2.9. Cruceiro do Caxigo
Lugar: Ferreiros
Parroquia: Vián
Esta expresión artística, de carácter privado, está situada preto dun cruzamento de camiños e da igrexa parroquial. Pertencía a "Casa de Pedreira".
A súa orientación e Nw-Se.
Coordenadas U.T.M. X: 631.850 Y: 4.796.960
Dende unha perspectiva artística compónse dunha serie de elementos claramente diferenciados e dispostos nunha orde ascendente da seguinte maneira:
Unha plataforma, formada pola roda dun muiño, sobre a que se levanta unha base monolítica de dous tramos: o inferior, de forma paralelepípeda; e o superior, de forma troncopiramidal cos bordos superiores redondeados. Na cara Nw., lese o seguinte epigrafe:
"EL ILMO SR O / BISPO DE MONDOÑE /DO CONCEDIO 40 / DIAS D INDULGEN / CIA POR REZAR EL..."/.
A base alóngase nun fuste monolítico, de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas biseladas no resto. A cara Nw., está decorada co relevo dos símbolos da paixón na seguinte orde descendente: tres cravos, un martelo, unhas tenaces, unha espada e unha escaleira de nove banzos. Na parte superior das súas catro caras hai un rebaixe cuadrangular, no que hai inscrito dous rombos concéntricos e dous roeis franqueando os vértices superior e inferior nas súas caras Nw., e Se., e aspas nas outras caras. O fuste serve de soporte a un capitel, de forma troncopiramidal invertida, ornamentado con volutas nos vértices superiores das arestas e querubíns nas súas caras. Como remate, unha cruz latina de sección cuadrangular nos extremos e oitavado no resto; ademaís, amosa un tipo de cruz florenzada nos extremos do brazo horizontal e na cabeceira. O anverso, baixo unha cartela anepigráfica, mostra unha imaxe cristolóxica cos seguintes trazos: unha coroa de espiñas na cabeza, inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos, formando unha lixeira V, ao longo da cruz mais separados dela ao igual que a cabeza, o lombo e as pernas; as mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito; e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo e ambos os dous sobre unha caveira. A efixie de Cristo está franqueada por dúas pequenas imaxes, decapitadas, que posiblemente representaasen a San Xoán e a Virxe.
Trátase dun cruceiro, que estaba parcialmente pintado de cor azul -acto vandálico- ao que lle falta dende comezos deste século -febreiro 2001- a cruz. No obstante, había a intención de volvela a colocar unha vez restaurada.
Este cruceiro inicialmente foi colocado, a finais da década dos oitenta do século pasado, ao carón da Cooperativa do Caxigo e, logo -anos 1995-96 no seu actual emprazameanto.
2.10. Cruceiro do Venanciño.
Lugar: Bouza
Parroquia: Vián
Esta manifestación relixiosa, de dominio privado, está colocada no interior da propiedade da "Casa de Venanciño". Mostra unha orientación W-Leste.
Coordenadas U.T.M. X: 631.500 Y: 4.497.300.
A nivel artístico, componse dunha serie de partes claramente difrenciadas, que nunha orde ascendente, están dispostas do seguinte xeito:
Unha plataforma, formada por dous chanzos de granito cos bordos superiores saintes e redondeados. Esta serve de soporte a unha base monolítica, que mostra dous elementos: o inferior, paralelepípedo; e o superior, troncopiramidal, rematando nunha moldura convexa. Na cara W., pode lerse a seguinte inscrición: "VIM. Y SMS / 23 4 1977"/.

A base prolóngase nun fuste monolítico, de sección cuadrangular nos extremos e oitavado no resto. A cara W., está ornamentada por unha hostia e un cálice, e a continuación polos símbolos da paixón na seguinte orde descendente: tres cravos, unhas tenaces, un martelo, unha escaleira de nove banzos e unha espada. Na parte superior das catro caras hai un rebaixe cuadrangular cun rombo inscrito. O fuste actúa de sostén dun capitel de forma troncopiramidal invertida, decorado con volutas nos vértices superiores das arestas e cabezas de anxos nas súas caras. Como remate, unha cruz latina de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas biseladas no resto; así mesmo, amosa un tipo de cruz florenzada nos extremos do brazo horizontal e na cabeceira. O anverso, baixo unha cartela na que pode lerse "INRI", amosa unha talla de Cristo que presenta as seguintes pecualidaridades: unha coroa de espiñzas na cabeza, inclinada ao lado dereito; os brazos están estendidos, formando unha lixeira V, ao longo da cruz mais separados dela ao igual que a cabeza, o lombo e as pernas; as mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito; e as pernas, lixeiramente flexionadas, mostran o pé dereito sobre o esquerdo e ambos os dous sobre un supedáneo. A imaxe cristolóxica está franqueada por dúas imaxes pequenas, vestidas cun manto. O reverso, mostra unha advocación mariana de pé co Neno deitado nos seus brazos e franqueada por dúas imaxes pequenas -santiños?-.
O acrónimo VIM corresponde a Venancio Iglesisas Morelle e o SMS a súa dona Sagrario Mazoy Silva, persoas que mandaron construir o cruceiro co gallo da súa voda. Este cruceiro foi construído por un canteiro da parroquia de Román (Vilalba), nomeado Cesar, na data que figura no epigrafe.