alí que ao ver a parella preguntoulles se querían ver a Igrexa por dentro. Por suposto que si, afirmou Mateo. Aquel home díxolles que esperaran un par de minutos que ía pola chave, era o sancristán.

De volta coa chave e a igrexa aberta, o sancristán comentoulles que era a Igrexa de
San Xiao. A primitiva igrexa de Cordido, comenta o sancristán, constrúese no ano 650, segundo consta no libro de fábrica (que o Inventario Artístico data no século XVII e a guía da diocese no XVIII). O documento do libro de fábrica no que consta esta data é unha copia do Tombo Apeo da igrexa de San Martiño. Mateo, que é o Tombo Apeo?, nunca oín falar de iso, comentou Uxía. O Tombo, comentou Mateo, é un libro de pergameo de gran tamaño que teñen as igrexas, conventos, mosteiros, municipios e outras comunidades, coas copias dos seus privilexios e das escrituras das súas propiedades. E o Apeo é unha operación que consiste en medir as terras para sinalar os seus límites. Escritura na que se rexistra esta operación.

O sancristán prosigue coa súa explicación sobre do templo, Posúe unha única nave, cuberta de madeira, con arco triunfal e capela maior cadrada, onde se abren ós lados dous arcos peraltados que dan paso a súas capelas laterais. Como podedes apreciar, esta Igrexa é a máis antiga do Concello de Foz xunto coa de San Martiño". Pois si, respondeu Mateo.

O retablo maior é barroco rexional, prosigue Mateo, con dous corpos. No primeiro podemos ver catro columnas salomónicas e tres fornelos. Nas dos lados, as imaxes da Virxe co Neno, que pode ser de principios do XVI e a de San Roque. No segundo corpo destaca a imaxe de San Xiao que pode ser do século XVIII. Que son –columnas salomónicas-?, preguntou Uxía. As columnas salomónicas son as que ves que en vez de ser lisas, son retorcidas, ou sexa, como a punta dun trade e poden ter motivos florais que se van enroscando por elas arriba como se fora hedra, comentou Mateo.

O que máis me sorprende é esta Virxe que tedes aquí, lle comentou Mateo ao sancristán. Vestida de azul turquesa e cun gorro tipo peregrino. Pois si, respondeu o sancristán, precisamente é a Virxe Pelegrina que nós chamámoslle así, Pelegrina e non Peregrina. É a segunda patroa de Cordido. Mateo, por Deus, perdoa a miña ignorancia, que quer dicir segunda patroa?. En tódalas parroquias hai dous patróns, normalmente, santo e santa, comentou Mateo. Neste caso, o patrón de Cordido é San Xiao e a patroa, a Virxe Pelegrina. Por certo, é moi curioso que lle chamen –pelegrina-, palabra que a RAG cambiou no galego normativo. Recordaremos que a mascota do Xacobeo no ano 1993, era –Pelegrín-, non –Peregrino-". Entón os de Foz somos máis ricos que temos tres patróns?, chanceou Uxía. Por que o dis, apuntou Mateo. Pois porque Foz ten tres patróns, Santiago, patrón da parroquia, San Lourenzo, patrón tamén e a Virxe do Carme. Mateo botouse a rir e faille sinais a Uxía de marchar.

Ao saír pola porta, Mateo virouse mirando a fachada e ao lado da porta da Igrexa observou un pequeno burato rectangular como se fose a porta dunha caixa de correos, pero feito na fachada e en pedra. Que misión ten iso?, lle preguntou Mateo ao sancristán. Para botar esmolas. Esta ventá antes era moito máis grande, pero un día un home cunha escopeta meteulle o cano pola ventá, disparou e matou ao cura que estaba oficiando misa. Nunca se soubo por que". Pois nada, moitísimas grazas pola súa amabilidade e xa nos imos que é unha boa hora de xantar.

Mateo e Uxía vanse de cara ao coche e Uxía faille unha pregunta, Mateo, déixasme conducir?. Tes carné?, preguntou Mateo. Non, pero préstasme o teu, respondeu Uxía. Botáronse a rir os dous, pero Mateo deulle as chaves do vehículo a Uxía, e por certo, a rapaza conducía moi ben.

CONTINUARÁ o día 19 de xuño de 2025
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES