Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Yolanda Carbajales, profundando a arte, ao servizo da cidadanía

Sampedro, Pilar - jueves, 05 de junio de 2025
Máis alá da perfección técnica que dá o oficio herdado dos gravadores de séculos pasados, da experiencia de toda unha vida dedicada a esa angueira, do empeño na calidade dun traballo meticuloso... Máis alá está a ARTE.

A busca dunha linguaxe propia, a procura da imaxe que achegue novas lecturas sobre o permanente, a representación que nos traia esa nova cara do firmamento, a pegada que deixa o teu pé no camiño, o emblema que asina a modo de ex libris, o símbolo que nos define, a icona que nos marca, a traza que nos fai parar diante dunha peza artística. Porque niso consiste a arte, en que nos golpee no peito e sintamos como a emoción sube ata os ollos. Todas as persoas a recoñecemos cando nos pasa; vas percorrendo unha exposición colectiva e, de repente, algo nos obriga a parar: que pasa Yolanda Carbajales, profundando a arte, ao servizo da cidadanía con esa obra? en que fibra sensible nos tocou? que corrente a trouxo dende as cavernas no paleolítico? que ten ela que non teñen as demais? Sucede, podemos dar fe e, digan o que digan os historiadores e as grandes especialistas en arte, calquera persoa, en calquera momento da súa vida é sacudida por esa turbación.

Despois, engadímoslle toda a cultura e experiencia artística que adquirimos ao longo da vida, toda a reflexión intelectual coas asociacións que a enriquecen recollidas nun momento ou outro da Historia, porque xa son moitos anos sobre a Terra e o palimpsesto acumula moitas capas de tempo. Pero, se non conta con esa chispa de lume, é discurso, só relato, por iso eu convido a pararse e lembrar cando a experiencia sucede.

Non sei se é o síndrome de Stendal ou a sabedoría que vai marcada no ADN... Unha vez que me pasou, debín quedar demasiado tempo quieta diante dun faro de Xurxo Martiño porque a persoa que me acompañara veu sacudirme, seguiu a miña mirada e dixo "esa pintura faime mal", e eu entendina. O gran Emili Teixidor falaba daquelas obras literarias que nos remexen, que nos poñen co de dentro para fóra, que nos fan cambalear... razón pola cal moita xente lles fuxe, pero certamente esas son das que van quedar para as xeracións posteriores, son parte das que nos representarán no futuro.

Iso me pasa a min coas obras de Yolanda Carbajales (non con todas -certo- pero con moitas), que me obrigan a entrar nunha parte do meu ser que igual está adurmiñada e a esperta, obrigándome a enfrontar esa esencia que todo humano leva coma unha semente e que nos fai pensar na nosa mortalidade, nesa condena de ser consciente da morte que nos agarda dende que nacemos, no mundo que houbo e vai haber despois de nós. Arte, polo tanto.

Síntoo cando me atopo diante dunha corda, dun nó deses que forman parte da serie Puntos con diferentes denominacións: puntos de orixe, puntos de ansiedade, puntos de ruptura, puntos de agarre, puntos de tensión, puntos de encontro, puntos de fuga, puntos de-spacio, puntos dende o corazón, puntos de vista, puntos de liberdade, puntos de paixón, puntos de defensa, puntos de melancolía, puntos cara o interior, puntos de angustia, puntos de abrazo, puntos de orixe, puntos de.. puntos de reflexión (chámoos eu) porque no fondo todos eles nacen do pensamento, de matinar ou profundar como dicía o noso Castelao (que é de todos pero chamámoslle noso para que se sinta a gusto en cada unha das nosas casas, como se fose a súa, que diso se trata). Síntoo, tamén, ante os planos de detalle cos que representa a natureza: as flores e os froitos silvestres que están aí saíndo da escuridade da noite cara ao día, e aos que unha migalla de cor ou de tonalidades grises é suficiente para que se descubran diante de nós e nos falen de como todo iso é vida. Por veces, a artista coloca esas partículas nunhas mans humanas que teñen algo de metal, envolvéndoas, porque somos os amos do artificial, de todo o que creamos querendo asemellarnos a deuses sen caer na conta de que xa o eramos (nós e todos os seres vivos) ao reproducirnos.

Ademais, a artista ten moitos outros valores dos que me gustaría falar. Por exemplo, a humildade nesa escolla do gravado. A elección de quen non busca chegar coas últimas manifestacións do enorme “eu” mediante instalacións ou intervencións que moitas veces aceptas pola sinatura, da pintura de sempre, a escultura, a fotografía... de quen se conforma con iluminar os libros ou a vida das persoas que non precisan ser nobres nin ricos para gozala. A técnica que permite a multiplicación da obra para facela accesible a máis xente. A arte ao alcance da cidadanía, que chegou ao extremo cando aquel artista colombiano rematou publicando as súas obras no xornal e informando de que as asinaría, unha por unha, para darlle o selo de única. Ás veces, ten visos de modestia o que é unha elección consciente que aproxima a obra aos fogares ou as institucións que con outra técnica sería imposible.

A xenerosidade que destila a artista pode lerse en facerse gravadora, pero non só. Porque ela é a muller que se apunta sempre que alguén pon en marcha unha campaña de apoio ás causas xustas. Así a coñecín eu, cando Alento Esbravexo creou “Unha manda de pezas para Isaac” (en 2020, no centenario do nacemento de Díaz Pardo) e ela non só participou cunha obra senón que enviou copias para que fosen entregadas a aquelas institucións ou persoas que tiveran un comportamento digno co home que foi derrotado por ternos dado unha vitoria. Daquela foi acompañada pola poesía de Julio Montes (o seu compañeiro de vida), un home da meseta que adoptou Galicia para exercer a medicina máis humana e que nos morreu (coma unha pomba nas mans) mentres Heitor ía publicando manda a manda. A partir de entón Yolanda forma parte do colectivo e o seu alento esbravexo destila a máis linda pureza, a inocencia dos xustos que pensan que o ben está para servir ao público.

Con ela, eu sinto que a bondade ascende, igual que vexo como a luz nace da escuridade (tal como ela explica coa súa técnica á maneira negra) e testemuño que este xeito de estar no mundo é o que cómpre para rachar co mal fado.

Destaca a artista entre os do gremio e destaca a muller no conxunto da contemporaneidade. Por iso, se hai algo que vale a pena -ademais de admirar a súa obra- é coñecela. Compartir con ela este tempo que nos tocou e poder crer algo máis na humanidade.

Máis alá do oficio, a arte, e a carón da obra, a persoa.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES